martes, 21 de xullo de 2015

Torre da Forxa, atalaia limiá


“Venceredes vós, 
romperedes a infinda
cadea que nos une
coas trabes do mundo,
pero nosoutros
mergullamos a boca
nos mil ríos de sague
que estercaron a patria,
e no noso partido
militan todos os defuntos
que nos poñen aínda
a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños,
o trono da forxa nas orellas,
a terra que xa son nas unllas”
Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema

Daquela solitaria viaxe ás ermas terras da chaira limiá, daquelas pétreas e impoñentes torres que se albiscan case que dende cada recuncho desta comarca ourensá, aínda me quedaba por amosarvos outra pétrea atalaia, outros restos dunha fortaleza medieval que aínda seguen en pé nesta terra roxa, chan e lamacenta. 

Naquela particular visita estival á Comarca da Limia tiña un obxectivo claro; coñecer as tres grandes torres que antano controlaban a xigantesca Lagoa de Antela, desecada polo ditador Franco, i estas terras fronteirizas. Logo de visitar a Torre da Pena e a de Sandiás, somentes me restaba por coñecer a Torre da Forxa, no Concello de Porqueira. Esta torre debe o seu nome ó lugar onde se localiza; a Forxa, a capital municipal deste concello ourensán.  A Torre da Forxa, ou Torre da Porqueira, localízase ó suroeste das torres da Pena e de Sandiás, na vertente oriental do val do Río Limia. Para dar con ela somentes é preciso procurar a Forxa; dende alí fica perfectamente indicada. Ascendín polos estreitos rueiros do lugar e a poucos metros comezaría a albiscar esta impoñente torre de orixe medieval antr’as ramaxes das carballeiras. A medida que me ía achegando até esta soberbia torre, decataríame de que se localizaba, como é lóxico e habitual, nun alto dende o que se albiscaba a meirande parte da chaira que a circunda. Mais debo confesar que resulta realmente sorprendente albiscar a chaira dende estas torres que foron erixidas nos penedos que arrodean esta lagoa desecada, esta nosa chaira do sur. A vertixinosa orografía e a panorámica da contorna, é realmente máxica e debo confesar que a pesares da vertixe, eiquí  puiden percibir unha sutil e agradable sensación de liberdade. Iso mesmo experimentaría intres antes ós pés da Torre da Pena. Semella como se estas terras, este horizonte chan entretecido por centos de estáticos eidos e cuadrangulares pradarías, se dobregasen ós pés destas torres; coma se a terra escrava aínda se rendese baixo da súa alongada e altiva sombra. 


Á fin puiden determe ante a impoñente Torre da Forxa, á fin puiden albiscar a súa impresionante silueta. A Torre da Forxa é o único que queda en pé dun castelo medieval erixido aló polo século XII. Segundo semella narrar a súa historia, esta fortaleza foi a residencia temporal de D. García, Rei de Galicia, e durante o século XII, concretamente no ano 1127, sería cedida á Mitra de Ourense por D. Fernán Núñez. O bispado ourensán habilitaría un convento de Xerónimos do cal o seu primeiro prior foi Xordán, abade de San Lourenzo e señor de Güín e Castelaus. Crese que no 1387 estivo habitado polo Duque de Lancaster, que se refuxiaría aquí durante a guerra que mantiñan Pedro I de Castela e Henrique de Trastámara pola sucesión da coroa. Aló pola segunda metade do século XV, o mesmo suceso que adoita repetirse e copar boa parte da historia de tantas e tantas fortalezas galegas escribiría eiquí un novo capítulo; os Irmandiños atacarían a Torre da Forxa, mais estes non chegarían a derrubala por completo. 


Aló polo ano 1837, coa creación do Concello de Porqueira, a vella torre, o verdadeiro símbolo deste pequeno recuncho ourensán, pasou a ser a casa consistorial, nembargantes, tempo despois pasaría a mans privadas. A torre, duns 23 metros de altura, posúe unha planta cuadrangular, foi erixida en perpiaños graníticos e o seu interior está dividido en catro andares. A porta de acceso ó interior da torre, románica, localízase no primeiro andar, ó final das súa pétrea e soberbia escalinata de vinte tramos, i enmárcase nun arco oxival con traballadas ménsulas. A cuberta complétase con modillóns simples, mais non se conservan as ameas. Nos nosos días alberga un centro de interpretación da Vía Nova XVIII do paso pola Limia do Itinerario de Antonino. 


Tal e como dicía ó comezo, a Torre da Forxa, xunto coa da Pena, a de Sandiás e a de Celme, esta última xa desaparecida, formaban un sistema defensivo e de control da fronteira co Portugal de Afonso Henriques. Estas fortalezas tiñan tamén como obxectivo vixiar a Lagoa de Antela. Denantes de abandonar o lugar, decidín albiscar de novo o horizonte durante un anaco. Baixo dos meus pés ficaban as terras chans do sur galiciano, os monótonos eidos limiás. Lisquei desta torre paseniño e máis que satisfeito; por unha banda cumpriría o meu obxectivo de coñecer estas estratéxicas torres limiás, e pola outra, volvería a sentir aquela sensación de liberdade que xusto antes experimentara a carón da Torre da Pena. Aquela estraña e pracenteira vertixe. Lisquei maxinando aquela xigantesca Lagoa de Antela e a fascinante paisaxe que a bo seguro debeu existir neste lugar, maxinando os cantos dos xerónimos e o atronador estrondo das revoltas doutros días. 

Ningún comentario: