sábado, 22 de novembro de 2014

De troula pola histórica vila de Sarria


“Cantá, poetas, cantade, 
erguend'a santa bandeira
do batallón da verdade, 
pra darlle cor a esta era.
Non copiedes uns dos outros, 
pintad'as vosas ideyas; 
cada frol ten o seu cheiro, 
seu criar cada moleira”
Francisco María de la Iglesia, D’o mar e d’a terra

Fai cousa dun par de anos, logo írmonos de riola polo centro da histórica vila de Monforte de Lemos, decidimos visitar algúns recunchos doutro importante núcleo de poboación da Provincia de Lugo. Desta volta quixemos coñecer o centro da localidade de Sarria, capital da comarca homónima, e terra de carpinteiros i ebanistas. Achegámonos até estoutra vila lucense co fin de coñecer algúns dos recunchos máis senlleiros e históricos que atesoura e o ambiente que se respira antr’as súas rúas. Tiñamos tres obxectivos principais, achar a Torre do Batallón ou Fortaleza de Sarria, o Albergue e Mosteiro de Santa María Magdalena e a porta de saída para os milleiros de peregrinos que dende esta vila luguesa continúan o sendeiro do Camiño Francés cara a seguinte etapa de Portomarín; a Ponte da Áspera. Inicialmente achegariámonos até o Albergue e Mosteiro de Santa María Magdalena, na céntrica Avenida da Merced. 


O Mosteiro de Santa María Magdalena funcionou dende antano como hospital de peregrinos e nosos días continúa a ser un albergue de gran sona e prestixio. De feito, este é tamén un dos edificios máis senlleiros e históricos da vila. Este mosteiro, de orixe románica, foi fundado por un grupo de frades italianos aló polo século XII, mais somentes se conservan estruturas desta época na ábsida da igrexa e na porta de acceso ó claustro. A meirande parte das estruturas son góticas. A igrexa é de estilo oxival en transición cara ó renacemento, e a súa fachada, plateresca, exhibe abondosos elementos manuelinos. Ficamos pampos ante os numerosos elementos que achamos na porta deste santuario. Nas esquinas da fachada puidemos achar tamén os escudos de armas das estirpes dos Osorio, os Castro e os Enríquez, señores de Sarria e protectores do mosteiro. Logo de coñecer este fermoso e histórico edificio, este mosteiro e hospital de peregrinos, decidimos procurar outra das xoias históricas e lendarias que atesoura a vila de Sarria. 


Os nosos pasos encamiñábanse agora cara a zona máis alta da vila, onde aínda se conservan parte dos muros dun antigo castelo do século XV coñecido como A Torre do Batallón ou Torre Fortaleza de Sarria. Non nos resultou complexo atopala, albiscariámolas ameas da torre nun pequeno e céntrico parque entre o Campo da Feira e a Avenida da Merced. Esta torre era a antiga Torre da Homenaxe e parte dunha antiga fortaleza medieval que tivo as súas orixes aló polo século XII, e que se pensa que puido ser erixida sobre dun antigo castro logo do matrimonio de Guitierre Ruiz de Castro con Elvira Osorio. No século XV, a fortaleza sería reducida a ruínas froito das Revoltas Irmandiñas, mais co tempo sería reconstruída de novo. Crese que até o século XVII albergou unha prisión. Nembargantes, co tempo o castelo foi abandonado ata ser mercado no ano 1860 polo senador Casiano Pérez Batallón, que cubriría os foxos do castelo. O tempo, o abandono e a ruína volverían a apoderarse da fortaleza.


A torre que puidemos achar, duns 15 metros de altura i erixida en cachotería granítica, fica recuberta no seu interior, ós 7 metros de altura, por unha bóveda de directriz. O recinto que actualmente arrodea a torre fica pechado ó público, xa que esta é privada, pertence aínda á familia Pérez Batallón e nos nosos días está á venda. É unha auténtica mágoa que esta Torre do Batallón, emblema da vila de Sarria, fique á venda e as administracións non fagan nada por recuperala. Deixamos tras de nós esta histórica torre e collemos rumbo cara o noso último obxectivo da xornada; a histórica Ponte da Áspera. Para dar con ela tivemos que procurar o silandeiro curso do Río Celeiro e deixármonos guiar, cal peregrinos, polas indicativas frechas amarelas. O certo é que non tardariamos en chegar.


A Ponte da Áspera é parte do Camiño de Santiago polo seu tramo francés, e a diario é frecuentado por centos e centos de peregrinos que atravesan o curso do Río Celeiro namentres se despiden desta importante vila luguesa para encamiñárense cara a seguinte etapa de Portomarín. 

Esta fermosa e antiga ponte, conserva catro rexas arcadas de época medieval erixidas en cadeirado de granito. O resto da ponte, nembargantes, sería erixida con perpiaños de lousa. No pouco tempo que estivemos contemplando a ponte, vimos facer uso dela a unha gran cantidade de peregrinos. Canta tranquilidade e canta paz atoparíamos a carón desta Ponte da Áspera, a carón desta porta de saída de Sarria no Camiño Francés. Esta vila i esta ponte son tamén o punto de partida para moitos peregrinos que deciden comezar eiquí os 111 quilómetros que restan para chegar á Praza do Obradoiro. Deixamos tras de nós esta ponte, este fermoso recanto do Camiño Francés a Compostela para, ó igual ca peregrinos, despedírmonos desta histórica e importante vila lucense, desta terra e berce dos mellores carpinteiros i ebanistas do noso país, coa sensación de termos coñecido algúns dos máis históricos recantos de Sarria, e coa esperanza de que a vella Torre do Batallón, o emblema por excelencia desta histórica e importante vila, algún día sexa propiedade do pobo, do batallón servil, "do batallón da verdade", -como diría o excelso poeta Francisco María de la Iglesia-, da mesma estirpe dos bos e xenerosos que a erixiron e a reduciron a ruínas ó longo da súa historia. 

Ningún comentario: