xoves, 24 de maio de 2012

A Ponte de Brandomil e as brétemas do Xallas


"E cando o fillo dos celtas,
No tempo que está por vir,
Pensativo camiñante,
Pase quezáis por aquí;
Cando no tempo en que gia,
Se vexa a luna lucir,
Dirá ó verte desde longe:
O valente Brandomil,
Saído da gentil e boa raza
Dos celtas, repousa alí.
San Pedro de Brandomil,
Na probe terra de Xallas,
Canto hai que non te vin!"

Eduardo Pondal. Queixumes dos pinos

Amence de vagar nas bretemosas Terras do Xallas, fogar de antigos heroes celtas e de lendarias batallas cantadas polo noso Bardo, Eduardo Pondal. Achegámonos ata estas longas chairas e sinuosos vales, auténtico confín dos verdes castros, e de dolmes ancestrais. Ficamos no corazón do interior da Costa da Morte, en terra de pastos e vacas, e infindas leiradas de millo. O Xallas constitúe unha arteria vital para garantir a riqueza e prosperidade nos campos. As aldeas están repletas de maquinaria agrícola, e as verdes e extensas pradarías vense interrompidas a cotío polas innumerables explotacións gandeiras. I é que a terra segue a ser, coma dende tempos inmemoriais, a base e o sustento dos habitantes das aldeas do Xallas. 
O Encoro da Fervenza, preto da ponte de Brandomil
O Río Xallas nace no termo municipal de Coristanco e atravesa o concello de Santa Comba, froito da unión de multitude de pequenos regatos. O seu curso esténdese ó longo de sesenta e cinco quilómetros, recollendo a auga de varios afluentes, ata a súa espectacular desembocadura na Fervenza do Ézaro, ós pés do sacro Monte Pindo. Ó seu paso vai fertilizando unha extensión de máis de cincocentos quilómetros cadrados; son as Terras do Xallas. Trátase dun territorio onde se cruzaron multitude de vieiros ó longo da historia. Sobre as súas plácidas augas, en Ponteolveiroa, pasa o Camiño de Fisterra, que aínda é percorrido por milleiros de peregrinos na procura da Fin do Mundo. Mais foron os romanos os primeiros que de verdade aproveitaron, por vez primeira, as posibilidades destas terras afastadas. A antiga Vía XX, per loca maritima, atravesaba o Xallas pola garrida e lendaria Ponte de Brandomil. 
Esta portentosa ponte recibe o seu nome do lugar onde fica dende antano. A importancia desta parada nas antigas rutas obrigou, xa ós romanos, a erixiren unha ponte arredor da cal medrou a poboación de Claudionerium. Durante a época sueva, parece ser que pasou a chamarse Grandimirum, de onde deriva o nome actual, Brandomil. O Bardo debeu atravesar a cotío esta rexa e impoñente ponte; e a bo seguro que dende o alto, contemplando a eterna peregrinaxe das augas do Xallas, debeu recrear antigas epopeias que logo el mesmo cantaría. Preto de alí, no antergo dolmen da Arca da Piosa, imaxinou descansando eternamente os restos do lendario heroe celta Brandomil: “Arca antiga da Piosa... / debaixo das tuas antes / está o valente Brandomil”. Mais a importancia de Brandomil estendeuse ata o final da Idade Media. De feito, a ponte que hoxe se conserva semella que foi edificada ben entrado o século XVI, aínda que pode que sobre unhas bases romanas. Contemplamos os catro singulares arcos, todos eles diferentes, namentres baixo os nosos pes renxe a xeada herba da fría mañá. 


O sol érguese lentamente sobre os outeiros, e vai esvaecendo a branca xeada que cobre as pradarías e a empedrada superficie da anterga e ruda ponte. As árbores estenden as súas raigames ata o leito do río, esparexendo sobre el as súas sementes, perpetuando o ciclo eterno e vital da natureza. 
Unha das principais características do vello e sinuoso Xallas é que ten que salvar un gran desnivel, polo que o seu abondoso caudal e a súa forza foron obxecto da cobiza e da necesidade que impón o progreso. Nas últimas décadas foron erixidas ata seis centrais hidroeléctricas, a máis ferinte das cales foi a que cortou o agónico final da Fervenza do Xallas, onde este caudaloso río se despide ante a impoñente silueta do Promontorio Nerio. Nembargantes, a máis grande e a que máis terras asolagou, foi o ironicamente chamado Encoro da Fervenza. Foi construído aló polos anos sesenta, co fin de surtir de auga potable a toda a contorna da Costa da Morte. 
O Xallas esperta baixo un manto de fría néboa. O Bardo xa non atravesa a Ponte de Brandomil cantando as nobres virtudes deste fogar de bos e xenerosos. A historia e o tempo seguen o seu curso, como a mesma auga que tanto inspirou ó vello Pondal. Mais os feros corvos do Xallas semella que agoiran aínda novas epopeias por se escribir.


Ningún comentario: