Nin se perdeu o celme inxel do Beatus Ille
Pasei a contemplar tanta fidelidade
Vin burriños cargados de herba e de xestas vivas
alpendres que harmonizan cos aparellos rústicos
a humilde ferramenta trasnoitada
ou talvez encetar o pan de cada día signándolle
unha cruz por riba cun coitelo
Vin a camelia gaélica en Bínn Eadair
A paixón dos triskeles baixo o rigor dos liques
e da chuvia insubmisa
Vin pallozas e torques
e os míticos tesouros daquel reino de Tara”
Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon
Hai lugares aos que cómpre volver, grandes e pequenos universos que nalgún máxico intre descubrimos e que nunca endexamais puidemos esquecer, paraxes naufragadas no devalar da nosa curta historia, como áncoras aferradas no leito nostálxico e pracenteiro da nosa feble pero selectiva memoria. Así foi como o meu amigo Xoán e máis eu decidimos retornar este pasado outono, e unha década despois, até un dos recunchos galegos que máis precisabamos volver a percorrer, até unha das aldeas máis históricas e senlleiras do noso país; estouvos a falar, nin máis nin menos, que da aldea prerromana e fronteiriza de Piornedo.
Piornedo é unha pequena aldea de hórreos e pallozas, unha pequena pero inigualable comunidade que sobrevive dende a longa noite dos séculos nesta solitaria e fría Serra dos Ancares. A aldea localízase a uns 1200 metros de altitude e pertence á parroquia de San Fiz de Donís, no concello lugués de Cervantes. Desta volta retornariamos a Piornedo, a esta aldea practicamente castrexa, non somentes para percorrela e achar nela cada un dos recordos que tanto nos fixeron recordala, senón tamén para emprender unha curta pero intensa viaxe que nos levaría até os pés do Mustallar, un dos teitos da Galiza.
Nada máis entrar neste moderno castro con vida da Comarca dos Ancares, achariamos a súa antiquísima fonte que data do ano 1787 e sobre da que descansan os pétreos corpos de dous mozos separados por unha granítica cruz. Internámonos paseniño, logo de beber do seu cano, polos estreitos carreiros que converxen entre os hórreos, as pallozas e os pendellos, que se somerxen baixo os fumegados tellados de palla das vivendas galegas máis auténticas e ancestrais. Escasos corenta veciños conviven aínda neste contemporáneo castro de vivendas prerromanas, nesta aldea esquecida de teitumes vexetais.
A cada paso fomos recordando aquela primeira viaxe, o ollar inocente co que namoramos deste lugar pensado para os que gustan da paz, para os que eiquí naceron e teñen o honor e a coraxe de pertenceren aínda a esta comunidade ancestral. Mais este xa non era o Piornedo de anos pasados. Hai xa abondas primaveras que non se escoita o canto da pita do monte, en troques os coches arremuíñanse polos rueiros e valados, namentres que uralitas e plásticos negros cobren de loito algún que outro tellado… pois disque xa non quedan teitadores; con eles morreu este nobre oficio de antano.
Os fogares máis antigos son agora, na súa meirande parte, cortellos baleiros e sombrizos, son hoxe “alpendres que harmonizan cos aparellos rústicos a humilde ferramenta trasnoitada”. Escoitamos na taberna, que hai tempo que non se albiscan machos de rebezo nos cumios da serra. O lixo do progreso e a decadencia do pasado mestúranse hoxe en día en Piornedo, froito deste noso mal endémico que está a degolar o celme i a paisaxe das nosas aldeas; estamos a envelenar a nosa propia esencia con plásticos, bañeiras, uralitas… tambores de lavadora e metálicos de colchón.
Tanto esta aldea de Piornedo como a do Cebreiro, -ámbalas dúas fronteirizas coa provincia de León e consideradas a evolución das aldeas prerromanas-, son as que atesouran a maior concentración de pallozas do noso país, e teoricamente; as mellor conservadas. Lembremos que as pallozas son as estruturas construtivas máis antigas da nosa terra. A súa planta circular, os seus muros de cachotería e a súa cónica teitume, soportada por unha estrutura de madeira cuberta de palla, son a clara pero maina evolución das construcións castrexas.
As poucas diferenzas existentes entre aquelas vivendas castrexas e as pallozas que aínda se conservan hoxe en día tanto en Piornedo como no Cebreiro, semellan radicar nun maior diámetro e altura destas últimas, que adoitaban posuír dous andares, o inferior destinado para o gando e o superior empregado como dormitorio; deste xeito aproveitábase o calor dos animais para quecer o interior da palloza. Mais estas antigas construción adoitaban dispoñer tamén de lareiras para prender lume e cociñar así como fornos para cocer o pan. O fume resultante destas actividades traspasaba aqueles teitos de madeira e de palla contribuíndo a conservalos mellor, secando aquela cuberta vexetal da humidade das chuvias e das nevaradas. Mais estas antigas cubertas vexetais xa adoitaban erixirse empinadas ca fin de que tanto a neve como a auga non se acumulasen e rematasen por danala ou derrubala.
Algunha destas pallozas de Piornedo, como a Palloza Museo Casa do Sesto, estivo habitada até o ano 1970. Hoxe en día segue a amosar ao visitante o xeito de vivir nestes históricos e senlleiros fogares. En Piornedo consérvase un total de 14 pallozas, das que a meirande parte funcionan como cortellos ou fican dalgún xeito maltratadas polo tempo ou pola man humana. De pouco ou nada semella axudar a declaración de Ben de Interese Cultural, ou o turismo, a conservar e a dignificar esta pequena aldea que agoniza, esta comunidade ancestral esquecida por todos nós que pide a berros respecto e axuda, xente que a habite, teitadores que a conserven, e un pobo que esperte e que comprenda a magnitude deste patrimonio imprescindible e protexa este xeito de vivir.
Collemos camiño cara o alto de Piornedo. Alí lembramos ter atopado a pequena pero feiticeira Ermida de San Lourenzo, e cara aquel recordo tamén desexabamos retornar. Dende alí, ademais, tiñamos o comezo da ruta que nos levaría até os pés do Pico Mustallar, o cumio máis alto da provincia de Lugo e o segundo da Galiza, somentes superado pola impoñente Pena Trevinca. Albiscamos a pequena e feiticeira Ermida de San Lourenzo no alto da aldea, nun pequeno e idílico outeiro e sobre dun manto de herba rozada polas bestas.
Tras desta belida ermida albiscamos parte dos cumios que estabamos a piques de ascender, o cordal de Cuíña, Mustallar e Tres Bispos. Estabamos ante os máis elevados outeiros da solitaria e impoñente Serra dos Ancares. Mais no mesmo intre de deixar Piornedo, esta aldea á que tanto desexabamos retornar, e poñérmonos a camiñar cara o noso procurado destino, aparecerían ante nós dous anxos encarnados en cans que farían posible que volvésemos a lembrar este máxico lugar polo resto das nosas vidas.
Aquelas experimentadas ánimas caninas custodiaríannos polos esgrevios e solitarios camiños que conducen até os mesmos pés do lendario e impoñente Mustallar. Somentes por esta máxica obra do destino, polo amparo e a compaña desinteresada deste par de amigos, pagou a pena regresar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario