domingo, 6 de maio de 2012

O petróglifo muradán de Laxe das Rodas


"Camiños que son de lonxe e sempre
en silandeiro e grande o compromiso
coa liberdade sen fin e sen acougo: irmau
maior, ficas aquí no aire e terra en que prantamos
este callao xigante e alfabético
co teu nome e datas, para que saiban futuros
que aínda moras consentido no sochán da gándara
e aloumiñas as testas do careón, do faro,
bocelo, o carrio, cova da serpe, o monte sunmio,
candán...e ao lonxe o mar que tanto sabe a memoria
de nós e nunca esquence a despedida no fulgor
dos soles: anuncio en petroglifo que labramos".

Xosé Vázquez Pintor


Nestas datas, o amarelo da flor do toxo tingue as rochosas costas coruñesas. O vento aloumiña as esgrevias ladeiras que se funden co Atlántico, e coa branca escuma emerxida d’antre a loita do mar e das rochas. Cara ó sur da costa coruñesa, aló onde se abre a ampla e fermosa Ría de Muros e Noia, a costa tórnase prácida e sosegada. Aló onde morren as intricadas serras do Monte Pindo, Monte Louro dálle as costas á afastada e maxestosa silueta do lendario Cabo Fisterra, aló onde remata o mundo. Ascendemos polos montes do fermoso e pintoresco lugar de San Francisco de Louro, no Concello de Muros. 
Segundo ascendemos, albiscamos algunhas das máis fermosas paraxes da Ría de Muros e Noia, e do Monte Louro e a súa relucente lagoa. Imos deixando tras de nós as poucas árbores que loitan por medrar neste pedregoso e abrupto terreo, namentres camiñamos cara os touzales de xestas e toxos que cobren de amarelo estas ladeiras. Os nosos pasos lévannos ata a pequena e intricada aldea de Taxes. Este solitario pero belido lugar constitúe para nós un punto de partida de cara ó noso obxectivo final, que se agocha nas douradas ladeiras que ollan ó mar, aló nas faldras do outeiro de Eiroa. Estas terras estiveron habitadas dende tempos inmemoriais polos nosos antergos máis remotos, pobos primitivos que deixaron nestes montes a proba máis profunda do seu xeito de vivir e de pensar. Un xigantesco penedo anúncianos que andamos preto da Laxe das Rodas, un dos petróglifos máis fermosos e mellor conservados do chan galiciano. O conxunto foi gravado na superficie dun afloramento de granito que sobresae lixeiramente do terreo. Sobre esta enorme laxa, consérvase un incrible complexo de arte rupestre, do cal quedan nove figuras. 
Neste recuncho cheo de maxia e baixo a sombra dos montes, contemplamos os profundos e suxestivos sucos gravados, meticulosamente na rocha, por algún artista da época. Estas figuras abstractas semellan absorbernos e mergullarnos nas súas estrañas e misteriosas formas. A carón deste impresionante petróglifo, e de cara ó Monte Louro, un xigantesco penedo semella un altar de pedra que domina toda a contorna. 


Na súa superficie, un incrible e intricado complexo de cazoletas garda os liques e as algas na auga repousada. Este lugar está ubicado nunha estratéxica atalaia, protexido somentes pola maleza. ¿Puido ter sido este encrave un antiquísimo altar onde se realizaban ofrendas para pedir ós deuses boas colleitas? Pouco sabemos disto. Calcúlase que puideron ser elaborados entre a Idade do Cobre (IV milenio a.C) e a Idade do Ferro (século V a.C.), e aínda estamos moi lonxe de interpretar e descifrar esta anterga e derradeira mensaxe que os ancestros nos legaron para a posteridade. Naquelas épocas orixinarias da historia de Galicia, o culto ó sol, á lúa, á morte, á fecundidade e a outras forzas da natureza estaba moi presente. Algunhas da formas gravadas na laxa ben poden representar astros ou as antigas divindades. Un dos gravados, formado por tres círculos concéntricos ó redor dunha pequena coviña con desaugadoiro, podería ser unha representación do astro rei. Outra teoría moi estendida afirma que na Laxe das Rodas, o que hai gravado é un almanaque laboral, baseado nos ciclos lunares, e que axudaría ós primeiros labradores a organizar as tarefas da terra. Así o parece suxerir a multitude de pequenas coviñas que arrodean ás formas circulares. Nembargantes, a hipótese máis chamativa é a que expuxeron Bradley, Fábrega e Criado no ano 1995. Segundo estes investigadores, a disposición e a forma das figuras representarían un mapa de recursos da contorna. 


A estratéxica ubicación axudaría ós pastores e cazadores itinerantes, a interpretar a mensaxe. Os petróglifos serían, polo tanto, unha especie de bosquexo coas riquezas do lugar, unha mensaxe primitiva gravada nunha linguaxe gráfica e esquemática. Para aquelas tribos primitivas, que non coñecían ningún tipo de escritura, era o único xeito de comunicar, e transmitir ás xeracións vindeiras a base da súa comunidade. O certo é que a figura principal, constituída por dúas espirais de diferente tamaño, pode representar o Monte Louro e a súa contorna. ¿Pode ter sido un esquema onde se suxerían formas orográficas do lugar? A carón aparece gravada con sinxelos pero elegantes trazos o que semella ser unha cabra montesa. Non é disparatado imaxinar que os cérvidos e outros animais que tan de cotío vemos nos petróglifos de Galicia, podían ser indicadores da riqueza de caza das diferentes zonas. Se todo isto fora certo, os petróglifos serían o único documento co que poderiamos entender a vida, as necesidades, e as inquietudes máis profundas dos galegos orixinarios.

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Impresionante resto do noso pasado máis antergo: as únicas verbas que conservamos dos nosos antepasados primeiros, dos fundadores da nosa raza e da nosa cultura. Noraboa pola entrada. Un saúdo!

Unknown dixo...

Prezado compañeiro, unha xoia gravada en pedra milenaria, enxoita de sucos e cazoletas, de labirintos e liques. Un lugar máxico, abofé. Unha aperta!