“...e ao lonxe o mar que tanto sabe a memoria
de nós e nunca esquence a despedida no fulgor
dos soles: anuncio en petroglifo que labramos”
Xosé Vázquez Pintor, Poesía inédita
Continuamos o noso camiño tralas milenarias e descoñecidas mostras de arte rupestre que se perden polos montes da contorna de Compostela. Logo de coñecer os segredos que agochan as frías laxes de Correxíns, o Pedroso e o Castriño de Conxo, decidimos coller rumbo ó concello coruñés de Ames, na Comarca de Santiago, para procurar outro fabuloso petróglifo, sen moita sona nin recoñecemento, por antr'os montes que se perden no Val da Mahía. Trátase do petróglifo de A Nave, unha xoia esquecida que fica no lugar de Mourigade, na parroquia de Bugallido. Debo recoñecer que non nos resultou nada doado achar esta descoñecida mostra, xa que carece de indicadores que nos conduzan ata ela. Tentámolo durante dous días seguidos. O primeiro día estivemos moi preto del, a escasos metros, mais lembro que escurecera e tiveramos que abandonar. Ó día seguinte decidimos ir ó seguro e preguntámoslle a un veciño de Mourigade se o coñecía. O señor, moi amablemente, indicounos o camiño polo que deberiamos seguir e unhas claras referencias.
Díxonos que ficaba á beira dun amplo camiño que nos conduciría ó monte. Denantes de que o camiño comezase a ascender, debiamos internarnos nunha leira. A carón da mesma, e baixo a sombra duns piñeiros, acharíamos o petróglifo. Non tardariamos nin dous minutos en chegar. No valado mesmo onde rematan os sucos da branda e traballada terra da leira que nos indicara o veciño, comezarían a albiscarse os sucos traballados en dura rocha polos nosos máis antigos devanceiros. Camiñamos a rentes do terreo, procurando non botar a perder a colleita dalgún que outro veciño de Bugallido. Estabamos, á fin, moi preto de coñecer outro extraordinario petróglifo da contorna compostelá; outra gran xoia pouco coñecida. Logo de dúas intensas xornadas puidemos contemplar, arrodeado de toxos e baixo a sombra dos piñeiros, os sucos do petróglifo de A Nave. Esta marabillosa mostra de arte rupestre galega fica traballada sobre dunha pequena croa natural da propia rocha, como adaptándose á morfoloxía da mesma.
Este gravado, herdado polos antepasados da Idade do Bronce, fica conformado por cinco auréolas concéntricas, unha gran cazoleta central e un suco recto, ou radial, que as atravesa e sobresae do conxunto por ámbolos dous extremos. A morfoloxía deste petróglifo lembrounos ó de Correxíns, nembargantes, este último ficaría atravesado por máis sucos radiais e sobre dunha superficie máis chán. A pesares de non contar con ningún tipo de indicador nin paneis informativos, o petróglifo de A Nave foi recentemente incluído no catálogo de gravados da Comarca de Santiago. E digo recentemente, porque ata non fai moito ninguén sabía da súa existencia. Ó parecer, este milenario tesouro foi achado fai cousa duns anos atrás polos veciños do lugar. Supoñemos que polos labregos que traballan esta leira, pois a laxe onde se sitúa o petróglifo semella un propicio marco natural da mesma. Ó certo é que ó pouco de ser descuberto, os veciños alertaron ás autoridades do achado e foi debidamente catalogado. Nembargantes, non se fixo nada para protexelo nin para promocionalo. Contemplamos con admiración o gravado, reparando na profundidade dos sucos, e cavilamos na importancia deste achado de Mourigade.
Quen sabe cantos petróglifos agardarán aínda seren descubertos, cantos tesouros milenarios ficarán baixo as toxeiras, baixo os húmidos mantos de musgos, liques e follas, que cobren a cortiza dos montes galegos. Mais semella incrible que unha xoia catalogada coma esta fique aínda tan abandonada i esquecida; sen máis indicacións que as dos propios veciños. Deixamos tras de nós este tesouro legado dende os tempos máis remotos para seguir na procura das xoias históricas máis esquecidas da contorna santiaguesa, desexando que veñan tempos mellores, tanto para os petróglifos como para Compostela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario