(Trandeiras)
“Neste confín do inverno
de levísimas seivas,
invisíbeis, a penas,
fan o amor as palabra”
Francisco Domínguez Romero, 24 poemas
Este pasado verán, namentres percorría os cháns e alongados vieiros limiaos na procura da impoñente Torre da Pena, acharía moi preto desta pétrea e lonxeva atalaia, a uns sete quilómetros de Xinzo da Limia e na mesma parroquia de San Pedro da Pena, o pequeno lugar de Trandeiras. Nese intre caín na conta de que neste lugar existía un mosteiro, o do Bon Xesús, polo que non dubidei en tratar de achegarme ata el. Para a miña sorpresa, acharía neste Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, e case sen decatarme, boa parte da soidade, da paz e da harmonía que viña a procurar a estas ermas e chás terras da Limia. Detívenme de fronte á fachada da igrexa e comecei a recender a súa historia e a dos seus antigos e relixiosos moradores. O Mosteiro do Bon Xesús ten as súas lendarias orixes nunha primitiva ermida construída logo de que uns cabaleiros portugueses achasen nos arredores unha imaxe do Meniño Xesús. Tal foi a sona que foi xerando a imaxe, que a ermida comezaría a ser un ir e vir de fe e devoción. Este feito propiciaría a posterior fundación do mosteiro polos Franciscanos.
Sería no ano 1520 cando se fundaría oficialmente o mosteiro, e sería da man do prior de Xunqueira de Ambía, Don Alfonso de Piña, que amais de prior era promotor e mecenas de empresas de arte. Tres anos despois, no 1523, os franciscanos estableceríanse e comezarían a habitar o mosteiro, aínda sen rematar, para contribuír a axilizar a finalización das obras. Conta a súa historia que no ano 1668, un incendio, que non sería o último que lle tocaría vivir a este mosteiro, arrasaría por completo as celas abaciais.

Nos nosos días, o mosteiro fica parcialmente en ruínas, sobre todo o claustro. A igrexa, nembargantes, consérvase completamente íntegra i en perfecto estado. Este templo, que posúe unha sinxela pero fermosa fachada rematada por un piñón con cruz e unha cadrada torre do campanario, fica operativa e coas portas abertas na actualidade. No centro da fachada, sobre do tornachoivas, acharía unha pequena imaxe do Meniño Xesús. Baixo da imaxe, unha fermosísima portada gótico-plateresca, con claras influencias portuguesas, e composta por un arco rodeado de arquivoltas adornadas de motivos vexetais, rosetas i escudos.
Logo de ollar a igrexa, decidín internarme no claustro. Sorprendeume atopalo tan abandonado e medio en ruínas. Malia todo, tamén hai que dicir que algunhas partes do mesmo consérvanse íntegras. Este claustro posúe unha planta cuadrangular e fica conformado por un total de vinte e oito arcos e chapiteis. Tanto a igrexa como o claustro semellan responder a tipoloxías do primeiro renacemento, mais tamén conservan elementos góticos da última etapa do Medievo, tal que cubricións de cruzaría, e a decoración das portadas e arcadas; que recordan as formas empregadas pola arte "isabelina" en Castela e o "manuelino" no veciño Portugal.
Namentres percorría os catro laterais deste claustro renacentista, fun ollando as portas e ventás, os arcos e as columnas que seguen en pé, así como os sinxelos chapiteis, adornados con todo tipo de decoracións vexetais e animais; que resisten entre a maleza e o abandono, baixo musgos, hedras e liques. É unha auténtica mágoa achar tras da viva e intacta igrexa, e tras da súa inmaculada fachada, tanto silencio e tanta ruína.
A meirande parte deste mosteiro, agás a igrexa como anteriormente dicía, e o claustro central, que aínda conserva parte dos fermosísimos arcos e columnas; fica nun avanzado estado de abandono e de ruína. No claustro do Bon Xesús puiden ollar as pegadas dos antigos pisos onde se localizaban as celas abaciais, así como ventás, portas tapiadas e até bodegas. Quen sabe canto non se ten espoliado neste antigo fogar de abades franciscanos, quen sabe canto non terán levado. Estes muros testemuñan todo o que eiquí existía e tamén o que xa non está; celas e celas desaparecidas, arruinadas, esquecidas; somentes presentes nas marcas que, coma cicatrices, berran dende as paredes que aínda fican en pé.
Namentres percorría este claustro solitario e silencioso, puiden sentir unha paz e unha harmonía que me sorprendeu e que precisaba. Quen sabe se foi o lugar, o silencio, a arte, a historia, a fe ou as mesmísimas enerxías telúricas deste esquecido recuncho limiao. O certo é que abandonei o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, este recuncho non planificado, un pouco máis renovado e tranquilo; un chisco máis en paz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario