“Cos primeiros melros
acordan os cans
os homes
miañan ao sol
húmido do mencer
...
a auga que baixa
das montañas
corre polas rúas baleiras
...
nas casas só quedan
sombras
algún ancián
que xa esqueceu o calendario
...
son tempos
de pensar a ausencia
...
o home vello á sombra
da aciñeira
conta as cabras
e dálles nome”
Eduardo Estévez, Os veos da paisaxe
Aínda semella que foi onte cando decidín internarme en soidade nun dos espazos naturais máis valiosos deste noso vedescente país. Fora unha viaxe íntima, tranquila e meditativa, solitaria e necesaria, que me levara a coñecer algúns dos lugares máis fermosos e afastados da Provincia de Ourense e por ende, tamén do noso país. Decidín achegarme até a Comarca de Valdeorras, até o extremo nororiental das terras ourensás, e máis concretamente até o Concello de Rubiá, na procura do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e dos calcarios Penedos de Oulego. A Serra da Enciña da Lastra é un verxel que se localiza por antr’os vales que o Sil, na súa entrada a Galiza, foi conformando dende o comezo dos tempos. Esta serra de cumios de rocha calcaria é toda unha excepción na paisaxe granítica galega e fronte a característica lousa valdeorresa. Ademais, atesoura unha flora moi pouco habitual neste noso país.
Esta serra posúe abondosas características propias dos bosques mediterráneos e nela podemos contemplar unha gran mestura de exemplares lonxevos de aciñeiras e castiñeiros, así como recender o arume do tomiño silvestre e achar máis dunha vintena de especies de orquídeas. Percorrín a serra con serenidade, albiscando as masas arbóreas que cobren a cortiza terrestre e deixan ó descuberto os pálidos e afiados penedos. Esta serra foi declarada Parque natural no ano 2002 e posúe unha superficie protexida de 3.151,67 hectáreas e unha altitude media de 684 m. Este calcario val é un auténtico verxel de gran valor para a fauna, especialmente para as poboacións dalgunhas aves rapaces como a aguia real (Aquila chrysaetos), o bufo real (Bubo bubo), o falcón peregrino (Falco peregrinus) ou o alimoche común (Neophron percnopterus). Ademais, esta serra conta co maior número de especies que nidifican do noso país. É por iso que este privilexiado ecosistema foi declarado Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA).
Nas súas abundantes e misteriosas covas, máis dunha vintena e coñecidas por estas terras como “palas”, habitan dende tempos inmemoriais numerosas colonias de morcegos de até nove especies distintas, i entre as que abondan maioritariamente os “Miniopterus schreibersii”. As covas máis coñecidas son a Pala Cumbeira, a Pala Pereda e a Pala Cubelas ou a Pala da Zorra; esta última conta cuns 600 metros de lonxitude. Resulta incrible camiñar a carón do curso do Sil, onde medra o cangrexo de río autóctono, e albiscar recunchos e aldeas tan afastadas e silenciosas. Este curso i estas augas foron explotadas durante a época romana para achar as tan prezadas e valiosas pebidas de ouro, ó igual que en tantos outros recunchos deste noso país como os vales do Río Lor, no Courel, ou en Montefurado. Cóntase tamén que antano había por eiquí unha xigantesca “enciña” ou aciñeira, que servía de guía ós viaxeiros nesta terra de paso localizada no corazón da Gallaecia romana.
O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra localízase sobre do maior macizo cárstico do noso país. A influencia do clima mediterráneo explica a presenza dunha gran variedade de especies endémicas e raras que semellan formar parte de amplas extensións de bosques mediterráneos, soutos de centenarios castiñeiros, tomiñeiras, así como outras moitas matogueiras mediterráneas e demais vexetación que se asenta sobre das rochas calcarias.
É común, polo tanto, achar neste Parque Natural ourensán numerosos exemplares de sobreiras, rebolos, amendoeiras, oliveiras e, por suposto, centos e centos de aciñeiras (Quercus ilex e Quercus rotundifolia). Por se isto fose pouco, nesta serra, atópanse representadas a metade das especies vexetais autóctonas da Galiza. Mais se algunha especie vexetal destaca neste paraíso de tomiños e aciñeiras, neste fronteirizo e calcario val ourensán, é unha fermosísima flor endémica coñecida como “Petrocoptis grandiflora”, que medra nos rochedos calcarios da montaña e tingue de cores verdes e rosáceas os pálidos e afiados petoutos.
Logo de pasear e coñecer detidamente a paisaxe e as numerosas especies naturais que eiquí cohabitan dende a noite dos séculos, decidín procurar un dos máis senlleiros recunchos deste paradisíaco verxel para determe a meditar. Precisaba achar unha paraxe fermosa, silenciosa e impresionante na cal poder determe e cavilar, pechar os ollos, sentir o ar, respirar fondo e recendelo arume da natureza. E así foi como optei por achegarme até os Penedos de Oulego, un dos máis máxicos recunchos deste verxel ourensán. Estes impoñentes penedos semellaban ficar sempre presentes no horizonte da serra, coma dentes de pedra que emerxen da terra e se agochan antr’as brétemas matutinas. Resultoume bastante doado chegar até estes impresionantes penedos, xa que este parque fica perfectamente sinalado e, como dicía, os penedos semellan dominar en todo momento o horizonte.
Detívenme baixo da sombra daqueles impresionantes penedos calcarios afiados coma dentes, e fiquei pampo ante a grandeza deste recuncho natural e fronteirizo. De fronte a min ficaban tres penedos; de esquerda a dereita albiscaría o Penedo Vello ou Pico da Airela, no centro O Penedo, que conta cuns 1.037 metros de altitude, e á súa dereita o Pico da Campa dos Ferreiros. Ó redor destes tres impresionantes petoutos albiscaría tamén numerosas aciñeiras, así como breixos e outras moitas repoboacións de coníferas. Logo de sentirme máis familiarizado coa paisaxe, de ficar realmente sorprendido e impresionado ante aqueles afiados Penedos de Oulego, pechei lentamente os ollos, respirei fondo e púxenme a cavilar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario