martes, 17 de decembro de 2013

Na Torre de Castroverde agardamos a alborada


“A mañá cedo acorda. De Castroverde parto ao encontro das palavras
onde a memória nega-se ensimesmada tras unha nube. 
Escoito voces antigas lonxanas no Castelo dos Saloucos, como crer
ainda. 
O vento matinal, sen repouso e mudanza xeme a sua voz converte-se 
no limite do inverno. Na sua calidez, o ceo azul”. 
Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

Nunha das nosas últimas viaxes ó corazón da Provincia de Lugo, tivemos a sorte de coñecer unha gran mostra de torres e fortalezas medievais que aínda seguen en pé para testemuñar a súa propia historia, e por extensión, tamén a do noso País.  Moitas delas, como as de Vilalba, Monforte, a Candaira ou San Paio de Narla, foron restauradas e nos nosos días albergan hoteis e museos, namentres  outras, como a da Caldaloba, fican ocas e derrubadas. Desta volta decidimos procurar outra antiga torre luguesa que, a pesares de ser todo un símbolo para o seu pobo, fica aínda nun estado de total abandono. Viaxamos cara a Comarca de Lugo para coñecer de preto unha histórica torre que precisa, con urxencia, ser restaurada e posta en valor como se merece. Trátase da coñecida Torre de Castroverde. Somentes tiven a sorte de pisar este concello dúas veces na miña curta vida. A primeira, cando fotografei as ruínas deste impresionante monumento, e a segunda, cando percorrín os máxicos vieiros do Camiño Primitivo que me levarían até Compostela. Nesta segunda visita tiven o honor de coñecer tamén outro dos santuarios máis coñecidos por estas terras; Santa María de Vilabade. En ámbalas dúas ocasións puiden observar o bo ambiente que se respira nesta vila de escasos 3.000 habitantes, a amabilidade e cortesía das súas xentes. Denantes de comezar a camiñar o Primitivo, emprendín unha curta viaxe que me levaría a percorrer unha boa parte das comarcas e concellos do interior da Provincia de Lugo. Visitamos as comarcas da Terra Chá, A Ulloa, Lugo, Sarria, Terra de Lemos e Chantada. 


Lembro que debiamos apresurarnos e madrugar, xa que tiñabamos previsto visitar unha morea de singulares recunchos e monumentos, e somentes dispuñabamos dunha curta fin de semana outonal. O primeiro sería este, a histórica Torre de Castroverde. Saímos de Compostela moi cedo, sobre das seis da mañá. Denantes das oito estabamos xa en Castroverde, e aínda non amencera. Agardamos a lus clara da alborada, cun día xa de por si bretemoso, na taberna máis madrugadora do pobo. Estabamos aterecidos de frío e aínda medio adurmiñados. Aínda non amencera de todo, mais logo duns cafés, decidimos saír do bar e achegarnos á torre, a escasos metros da estrada principal do pobo. De camiño, atravesamos unhas cantas casas desexando que ningún furioso cadeliño saíse de antr’a mesta escuridade e perturbase aquel silencio tremebundo.  Apresuramos o paso e logo dunha curta e lixeira ascensión comezamos a ver os muros e xanelas da histórica Torre de Castroverde. Namentres amencía fomos ollando unha gran cantidade de detalles que gardan estes, agora ocos muros, ateigados de historias e batallas doutrora. Sorprendeunos achar un pequeno grupo de morcegos que entraban e saían dunha das pequenas e fermosas xanelas da torre, e mesmo se arremuiñaban sobre das nosas cacholas namentres contemplabamos as ruínas deste monumento. A historia da Torre de Castroverde semella comezar entrámbolos séculos XIV e XV, cando sobre do antigo castro que dá nome a este pobo, os Condes de Lemos comezaron a erixir a primitiva fortaleza. Algunhas reformas posteriores puideron ser obra de Sancho Sánchez de Ulloa, Conde de Monterrei a finais do século XV. Segundo parece, primeiro pertenceu á estirpe dos Osorio, e séculos despois pasou a mans dos Condes de Altamira, donos doutras moitas importantes construcións galegas como a das Torres de Altamira ou o Castelo de Vimianzo.


Contan que constaba de varias torres unidas entre si por rexos e fortes muros que protexían o patio da honra e chegaban a converxer coa torre da homenaxe, a que hoxe se conserva, dunhas dimensións aproximadas de 10 por 12 metros de ancho e uns vinte de altura. Tamén se pode ver unha pequena parte dos muros, pois nos nosos días fican maioritariamente soterrados. Ollamos tamén parte das ameas no alto da torre, as que aínda resisten. Nas súas catro caras, e segundo ía abrindo o día,  fomos observando a cantidade de detalles que aínda se conservan a pesares dos séculos, das inclemencias e do abandono. A xanela pola cal saían os morcegos conservaba un lintel semicircular, onde puidemos achar un gravado que semellaba un cabaleiro da época. Nembargantes, a xanela que máis chamou a nosa atención era moito máis pequena, conservaba un arco sobre do que se podía ollar un escudo nobiliario. Hai quen mesmo di que se conserva a silueta dun gaiteiro, mais nós non demos con el. Nos nosos días, este histórico monumento que tanto representa e tanta importancia ten para o seu pobo, non é do pobo. Ó parecer, estoutra torre, ó igual que tantas do noso País, fica baixo a tutela privada dun particular. De aí, comprendemos, debe vir o estado de total abandono que acabaramos de presenciar. É unha mágoa que fortalezas como Meirás, Pambre, ou Castroverde, fiquen aínda tan afastadas do pobo, tan lonxe dos descendentes dos que as ergueron e sufriron os abusos dos señores. Comezaba a alborexar namentres liscabamos de Castroverde, e fixémolo desexando que a vella Torre da homenaxe abandonase as estirpes nobiliarias e comezase unha nova alborada histórica baixo a tutela do seu pobo!

Ningún comentario: