“Quen fora pedra, quen fora santo
D'os qu'ali hai
Coma San Pedro, n'as mans as chaves
C'ô dedo en alto como San Xoan,
Un-has tras outras eneracioes
Vira pasar
Sin medo â vida que dá tormentos
Sin medo â morte qu'espanto dá”
Rosalía de Castro, Follas novas
Xa debeu pasar como cousa dun par de anos dende a miña última visita ó Concello de Poio, desta volta sería por motivos laborais, polo que pouco tempo tería para coñecer os meirandes segredos deste concello pontevedrés. Nembargantes, tería a sorte de pasar e determe a carón dun dos recunchos de Poio onde mellor se mesturan a arte, a historia e a fe. Detívenme a carón do Mosteiro de San Xoán, no centro mesmo da vila e de fronte á Casa do Concello. Debido ás presas que naquel intre me supuña o traballo, non puiden pararme a contemplar con tranquilidade o mosteiro, mais coido que aquela impresionante fachada da igrexa, tan somentes o pouco que puiden coñecer do San Xoán de Poio, pareceume máis que digna de ser retratada e lembrada nesta bitácora.
O San Xoán de Poio é un mosteiro beneditino medieval. Non resulta doado precisar a data concreta da súa fundación, mais crese que puido ser aló polo século VII e da man de Frutuoso de Braga. A primeira proba achada entorno ó mosteiro dataría do ano 942, e a partires daquel entón recibiría privilexios e distincións reais e nobiliarias, chegando mesmo a incorporarse á Congregación de San Bieito de Valladolid. Entrámbolos anos 1548 e 1556 chegaría a albergar tamén un Colexio Maior de Teoloxía. Sería no 1581 cando darían comezo as obras da igrexa e do claustro principal ou procesional, que serían executadas entre o ano 1600 e o 1612. Tan somentes un ano despois, no 1613, abriríanse as portas do Colexio de Pasantes do San Xoán de Poio, que permanecerían abertas até o ano 1834. Coa Desamortización de Mendizábal comezaría a tornar para peor a realidade do mosteiro. Aló polo 1890, os monxes beneditinos rematarían por abandonar o San Xoán de Poio, que sería ocupado polos relixiosos da Orde da Mercé. Estes últimos, os mercedarios, levan habitando o mosteiro dende aquel entón até os nosos días. A igrexa foi erixida no século XVII por Pedro de Monteagudo seguindo os patróns dun plano datado de finais do século XVII e da autoría de Fray Gabriel de Casas, mestre das obras de San Martiño Pinario. No ano 1700, a obra quedaría sen rematar e tería que ser finalizada por outro mestre tan somentes oito anos despois. A fachada desta igrexa fica enmarcada por dúas torres cunha portada con dous pares de columnas de chapiteis dóricos na parte inferior, entre as que se localiza a imaxe de San Xoán Bautista, e outros dous pares na parte superior; desta volta de chapiteis corintios. Este mosteiro posúe dous claustros; o da portería e o principal. O primeiro é rectangular e foi erixido entre o 1747 e o 1749. O principal, máis pequeno e de planta cuadrangular, foi erixido a canda a igrexa e posúe unhas naves cubertas cunha bóveda de cruzaría estrelada. Abandonei o San Xoán de Poio, se cadra, un pouco máis apresurado do normal, mais non menos impresionado, fascinado ou sorprendido; non menos satisfeito do habitual.
Ningún comentario:
Publicar un comentario