domingo, 21 de decembro de 2014

A inspiradora serea da Capela do Patrocinio


“estou debuxando.
unha liña
outra. non sei
a qué se asemella.
non me decato da hora. nin do volume.
nin reparo na elíptica da terra ou se este ano é bisesto.
¿serei home?¿serei muller? nin me importa.
¿serei serea?”
Estíbaliz Espinosa, --orama

Desta volta non serían os cervos gravados en pedra nin a casualidade, nin tampouco o destino, o que me faría retornar até o Rianxo natal do noso ilustre médico, poeta, escritor, político, debuxante e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Desta volta procuraba un escudo onde se representa unha pétrea serea, da que algo me tiña falado xa o meu bo amigo Adrián, que puido ser toda unha fonte de inspiración para Castelao á hora de debuxar a comezos do século pasado a súa proposta para o escudo da Galiza no que, como todos sabemos, representou a unha loira serea soportando un escudo que reza: “Denantes mortos que escravos”. O certo é que o meu amigo Adrián, ademais, tivo a ben pasarme unha ligazón a un interesantísimo blogue rianxeiro titulado “Fotos de Rianxo”. Neste espazo dixital acharía unha gran información sobre este tema, e o máis importante, o lugar onde atopalo. Neste blogue falábase da existencia de dous escudos semellantes no Concello de Rianxo; un na Capela do Patrocinio, no lugar do Rianxiño, pertencente á Parroquia de Santa Comba de Rianxo, e o outro no Pazo de Asadelos ou dos Torrado, na Parroquia de Santa María de Asados. Tomei notas das referencias e dos enderezos, e lisquei cara Rianxo. Inicialmente decidín achegarme até a Capela do Patrocinio, que como dicía, fica no Rianxiño, moi preto do núcleo urbano de Rianxo. 

Acharía aquel escudo, aquela serea que a bo seguro debeu inspirar a Castelao, na franxa dereita da fachada da pequena Capela do Patrocinio ou de San Xosé da Floresta. Debo recoñecer que me resultou bastante sorprendente. Aquel era o escudo da estirpe dos Mariño, liñaxe orixinaria da Illa de Sálvora i estreitamente ligada á Casa de Traba. Olleino detidamente tratando de analizar as sutís semellanzas e diferenzas que garda co debuxado por Castelao a comezos do século XX. As semellanzas máis evidentes parecen ficar entorno á figura da serea, sempre que obviemos, iso si, que a debuxada por Castelao non amosa os peitos, presenta un cabelo máis solto e unhas cadeiras notablemente máis anchas que a do escudo dos Mariño. Os brazos da serea debuxada por Castelao semellan tamén máis descansados e máis naturais que os do escudo da capela. As principais diferenzas radican no interior mesmo do escudo. Castelao substitúe as ondas, as armas, o lobo e o piñeiro representados no escudo dos Mariño por unha fouce e unha estrela de cinco puntas, arrodeada por unha cinta que reza, como dicía; “Denantes mortos que escravos”. No blogue “Fotos de Rianxo”, de onde puiden sacar a meirande parte da información, puiden achar unha interesante declaración de Castelao sobre deste escudo da Capela do Patrocinio: “A serea tenante da capela do Patrocinio sostén con exipcia frontalidade armas dos Mariños notabelmente estilizadas no primeiro coartel e tal ves Piñeiros na metade inferior. A capela está datada no ano de 1665″.  Logo de coñecer esta capela, promovida por Xacinto Varela Becerra Sotomayor, i esta pétrea serea dos Mariño, decidimos procurar a outra serea que puido inspirar a Castelao e que ficaría no Pazo de Asadelos. Para a miña desgraza, ó chegar á parroquia de Santa María de Asados, atoparía o Pazo de Asadelos completamente pechado e case que abandonado. Neste pazo estaría a segunda serea dos Mariño no Concello de Rianxo, desta volta sería dos Torrado Mariño; un espectacular escudo dunhas dimensións aproximadas de dous metros. Foi unha mágoa non poder ollar esta segunda serea. Malia todo, abandonei Rianxo máis que satisfeito; o feito de coñecer esta serea do Patrocinio, de ollar un recuncho contemplado e vivo no maxín do noso mestre rianxeiro, é algo realmente máxico e indescritible.

3 comentarios:

anton da sobreira dixo...

Prezado mouro :
Estás facendo historia!
( En ámbolos dous sentidos!)
Eres moi bó, e xeneroso!
Parabéns!, por tanto alimento espiritual co que nos agasallas!
-tan valioso!-
Non renuncies, nunca...

I. Iván Fraga Moure dixo...

Prezado Antón da Sobreira, veciño, mestre e amigo, non sabes o que agradezo as túas afectuosas verbas; sempre tan sentidas e cheas de positividade.

Prometo seguir con este proxecto namentres o corpo, a mente e o destino mo permitan. Esta fraga non ten data de caducidade, e mantense viva grazas ó amor, á ilusión e á admiración que tanto a min como a calquera outro galego, -sexamos "bos e xenerosos" ou non-, nos produce cada recuncho deste noso humilde pero verdescente país. Abofé que restan moitos vieiros por percorrer aínda, compañeiro.

Unha forte aperta e próspero aninovo!

Anónimo dixo...

As armas representan: arriba:Mariño,na esquerda e Varela na dereita;e na parte de abaixo:Becerra