os ventos, que braman,
n-o médeo d'os bosques,
d'os montes n-a faldra;
os regos, que choutan,
os mouchos, que layan
de antigo castelo
n-a moura ventana
e recordan, d'edades que foron,
antigas costumes e vellas usanzas.
D'os máxicos pazos
as torres mais altas,
d'as gregas cibdades
colunas y-estautas,
as mouras rüinas
de fortes murallas
que foron un tempo
de pobos a garda”
Amador Montenegro. Muxenas
Aínda semella que foi onte cando os poderosos Moscoso de Altamira camiñaban placidamente por antr’as opulentas estancias e corredores. Aínda semella que as belas doncelas do pazo ollan ós extensos vales da Mahía, agardando ver chegar por algunha corredoira ós seus aguerridos cabaleiros. A amplitude e riqueza do seu feudo, permitíalle a esta liñaxe levar unha doce vida pacega.
A bo seguro que naquelas noites estreladas, o vello Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, ollaba dende o alto da torre da homenaxe, a amplitude e extensión dos seus dominios. De seguro que alí, dende o alto do castelo onde nacera, o fachendoso patriarca lembraba a suor e o sangue que lle custara a el e á súa familia, erixir aquel pequeno pero amplo imperio. O outeiro onde se erixen as Torres de Altamira fora conquistado polo seu célebre antepasado Gonzalo de Moscoso, fillo de Beremundo, alá polo ano 1073. Alí non había nada, agás unha pequena e ruinosa fortaleza do século IX erixida no seu día sobre unha citania castrexa. Dende aquel entón, a familia e o seu poder comezaron a medrar pola contorna das Terras de Santiago. Os soños e ambicións dos Moscoso estiveron a piques de derrubarse cando o seu fogar foi asediado polos temibles Irmandiños, aló polo século XV. Os enfurecidos campesiños, aldraxados e con fame de vinganza, arrasaron a fortaleza dos Moscoso de Altamira.
A única das seis torres que se conserva |
Dende o alto da torre da homenaxe, o vello Lope Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, a bo seguro debeu rememorar a crúa historia dos seus ancestros. Non fora nada doado defender e ampliar as fronteiras daqueles dominios que naceran nas entrañas das Torres de Altamira. El mesmo tivera que loitar para manter unidas as súas terras, nunha Galicia sumida en constantes conflitos. Uns anos atrás, aló polo 1471, a cobiza do Arcebispado de Compostela, estivera a piques de botar abaixo o nobre fogar dos Moscoso. Mais a familia sairía triunfante, e el, o patriarca, puido erixirse á fin I Conde de Altamira. A liñaxe chegou a ter moito poder no occidente coruñés, apoderándose de multitude de terras e castelos, coma o de Vimianzo, inmerso no Val da Soneira. Mais de seguro que nin nos máis profundos soños do vello Conde, puido chegar a imaxinar a grandeza que logo acadaría o seu fogar. O seu sucesor, Rodrigo Osorio de Moscoso, ampliou a fortaleza ata contar con seis torres. Logo foi erixido un cómodo e luxoso pazo, onde os membros da familia e da corte disfrutaban do seus privilexios. En 1594, o V Conde de Altamira, Lope de Moscoso Osorio, construíu unha xeitosa capela gótica, onde os membros da liñaxe eran soterrados en luxosos panteóns e con suntuosas cerimonias. Mais non tardou en chegar a decadencia e a ruína. A partires do século XVII, os condes acomodáronse, e decidiron cambiar os duros ventos de Altamira polos cálidos veráns da chaira. Mudáronse ó Pazo de Trasouteiro, e o castelo perdeu gran parte da súa actividade, da súa vida.
Un incendio, aló polo século XVIII, asestoulle o derradeiro golpe. A vella e nobre fortaleza dos Moscoso, a casa pola que tanto loitaran os ancestros da liñaxe, comezaba a derrubarse. Durante máis dun século, os saqueos constantes converteron á vella fortaleza nunha auténtica canteira.
Agora, no alto do Val da Mahía, somentes quedan lembranzas entre as ruínas, vellos anacos dunha nobre vida case esquecida. Do antano opulento pazo, somentes queda unha fachada onde aínda se poden ollar as mudas fiestras góticas que xa non sosteñen vidro algún. Unha das seis antergas torres aínda segue en pé, lucindo unha espléndida bóveda de canón. Aínda se mostra ante nós coma se ningunha batalla a puidera asolagar. Pode que polas noites, a pantasma do vello conde siga a ascender ata o alto da torre para vixiar os seus dominios de antano. Mais as augas do pozo xa non reflicten a luz da lúa; as pedras afundiron e asolagaron hai tempo as lembranzas do poder dos Moscoso de Altamira.
2 comentarios:
Parabéns !.
Segue así a túa laboura , a prol da nosa terra....
É tan valiosa !.
Apertas galegas.
Agustín
Moitas grazas a tí por visitar este pequeno recuncho virtual, e tamén por ser un bo e xeneroso "xefe" de prácticas; e un meticuloso profesional do orde..., e do progreso!. Unha aperta, Agustín!
Publicar un comentario