mércores, 22 de xullo de 2015

O "Muíño das Lousas" do Arenteiro


“Desperto do soño co barulliño harmonioso da auga
do río, nas pedras cheas de limos, a auga corre-corre
fuxindo para o cubo do muíño, escapando pola canle
e batendo no rodicio para desperta-la moa grande que
dorme o sono da soidade do tempo que non dormía.
Ergo o cruzeiro, aperto a cuña pra moa grande xirar e
oio o gran de millo, no "ollo"da moa, berrando baixiño”
Manuel Diz Ramos, Poemas na emigración

Esta pasada primavera tiven que desprazarme até o Concello do Carballiño por uns asuntos persoais e irrelevantes. Este feito fixo posible que, logo de pasar polo feirón e de mercar unhas cañas fritas na Confitería Cerviño, empregase un anaquiño do meu tempo para coñecer outro recuncho feiticeiro deste importante concello ourensán. Nesta mesma localidade xa tiveramos o privilexio de visitar o fascinante Santuario da Veracruz, e nesta comarca tamén tiveramos a sorte de coñecer o Mosteiro de Oseira, de camiñar por estas terras a través dos intricados vieiros da Vía da Prata e de xantar o rico Pan de Cea. Desta volta decidín seguir os consellos dun amigo e achegarme até o Parque Etnográfico do Arenteiro para dar cunha pequena paraxe na que os muíños son os verdadeiros protagonistas. Este espazo dedicado á etnografía, este pequeno recuncho do Arenteiro, naceu trala recuperación dos  seus muíños; os do Anxo e o das Lousas. A contorna fica tamén nos nosos días perfectamente coidada e acondicionada cunha pasarela, pontes, escaleiras e balaustradas de madeira. O curso do Arenteiro e a fraga que arrodea as súas ribeiras é outro dos grandes atractivos deste recuncho carballiñés. 


O primeiro que me chamou a atención desta contorna foi o tellado do Muíño das Lousas, especialmente a irregularidade e a diferenza de tamaño dunhas lousas con respecto das outras. Semella un muíño máis propio do mundo dos soños, do imaxinario colectivo máis infantil. I é que precisamente este das Lousas é un dos muíños máis senlleiros do Carballiño, xa que posúe cinco moas en liña que estiveron en funcionamento até a década dos setenta. O muíño era empregado principalmente polos veciños das parroquias de Longoseiros e Mesego. A finais da década dos oitenta quedaría practicamente destruído logo dun desprendemento de rochas motivado polas obras de apertura do camiño que hoxe sirve de acceso ó lugar. Nembargantes, o muíño sería restaurado pouco tempo despois pola Escola Taller Terras do Arenteiro e nos nosos días funciona como restaurante. Continuei a miña andaina a carón do Arenteiro e sobre da pasarela de madeira que discorre pola ribeira contraria ós muíños, e ó pouco albiscaría o segundo conxunto; os Muíños do Anxo.


Detiven o meu paso e retornei até a ponte que, sobre do Arenteiro, me achegaría até a ribeira contraria, onde se atopan os muíños, para tratar de achegarme agora até o Museo Etnográfico “Muíño do Anxo” e ver aquel conxunto máis de preto. Trala recuperación deste espazo, os muíños rehabilitados foron reconvertidos nun conxunto de salas destinadas a acoller un museo etnográfico que trata de divulgar a importancia que tiña a industria rural da agricultura do noso país, o funcionamento dos muíños e no que se pode ver unha recreación dunha vivenda típica dun muiñeiro dos anos corenta. O conxunto fica conformado polo Muíño Pequeno, o Muíño Grande e A Casa do Muiñeiro. Esta última conta tamén cunha sala para a proxección de audiovisuais. Fuxín deste pequeno recuncho do Arenteiro, como diría o gran Manuel Diz Ramos, “co barulliño harmonioso da auga do río” e ollando aquelas lousas tan imperfectas como fermosas deste grande e senlleiro muíño. 

Ningún comentario: