domingo, 13 de maio de 2012

A anterga igrexa de Santa Comba de Bande


"Despertar da maña de Sta Comba de Bande laia-se con voz clara
e suave sosten-se sobre colunas".

Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio


Corrían os derradeiros anos do século VI nas antigas e extensas terras da Gallaecia. Por aquel entón, un pequeno pero aguerrido pobo de orixe xermánico dominaba, grazas a un acordo cos romanos, estas terras afastadas. Eran os suevos, que trala caída do Imperio crearon un reino propio nas terras que os romanos lles concederan. Proviñan das nórdicas terras do Báltico, e emigraron, coma tantos outros pobos da súa época, cara terras máis cálidas e prósperas. O seu paso foi breve, pois somentes conseguiron manter a independencia durante 177 anos, mais as intrigas entre a nobreza remataron por afundir o soño dos suevos, o de teren unha terra de seu. Cando o nobre suevo Andeca se rebelou contra Eborico, rei da antiga Gallaecia, o reino facía tempo que xa comezara a esmorecer. Dende tempo atrás, a presión do poderoso reino visigodo, asentado na Meseta, provocou que o rei Eborico amosara un temor reverencial cara aqueloutro pobo xermánico. Isto non gustou nada ós soberbios nobres suevos, que confinaron ó rei nun mosteiro, e puxeron no seu lugar a Andeca. O novo monarca casou coa nai do antigo rei, para xustificar os seus dereitos sucesorios. O rei visigodo Leovixildo aproveitou a situación para intervir no reino suevo e conquistalos. O destronado Andeca sufriu o mesmo destino que o seu antecesor; rematou os seus días enclaustrado nun mosteiro. 
Pía bautismal no adro da igrexa
Así comezaba unha das etapas máis escuras e descoñecidas da nosa historia, a do dominio dos visigodos. Para achegarnos a ela, nada mellor que viaxar ata as afastadas e indómitas terras do Xurés, e achar o único vestixio, ademais duns cantos topónimos, que conservamos da época xermánica en Galicia. Nesta dura e fronteiriza serra, habitada dende antano, seguimos a antiga Via Nova e facemos parada en Santa Comba de Bande. 
Este pequeno e xeitoso santuario ten o honor de ser, nada máis e nada menos, que a igrexa máis antiga de Galicia. Érguese dominando o curso do Río Limia, hoxe convertido nun embalse que asolagou outros monumentos senlleiros da zona, coma os dolmes de Maus de Salas ou a estación termal de Aquis Querquennis. Ante nós amósase a rexa e singular silueta deste templo único na súa especie no chan galego, e un dos poucos que aínda fican en pé na vella Europa. A pequena capela, de tan só dezaoito metros de longo por doce de ancho, sobrevive en pé dende o ano 675. Amosa unha planta de cruz grega, que foi ampliada no costado oriental cunha ábsida, e cun pórtico na fachada de poñente. Foi restaurada, xa no ano 872, pero conservou a estrutura e a decoración orixinal. As catro naves, cubertas cunha bóveda de medio canón, e construídas con ladrillo ó estilo romano, converxen en catro arcos de ferradura baixo unha gran lanterna de catro augas. No interior, pouco decorado, descubrimos que as columnas centrais son de mármore negro, o que nos fai pensar naqueles tempos de saqueos, nos que as ruínas fumegantes do vello imperio eran auténticas canteiras de onde se extraían materiais de construción. Ademais da columnas, dous chapiteis puideron tamén ter sido extraídas das ruínas de Aquis Querquennis. Ademais conserva pinturas tardo-medievais no seu interior e outros pequenos detalles decorativos. 


As pequenas modificacións que se lle fixeron no século XIX, non foron quén de destruír a fermosura e a singularidade de Santa Comba de Bande. O seu pequeno tamaño é un dos seus trazos máis distintivos. Chama a atención ver a cantidade de rexas naves que se cruzan nun espazo tan reducido. No exterior, vemos antigas inscricións que falan dos abades que habitaron as pequenas estancias monacais. Contan tamén que estivo baixo o control do mosteiro de Celanova. Unha pía bautismal de pedra maciza preside o pequeno adro, namentres unha traballada celosía recolle a luz dos amenceres, e ilumina o interior do tan escuro como antigo santuario de Santa Comba de Bande, a igrexa máis antiga de Galicia.

4 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Gran entrada para un dos monumentos máis importantes (e descoñecidos) do país. Noraboa.

O Mouro dixo...

Pequena pero grande, sen dúbida!. Grazas por pasarte, compañeiro!

Anónimo dixo...

Parabéns, compañeiro !
Cada entrada é unha pequena xoia que desperta a nosa curiosidade e interés.
Grazas pola túa xenerosidade, descubríndonos os tesouros do noso país.
Agustín

I. Iván Fraga Moure dixo...

Grazas a tí tamén, Agustín, o meu xefe de prácticas. É un honor terche por aquí, e xa sabes que sempre serás ben recibido. Unha aperta