sábado, 13 de decembro de 2014

Moraime, o mosteiro da Costa da Morte


“A tremer as raiolas derradeiras
no vivo azul do palio da serán
e a broslar con fulgor de escentileos
o líquido mantel do sagro altar;
Nosa Señora a Terra de xoellos
escomeza a rezar,
e aló na lontanía a hostia santa
ensanguentada nos abismos cai.
A fonda escuridade bate as azas
no misterioso oriente; a tarde xa
recolle as súas ledas galanías
esprendentes de lus e craridá.
Morre o día na crus do lusco-fusco,
aguniza na door crepuscular;
os vermellos callóns de sangue quente
esmorecendo no seu corpo van.
Nosa Señora a Terra de xoellos
continúa a rezar,
ollando como aló na lontanía
a rosa da esperanza se desfai.
Para lle dar o adeus da despedida
abala o branco lenzo dun praial
e adianta cara alén un brazo espido
por enriba do mar.
Baixo o manto de sombras torturadas
que en silenzo reméxense no ar,
Nosa Señora a Terra de xoellos
non cesa de rezar”.
Gonzalo López Abente, Centileos nas ondas

Algo ten chovido xa dende a última vez que tiven ocasión de percorrer boa parte do Concello de Muxía. Se non me trabuco, debeu ser polo mes de xaneiro do pasado ano. Naquela ocasión somentes tiña como obxectivo visitar a cara máis rural deste concello da Costa da Morte, e por riba de todo, achegarme até un dos máis históricos e importantes templos destas terras atlánticas de ardentes solpores. Xa tiña ganas de coñecer o que queda do San Xián de Moraime, o antigo mosteiro da Costa da Morte. Achegueime até esta parroquia muxiá dende a miña Fisterra natal, deixando á miña esquerda o extenso e máxico Areal do Rostro, onde aínda se albisca parte do armazón metálico do navío portugués 'Silva Gouveia'. Denantes de chegar ó núcleo da vila de Muxía, -topónimo que pode derivar de “monxía”, terra de monxes-, albiscaría a carón mesmo da estrada a silueta dunha das torres do campanario da igrexa de Moraime, o pouco que queda do antigo mosteiro. Achegueime até a igrexa, un templo que data do século XII, para comezar a indagar no pouco que queda da historia e características deste cenobio case que desaparecido. 


A fundación do Mosteiro de Moraime data do século XI, e pertenceu á orde de San Bieito. As primeiras doazóns seríanlle concedidas ó mosteiro de mans da estirpe dos Condes de Traba. Tamén recibiría posteriormente doazóns do rei Fernando II de León, e a axuda do rei Afonso VII de Castela, que sería vital para a construción do templo durante o século XII. Nembargantes, todo cambiaría a partires da segunda metade do século XIV. Durante este tempo daría comezo a decadencia no mosteiro, propiciada polos continuos saqueos de boa parte da pequena nobreza do rural. Até o 1489 dependería do mosteiro compostelán de San Martiño Pinario, mais a partires dese mesmo ano pasaría a depender, por orde dos Reis Católicos, do Real Mosteiro de San Bieito de Valladolid. O templo de San Xián, actual igrexa parroquial de Moraime, é un edificio románico que, como dicía anteriormente, data do século XII e posúe unha planta basilical con tres naves de gran altura, e tres ábsidas, distanciadas por columnas cadradas, a excepción da que se asenta entre a nave central e a lateral norte, que é circular. 


No adro da igrexa acharía numerosos cadaleitos graníticos de grande atractivo e antigüidade. A fachada do templo divídese en tres corpos separados por un par de contrafortes. Entrámbolos dous devanditos contrafortes localízase o pórtico, mediante o cal se accede ó interior do sacro edificio e que se compón de tres arquivoltas ateigadas de sacras e graníticas figuras, entre as cales semellan ficar representados os apóstolos. Cada ángulo lateral da fachada remata nun campanario. Pouco despois de contemplar a fachada da igrexa, acharía tralas miñas costas a casa reitoral, que foi erixida a mediados do século XVIII en substitución do mosteiro e aproveitándose das instalacións do primitivo e monástico edificio. Nas entrañas deste templo aínda se conservan restos de pinturas que cubrían todo un lateral e que hoxe semellan ser interpretadas, dado o seu desafortunado estado de conservación, como unha representación dos sete pecados capitais e a morte. Abandonei Moraime coas “raiolas derradeiras” dunha solleira xornada invernal, e coa satisfacción de ter coñecido o pouco que queda xa daquel mosteiro beneditino de San Xián, a única abadía destas terras da Costa da Morte. 

Ningún comentario: