sábado, 22 de setembro de 2012

O Miño entre as vides do Ribeiro


"Hay bos viños de corpo que apresentan 
De branco e mais de tinto varios córes 
De agullas, refrescantes, turruxeiros, 
Que poden se repór òs mais primeiros 
Prézados po los Reis e Emperadores.
¡De Amandi, de Castrelo, e Valdeorras
¡Que viño de sabor e cacheteiro! 
iQue rico è o tostado e paladeiro! 
Se poden abillar as mesmas borras
Dos viños esquisitos do Ribeiro".
Xoán Manuel Pintos. A Galicia

Chega a vendima ás esplendorosas Terras do Ribeiro, e os veciños apréstanse a recolleren, un a un, os acios das mellores uvas que cada ano agasallan as ancestrais vides. Xa case non queda nada pendurando das enmarañadas cepas, e pronto as labouras de elaboración ateigarán as vellas adegas. Os veciños repártense polas sinuosas ladeiras miñotas, recollendo con agarimo e habelencia, cada acio dourado polo sol e nutrido polas augas do Miño. Este auténtico eixo da Patria entra na provincia de Ourense por Os Peares, onde recibe o inmenso caudal do Sil. Dende alí, atravesa a capital das Terras do Ouro con todo o seu caudal, despois de acoller toda a auga da montaña e da chaira lucense. 


Logo, pasa ós pés das serras do Suído e Faro de Avión, formando os amplos e plácidos vales medios do Pai Miño. Neles medran mestas fragas, soutos e carballeiras, onde proliferan infinidade de especies de fauna e flora. A marxe do Miño e dos seus afluentes, o Arnoia e o Avia, enxendran un rico e valioso ecosistema, namentres embaixo das augas conviven diversas especies de peixes que constitúen un piar fundamental para a riqueza gastronómica destas terras. Troitas, lampreas, anguías, bogas, percas, e mesmo salmóns, que atopan aquí o seu refuxio máis meridional de Europa. 
É aí, nesa privilexiada paraxe, onde dende antano medra a uva coa que se elabora un dos mellores viños do planeta; a carón dun Miño que semella un océano, cruelmente guillotinado pola presa de Castrelo. Esta fermosa e belida comarca é a terra do Ribeiro. Aquí o viño é o sustento, a paisaxe, e quen outorga nome e fama polo mundo enteiro a esta pequena comarca do Occidente Europeo. 

Santa Mariña, unha das moitas aldeas do Ribeiro que se erguen a carón do Miño
Amence na vella xudería de Ribadavia das torres e dos cabaleiros, capital histórica desta comarca privilexiada, destas terras bendicidas e acariñadas pola brisa cálida do río. A brétema aínda domina os vales cando abandonamos a vella capital, que semella erguerse por riba das augas. Profundamos paseniño nas entrañas do Ribeiro, para coñecer de preto as labouras agrícolas que xiran en torno á principal riqueza destas terras ourensás; a arte milenaria de colleitar as vides. Esta comarca está formada polos concellos de Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, e a histórica Ribadavia. 
Seguimos o curso do Miño, e adentrámonos nas terras de Castrelo e Toén, bordeando a xigantesca lagoa que formou cruelmente a presa de Castrelo. A escasos metros das augas, as hortas domésticas rematan os seus dominios a carón mesmo do río, e longas ringleiras de viñedos esténdense ata perdérense de vista. O Miño reflicte a dourada cor das follas das vides, namentres as cores do amencer inundan os pequenos bosques que salpican a paisaxe. Hai un silencio máxico, e somentes o asubío dos paxaros é quen de rachalo. 

Fachada principal de San Clodio
San Clodio do Ribeiro
A historia desta comarca está intimamente ligada ós seus viños. Contan que foron os romanos, coma sempre, os que introduciron as primeiras cepas, unha árbore propia de climas máis cálidos. En todo caso, sábese que o viño xa se cultivaba no século II a.C., é dicir, fai máis de dous mil anos. Os romanos axiña descubriron que o clima destas terras, a medio camiño entre oceánico e mediterráneo, era o idóneo para que as vides medraran fortes e xenerosas. Os comerciantes levaron o Ribeiro ata a mesa dos emperadores, facendo del un dos manxares máis prezados da vella Gallaecia. Nembargantes, foron os monxes os verdadeiros impulsores da complexa arte de elaborar o viño. Trala caída do Imperio, unha pequena comunidade monástica, asentada na Abadía de San Clodio, comezou a prosperar grazas ó empeño que estes sabios monxes souberon por nas súas vides. Aínda se fala do agarimo co que estes frades aloumiñaban as súas cepas e os seus relucentes acios. Coidaban e mimaban cada unha das uvas, brancas ou tintas, que medraban por estas terras. 
No termo municipal de Leiro, atopamos o corazón deste imperio de viño e devoción. Situado a medio camiño entre Ribadavia e O Carballiño, a carón do Avia, o Mosteiro de San Clodio garda gran parte da longa historia desta terra de viños. O edificio que aínda hoxe podemos contemplar conserva a maior parte da súa época de maior esplendor, aló polos séculos XII e XIII. Por aquel entón, unha pequena comunidade monástica beneditina, decidiu retomar con seriedade as labouras vitivinícolas, case esquecidas por aquel entón. Pouco a pouco, e grazas ó intenso comercio do viño, os abades foron erguendo un complexo monumental de gran relevancia artística. De estilo románico tardío, está conformado por tres naves e unha cabeceira con tres ábsidas. A fachada sufriu importantes alteracións en épocas posteriores, mais a beleza do conxunto, e a súa portada ricamente esculpida, consérvanse coma daquela. 

Paraxe nas ribeiras do Miño
Os monxes de San Clodio impulsaron tamén a investigación e conservación das especies autóctonas, mellorando as variedades e mesturándoas de diferentes maneiras. Xa na Idade Media medraba no Ribeiro a dourada e doce uva treixadura, e outras variedades como a torrontés, a godello, a loureira ou a albariña. Con elas, os monxes cistercienses elaboraban grandes cantidades de viños brancos e tintos, destinados ó consumo propio e, sobre todo, ó intercambio comercial. O Camiño de Santiago, e a próspera e comerciante comunidade xudía de Ribadavia, deron a coñecer o exquisito viño por tódalas partes de Europa. 
O Miño era a principal arteria comercial. Os bocois baixaban en balsas polo río ata os portos costeiros onde se embarcaban con rumbo a lugares tan distantes como Francia, Portugal, Italia e Gran Bretaña. Nos séculos de esplendor, entre o XV e o XVI, a fama do viño do Ribeiro atravesa o Atlántico para chegar até ós colonos das américas. Mais a prosperidade rematou bruscamente cando, aló pola segunda metade do século XIX, diversas pragas exterminaron gran parte das vides autóctonas, que foron substituídas por outras de menor categoría pero maior resistencia. 


Por se fora pouco, a Desamortización de Mendizábal asestou un golpe mortal que rematou coa vida do Mosteiro, e co lendario agarimo co que os monxes coidaban as súas vides. O abandono empeorou a calidade da uva, cada vez máis mesturada con variedades foráneas. Mais o viño é un produto da terra na que nace, e os caldos destas terras privilexiadas seguen a ser viños dignos de césares e emperadores. Hoxe en día, a arte milenaria dos viñedos segue viva, cada vez con máis forza. O viño do Ribeiro, xoia e tesouro destas terras, segue a ser o viño galego por excelencia, e a presidir tódalas mesas do país. Que o Miño siga a nutrir cada palmo de terreo, e cada unha das viñas milenarias das adegas do Ribeiro! 

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

Sen dúbida, unha das comarcas máis emblemáticas do noso vello país. Persoalmente, estou namorado desas terras do Ribeiro, e moi especialmente da súa capital, Ribadavia. Gran entrada de temática vitivinícola, camarada. Das mellores.