“Galicia rube ó Calvario.
Non leva ás costas a cruz do Nazareno:
leva o seu mantelo probe,
leva o seu mantelo vello.
Galicia está cansa,
soia cos seus pensamentos.
Non chora; secouse a fonte.
Ten as serpes chuchándolle os peitos.
Non prega nin pon xusticia.
É mal da alma, e mal do desespero”.
Ramón Cabanillas, Da terra asoballada
Retornamos á cálida Provincia de Ourense para proseguir con aquela primaveral viaxe na que coñeceramos a Torre de Sande, os Castros de San Cibrao de Las e o Castromao, así como tamén o Mosteiro de Santa María e as máxicas Pozas de Melón. Denantes de liscar deste sorprendente concello da Comarca do Ribeiro, decidimos procurar un pequeno lugar do que algo nos tiñan falado anos atrás. Trátase de Quins, unha aldea melonesa que atesoura un importantísimo patrimonio de grande interese artístico i etnográfico, posto que fica ateigada de cruceiros e canastros. Viaxamos pois cara a parroquia de Santa María de Quins co obxectivo de coñecer, máis polo miúdo, unha das maiores concentracións de hórreos, ou canastros, do noso país. Nembargantes, non debemos esquecer que este lugar posúe tamén un Calvario e numerosos cruceiros que conforman un antigo viacrucis.
Tiñamos ganas xa de percorrer as corredoiras doutra aldea viva pero silenciosa; célebre pero esquecida. Chegamos a Quins a iso das doce. Corría un ar cálido e o ceo presentábase limpo e solleiro; azul. Quins recibiríanos cunha fonte e un lavadoiro onde nos refrescaríamos denantes de comezar a ascensión ó outeiro no que se localiza o seu patrimonio, as súas máis sacras e célebres xoias; os seus cruceiros e canastros. Nada máis emprendela marcha, comezamos a albiscar os primeiros hórreos de pedra e madeira que coñeceriamos en Quins. Neste outeiro localízanse un total de 24 canastros que se concentran en dous grupos principais. Estes dous grupos, de dez e catorce canastros, fican separados no alto do outeiro polos cruceiros que conforman o Calvario. Arrodeando este outeiro acharíamos tamén outros moitos cruceiros de grande interese artístico que conforman, desta volta, o viacrucis.
Achegámonos até o Calvario, até aquelas tres cruces centrais para ollar máis de preto as súas características. Chamaron fortemente a nosa atención os dous cruceiros dos extremos, xa que as súas cruces presentaban as trabes horizontais, ou patíbulos, inclinadas de xeito notable. Hai quen cre que estes patíbulos inclinados poida que imiten as cubertas a dúas augas dos canastros do lugar. O viacrucis, de estilo barroco, comeza preto da Igrexa de Santa María, que data do século XVIII. Logo de ollar o Calvario, collemos camiño do segundo grupo de canastros. Sorprende ver tal cantidade de hórreos de granito e madeira detrás mesmo deste Calvario, esparexidos uns a carón de outros. A meirande parte semellan presentar un teito a dúas augas cuberto de tella, mais tamén hai outros conformados por unha cuberta de laxes graníticas; concretamente os máis antigos.
Canto millo terán gardado estes canastros, canta riqueza teñen atesourado, canta fame teñen afastado deste noso país, desta nosa eterna “terra asoballada” que tivo, ten e terá “serpes chuchándolle os peitos”. Canto patrimonio achamos neste fermoso lugar, neste sacro outeiro de canastros melonés. Camiñamos de regreso por este antigo viacrucis para coller camiño de volta, coa ollada posta agora noutra aldea e noutros canastros; os de Barroso, no veciño Concello de Avión. Non permitamos que estas xoias rematen por desaparecer, pois morrería con elas boa parte da nosa historia, da nosa cultura e das nosas tradicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario