“Non me posso pagar tanto
do canto
das aves nen de seu son,
nen d'amor nen de ambiçón
nen d'armas —ca hei espanto,
por quanto
mui perigoosas son,
—come dun bon galeón,
que mi alongue muit'aginha
deste demo da campinha,
u os alacrães son;
ca dentro no coraçón
sentí deles a espinha!
E juro par Deus-lo santo
que manto
non tragerei nen granhón,
nen terrei d'amor razón
nen d'armas, por que quebranto
e chanto
vén delas toda sazón”
Afonso X, Cantigas de escarnho e maldizer
Fai como cousa dun par de anos, tempo no que comezaría a sentir un especial interese polos petróglifos e a arte rupestre, dende aquela viaxe na que percorrería numerosos concellos e boa parte do interior da Costa da Morte trala pista dos abondosos achados arqueolóxicos que se localizan por estas terras do occidente galaico. Na devandita viaxe tiveramos o pracer de achar os dolmens do Val da Soneira, amais da Arca da Piosa, a Fornela dos Mouros, a Casota de Freáns e o Castro de Borneiro. Mais naquela viaxe tamén acharíamos uns gravados milenarios que fican nun afloramento granítico do Concello de Dumbría e nos cales se representan unha serie de armas que nos resultaron moi coñecidas, que nos lembraron a outras que xa tiveramos a sorte de coñecer con anterioridade; as do Castriño de Conxo.
Este conxunto de gravados dumbrieses, coñecidos como Pedra Ancha, fican a carón mesmo do trazado do Camiño de Santiago que ten Fisterra como fin. Para achegármonos até este afloramento granítico tivemos que dirixírmonos até a Parroquia de Santa Baia de Dumbría, i en concreto até o lugar de Hospital, na estrada que enlaza os termos municipais de Dumbría e Mazaricos. Á altura da factoría de carburos metálicos de FerroAtlántica, e de fronte a porta principal da mesma, atoparíamos o trazado do Camiño de Fisterra e ó pouco de internármonos nel, a uns aproximados 400 metros, acharíamos o afloramento de Pedra Ancha á nosa dereita. Era inverno e orballaba, mais iso non impediu que achásemos os gravados.
A de Pedra Ancha é unha das estacións rupestres máis interesantes do chan galiciano pola variedade dos seus motivos, as armas, e pola nula presenza desta iconografía nestas terras da Costa da Morte. Ollamos naquel místico afloramento uns puñais e unha especie de escudo moi semellantes ós que acharamos no Castriño de Conxo. Na Provincia da Coruña existen outras representacións de armas en Carnota, Teo e no Porto do Son, amais do xa citado Castriño de Conxo, en Santiago de Compostela; mais este último parece facer una exhibición dun catálogo de armas diversas. Fitamos aqueles gravados que semellan representar unha especie de escudo, e despois analizaríamos os sucos que semellan conformar dous puñais e tres alabardas. Tamén acharíamos unha serie de cruces feitas con posterioridade. Estes petróglifos de Pedra Ancha foron achados por vez primeira por Modesto García Quintáns no ano 1991.
Logo de contemplar os gravados, decidimos ascender até o alto do afloramento para tratar de achar algún suco máis ou algunha coviña. No alto de Pedra Ancha non acharíamos nin sucos nin coviñas, mais si dúas especies de pías con desaugadoiros como talladas na mesma rocha. Tratamos de maxinar ilusamente o que puideron significar este petouto de Pedra Ancha e todas estas armas para os nosos ancestros da antigüidade. Conmóveme pensar que estes gravados saíron da mente daquelas xentes primitivas, así como maxinar as rudas mans coas que algunha ou algún artista primitivo debeu plasmar neste afloramento granítico parte dos seus soños, das súas teimas, dos seus medos ou das súas esperanzas; parte polo tanto do seu espírito, da súa alma, do seu xeito de ser e de vivir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario