venres, 14 de novembro de 2014

A pequena e histórica Ponte de Duarría


“Terra pobriña, leda de muíños,
e de ríos calados, cheos de sombra,
e pontellas de laxe sobre os ríos,
onde os nenos se miran debruzados.
¡Ai, quen me dera agora, meu amore,
nesta tarde de vento e sol quebrado,
polas grandas de Silva e do Mosteiro,
aló contra San Cosme de Gondel!
¡Quen me dera en Fonfría, Ermunde e Lúa,
terras bravas que un día agallopei
nun cabalo roán de quinas brancas!
¡Que ben cantan de volta da esfollada
os mozos de Duarría e de Ansemare,
na Terra Chá, lanzal de abedoeiras,
leda de ríos calmos coma sono!”
Aquilino Iglesia Alvariño, Abedoeiras

Fai cousa dun par de anos, por estas mesmas datas, tiveramos ocasión de percorrer a Terra Chá na procura de recantos tan máxicos e fermosos como o Menhir de Pedra Chantada, O Encoro de San Xoán sobre do Río Pardiñas, a Lagoa de Cospeito, a presa e muíño de Merra d’abaixo, a Ponte de San Alberte, as Penas de Rodas, a Torre de Vilalba e a da Caldaloba ou o Xacemento de Pena Xiboi. Naquela viaxe coñeceramos o que significa a auga para os habitantes desta chaira de extensos horizontes e o vencellada que está á súa historia e á súa cultura. Naquela viaxe tiveramos a sorte de achar outro pequeno recuncho onde a auga tamén fica presente. 

Estamos a falar da ponte "romana" de Duarría, un pequeno pero importantísimo anaco de historia que fica no Concello de Castro de Rei, máis concretamente, no lugar dos Pedregás, na Parroquia de Santiago de Duarría. Aínda lembro atravesar unha ampla, húmida e verdescente pradaría, cos pés completamente empapados, cos pantalóns arremangados até os xeonllos. Aquel día chovera moito, e os campos chairegos ficaban asolagados. 
Achegámonos até aquela ponte e agardamos baixo das árbores a que parase de chover. Estabamos ante a pequena pero histórica Pontella de Duarría. Esta ponte foi erixida en cachotería de lousa, posúe somentes un arco de medio punto e conserva unha calzada empedrada. Esta fermosa ponte sitúase sobre do leito do Río Vello. O certo é que aínda se descoñece con exactitude a época na que foi erixida, e aínda a pesares de ser coñecida como unha ponte romana, moitos estudosos sosteñen que é medieval. Crese que por esta parroquia de Duarría debeu pasar unha antiga vía romana, empregada posteriormente na época medieval, que supostamente uniría Lugo con Mondoñedo e cruzaría verticalmente as terras do Concello de Castro de Rei. Crese que esta ponte de Duarría puido formar parte deste antigo camiño, mais non se sabe con certeza. Moi preto desta ponte atópase tamén o castro de Duarría, no cal sairían á lus abondosos restos romanos. A ponte e a súa contorna foron recentemente rehabilitados. Deixamos tras de nós estoutro pequeno e histórico recuncho chairego, este vieiro xeitoso e garrido, esta terra chán e verdescente de “pontellas de laxe sobre os ríos”.

Ningún comentario: