sábado, 22 de novembro de 2014

A enxebre Capela da Nosa Señora do Rosario


“Orate, frates, 
porque a saiba da Igrexa mensaxeira 
ache as canles de tempo e de talante 
que agachara na noite a Natureza. 
Orate porque volva 
a palabra de Cristo 
a ser vento de xílgaros e pombas, 
terra de margaridas e pampillos, 
lume de forno rústico de pan, 
auga de regadío. 
Orate, orate, irmáns 
na igrexa de Domingo e romaría, 
na tímida capela 
e na espléndida sé catedralicia 
esa tola e noitébrega pregaria 
de lúa e de camelia 
dos que temos un soño na solapa. 
Orate xunta o mar, 
nas montañas, nas chairas e nos vales, 
na pregaria sinxela dos orates”
Miguel Anxo Mouriño, Camariña: sete cruces e unha esperanza

Aló polo ano 2012, namentres visitabamos a Comarca da Terra Chá e boa parte do interior da Provincia de Lugo tratando de achar recunchos de gran beleza e recoñecido valor histórico e natural, como a Lagoa de Cospeito, o menhir de Pedra Chantada, a presa e muíño de Merra d’abaixo, a Torre de Vilalba, a da Caldaloba e a de Castroverde, a Ponte de Santo Alberte e a de Duarría, o Encoro de San Xoán, o Xacemento de Pena Xiboi, os dolmens de Roza das Modias e da Moruxosa ou as Penas de Rodas, acharíamos na Comarca de Lugo un fermoso recuncho moi descoñecido e solitario que non tiñamos pensado visitar e que nos pareceu un lugar marabilloso. Se non lembro mal, acharamos este recuncho namentres procurabamos as Penas de Rodas, i é que este máxico lugar fica no mesmo concello, en Outeiro de Rei. Estamos a falar da Capela da Confraría da Nosa Señora do Rosario, no lugar de Bravos, pertencente á parroquia de Santa María de Vicinte. Detivémonos de súpeto a carón desta capela no mesmísimo intre no que a albiscamos á beira da estrada. Pareceunos unha capela singular, antiga, misteriosa e até enxebre. O certo é que conseguiu atraer toda a nosa atención. Ficaba a carón e baixo a sombra dun carballo sobradamente centenario. Achegámonos paseniño até aquel pequeno templo para coñecer máis de preto as súas características. 


A Capela da Confraría da Nosa Señora do Rosario foi erixida en cachotería de granito e ó longo da súa historia foi obxecto de varias reformas, algunhas emprendidas na primeira metade do século XV de acordo a unha inscrición achada no templo. Esta capela, que podería encadrarse no denominado románico rural, consta dunha sola nave e dunha ábsida de de menores proporcións, ámbalas dúas de planta rectangular. Unha das caras laterais da nave principal ábrese cun arco de medio punto cara o interior e apuntado cara o exterior. Cingue un tímpano alintelado esculpido cunha cruz no interior dunha fermosa auréola. Esta fermosa capela foi antano unha igrexa que, no intre en que esta aldea foi suprimida como parroquia nun amaño parroquial efectuado durante o ano 1890, deixou de ser igrexa para pasar a servir de capela da Confraría da Nosa Señora do Rosario. Nos muros deste pequeno pero fermoso templo acharíamos numerosas figuras animais, así como numerosos motivos florais. A porta principal fica baixo un pórtico de madeira cuberto de lousa, unha fermosísima estampa. No tímpano da porta orientada cara o sur acharíamos tamén un fermoso escudo no que semellaban representarse tres torres, así como unhas inscricións nas que aparece un ano en números romanos que pode mesmo chegar a testemuñar a súa propia orixe; 1412. No outro lado do templo acharíamos tamén un pequeno camposanto, baixo das ramaxes daquel centenario carballo, no que descansan diferentes bispos da contorna. Foi unha sorte facer unha breve e imprevista parada naquela axitada viaxe e coñecer un lugar tan descoñecido e á vez tan cheo de misterio, de silencio e de paz. 

Ningún comentario: