mércores, 11 de decembro de 2013

A Pedra que Fala deixounos enmudecidos


—Ai, meu amigo,
anda o vento rifando conmigo.
—Ai, miña amada,
non é o vento, que eu son quén che fala.
—Ai, meu amor,
anda a i-auga a cantarme arredor.
—Ai, miña amante,
¿cómo coidas que a i-auga che cante?
Xosé María Álvarez Blázquez, Poemas de ti e de min

Canta historia adormece antr’os toxos e silveiras do noso País. Cantas xoias e tesouros, esquecidos e silenciosos, se agochan aínda baixo os húmidos mantos de musgo e tralos liques celestes que cobren as graníticas laxes. Seguimos na procura deses antigos sinais tatuados en frías pedras que acougan baixo a sombra dos montes da contorna de Compostela. Coma irremediablemente fixeramos en anteriores ocasións, cando visitaramos os petróglifos de Correxíns, O Pedroso ou O Castriño de Conxo, decidimos botar man do valioso tríptico “Compostela gravada na pedra, os petróglifos milenários que arrodeam a capital da Galiza”, elaborado integramente pola asociación compostelá A Gentalha do Pichel. Somentes eles foron quen de poñer en valor estas xoias milenarias esquecidas dende a noite dos séculos, os únicos que tiveron a ben sinalizalas para o gozo de tantos que, coma min, amamos e temos o dereito a coñecer a nosa propia historia. Semella incrible que moitas destas pedras traballadas polos nosos máis primitivos devanceiros fiquen aínda arrodeadas de toxos e silveiras, sen paneis informativos e ata sen catalogar; esquecidas por todos nós. Desta volta quixemos procurar un dos petróglifos composteláns máis singulares, tanto polas súas características como polo seu nome; A Pedra que fala. Trátase dun fascinante conxunto de gravados da Idade do Bronce que fican no lugar de Vilar do Rei, na parroquia compostelá de San Xoán de Fecha.


Saímos de Santiago polo barrio de Vista Alegre, seguindo ó detalle as indicacións do tríptico, e collemos rumbo a Portomouro.  Uns escasos oito quilómetros despois de deixar atrás o núcleo da cidade, a carón dunha perigosa curva, puidemos ollar un sinal que nos indicaba que debiamos desviarnos á dereita para chegar a Vilar do Rei. Así fixemos, e logo de atravesar unha longa estrada arrodeada de campos de labranza, ollamos á nosa esquerda un indicador que rezaba: Petroglifo. Dende logo, foi unha sorte atopalo, pola contra teríamos seguido de fronte. Logo de desviarnos á esquerda, por onde nos indicaba o sinal, e denantes de chegar ó lugar de Vilar do Rei, internámonos á dereita por un camiño asfaltado. Segundo as indicacións do tríptico, o petróglifo ficaría a uns trescentos metros, nun petouto arrodeado polos eucaliptos; e o certo é que non tardamos en atopalo. Internámonos no eucaliptal e ó pouco xa puidemos ollar un afloramento rochoso de grandes proporcións. Todo semellaba indicar que a nosa xoia ficaba naquel enorme e misterioso petouto. Decidimos achegarnos ó mesmo para comprobar se estabamos no certo, se estabamos a piques de coñecer outra xoia milenaria, outra descoñecida mostra da arte rupestre galega na contorna da súa capital.


Logo de atravesar uns cantos eucaliptos, puidemos contemplar nunha pronunciada e vertical laxe granítica, os sucos dunha Pedra que Fala que nos deixou enmudecidos. O sol do serán foinos ensinando os milenarios segredos que agochan estas pedras, este xigantesco e sacro outeiro de pedra. O primeiro que observamos foi un conxunto conformado por tres motivos circulares unidos entre si por sucos rectos. Cada unha destas auréolas, como na meirande parte destas primitivas xeometrías circulares, conserva aneis concéntricos e cazoliña central. Tamén puidemos ollar, espalladas pola laxe, multitude de cazoliñas unidas entre si por sucos rectilíneos, así como algunha que outra xeometría circular simple. Sorprendeunos a cantidade de trazos, coviñas e sucos rectos que se deixaban entrever, tan diferentes todos eles entre si. A duras penas podiamos ascender aquela laxe, precisabamos desprazarnos a catro patas, e a cada paso, iamos achando novos gravados. O tríptico da Gentalha detalla outros moitos motivos que nós non puidemos atopar. Contan que se acharon oito motivos circulares concéntricos simples con distinto número de aneis pero todos con cazoleta central. Ademais, puideron atoparse multitude de motivos cruciformes, ferraduras e mesmo dúas pías. Logo de contemplar aquela vertical laxe, decidimos ascender até o cumio daquel pétreo outeiro.


Ollamos as estrañas formacións rochosas, cheas de fendas e covas. Grazas a un plano do tríptico puidemos achar tamén, nunha pequena pedra do cumio, motivos cruciformes, trazos rectos espallados e diminutas cazoliñas. Este lugar está cheo de sucos de múltiples formas, mais os trazos duns distan moito dos outros. Sorprende que algúns gravados conserven sucos máis ben anchos, curvos e dinámicos, namentres que noutros aparezan trazos máis finos, perfilados e rectos, máis estáticos e precisos. Tamén chamou a nosa atención a diversidade de motivos i elementos que se deixan ver en diferentes puntos do petouto, e non somentes na laxe vertical. Puidemos ollar cazoliñas de variados tamaños, unhas no centro de auréolas de aneis concéntricos e outras soltas ou mesmo unidas mediante un suco recto. Quen sabe cantos artistas puideron confluír nestas rochas, quen sabe cantas xeracións puideron deixar aquí a súa pegada. Quen sabe se algúns fican inacabados, ou se foron rabuñados con distintos elementos. Semella un paradoxo que a Pedra que Fala nos semente tantas dúbidas, mais o certo é que estas pedras falan; se cadra ninguén chegou aínda a comprendelas. Urxe pór en valor estas xoias milenarias, urxe protexelas i estudalas; mesmo escoitalas. Liscamos de Vilar do Rei con máis dúbidas das que traiamos e os nosos pensamentos, limitados, non atoparon respostas. 

2 comentarios:

Bricd dixo...

“Preténdese iluminar a noite como símbolo de progreso, sen decatarnos que o home realmente progresou por mirar ao ceo...”

[ http://danikxt.blogspot.com.es/2013/12/las-estrellas-no-se-olvidan-de-salir.html ]

Soio resta ver antergos ceos daquelas seiras nos que vos artistas dás pedras fixeron tales; ferreiros que tinhan por costume ficar nos perpianhos máis pretos deixando neles as noites nas que as estrelas lles dicían tuda crase de cousas a vos seus oubidos e ollos cravaron nas pedras e nas rochas ou que as mans eran capaces de faer...
Ceos escuros, cheinhos de guinhos; non coma hoxe, que tantas luces fan imposibels velas dende as urbes, as aldeias e os esquilmos.
Dende os eidos nos que me atopo cego de tanta merda lumínica:
Quen fora antergo escultor dá pedra,
canteiro escribidor nela
que representando nos escritos
buraquinhos ou cazolas
entroncadas unhas coas outras.

Deica entón...

[http://bdouzaldarrudaceibeilustrados.blogspot.com.es/2012/12/el-aigao-como-la-cola-de-un-cometa.html ]

[ http://1.bp.blogspot.com/-L1gqMJeEyy0/UM36sHE22BI/AAAAAAAACmQ/HHEzDAtvOyM/s1600/peg1.JPG ]

Iván Fraga dixo...

Moitísimas grazas, Bricd.

Dende logo é moi posible que os nosos ancestros plasmasen na pedra todas aquelas estrelas e astros que ollaban cando todo ó seu redor era mesta escuridade. Grazas pola información aportada e por sacarme un pouco de dúbidas. Convidado quedas a pasarte por esta fraga sempre que queiras.

Un saúdo!