todo se axita, todo se comove;
dend'as penas d'a serra;
dend'o pino que ufano ás nubes sobe,
hastr'os peixes qu'o mar prefundo encerra;
dend'as torres que teñen forte asento,
hastr'a pranta que deble rompe o vento"
Amador Montenegro, Muxenas
O interior da provincia de Pontevedra agocha innumerables xoias ocultas que aínda nos quedan por descubrir ó longo dos vieiros desta fraga. Non toda a beleza destas terras pontevedresas fica nas súas singulares e plácidas rías; no interior, nas verdes e rochosas terras do Condado, son moi abondosos os tesouros legados pola historia e pola natureza. Os montes fican ateigados de piñeiros e carballos, que loitan co esgrevio e rochoso terreo, onde os penedos son os eternos protagonistas da paisaxe.
As aguias e azores sobrevoan os dominios do monte da Picaraña. O nome deste outeiro, a uns catrocentos metros de altitude, lémbranos a vella laboura ancestral das terras de Ponteareas. Este foi, dende antano, chan de canteiros; fogar dos artistas que labraron dende sempre as pedras que a mesma terra lles legou. É sabido por todos que esta comarca segue a ser un referente no sector da explotación do granito, con vilas tan vencelladas a esta pedra coma O Porriño, onde a actividade supón unha parte importantísima da súa economía.
A Pedra do Equilibrio |
Os vellos canteiros legáronnos mostras da súa mestría e habilidade na mesma ladeira do Monte da Picaraña. No alto, fican as lembranzas da antiga e rexa fortaleza de Pedro Madruga, cuxas pedras fai moito tempo que desapareceron. Dominando dende o alto os vales do Río Tea, e noutra cara do monte, érguese o monumental e inaccesible Castelo de Sobroso, outra obra mestra da cantería tradicional galega.
Mais non foron os homes os únicos que traballaron con extraordinaria habilidade e paciencia estas pedras milenarias. O vento, a chuvia e as máis diversas condicións climatolóxicas foron moldeando, coma auténticos artesáns, os afloramentos rochosos que xorden d’antre os piñeiros. O vento foi esculpindo, gran a gran, os máis diversos e descoñecidos penedos, dando lugar a formacións tan curiosas como a Pena do Sombreiro, da Raposa, do Moucho, do Escorregadoiro, ou a Pena dos Namorados. A máis espectacular de todas estas obras de arte naturais é, sen dúbida, a Pedra do Equilibrio, que fica preto da aldea de Arcos, dominando os verdescentes montes do Concello de Ponteareas.
Dominando a estrada, érguese esta singular e xigantesca formación rochosa, este penedo que semella desafiar as leis da gravidade. Trátase dunha pena ovalada que fica ergueita no que semella ser un precario equilibrio, a piques de derrubarse sobre o camiño. Ante nós, á fin, achamos a histórica xoia traballada dende tempos inmemoriais polos elementos da natureza; a mellor mestra dos antigos e afamados canteiros destas terras. O xigantesco canto fica sostido no alto doutra xigantesca pedra circular, aínda mergullada na terra. Somentes uns centímetros evitan que a Pedra do Equilibrio se precipite a rolos dende os cento corenta e cinco metros de altitude nos que se atopa. Pode que se trate dun único afloramento, que foi traballado dende sempre polos elementos; o vento e a chuvia foron rabuñando os materiais menos duros ata atopar resistencia dunha veta máis rexa, que actúa de auténtica trabe, e que une as dúas pezas.
Contaban os vellos monxes do Mosteiro de Canedo que a Pedra do Equilibrio oscilaba de xeito case imperceptible. Eles sabían ben do que falaban, pois contan que nos seus intres de lecer, os monxes entretíñanse deixando unha botella de vidro encanada entre as dúas inmensas pezas de granito. O máis habitual era que aparecera escachada. I é que aquí, mergullada entre as fieitas e os piñeiros, a Pedra do Equilibrio segue a agochar o segredo das inmensas e poderosas forzas da natureza. Gran a gran, e día tras día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario