sábado, 8 de novembro de 2014

Antr'as amuralladas ruínas de Saceda


"D'o campo da luciña 
que dán teus ollos puros
alónxans 'os conxuros 
da loura impuridá; 
e brotan mil imaxes 
d'anxélica risura, 
mostrand'a fror, figura 
d'a tua castidá.

Acércam'esa testa 
de maxestade asento, 
cruxol do pensamento 
mais cándido e sutíl: 
teus ollos amantiños 
que rindo atornasolas, 
soltando mais raxolas 
qu'estrela diamantíl.

¡Ven! ¡Ven! Xuntos cantemos 
n'a farpa d'os amantes 
mais tenros e costantes, 
formand'un solo ser. 
¡Ven! ¡Ven! Sobre este castro
de mirta e d'hedras cheo 
xuremos pol-o ceo 
¡Amor hastra morrer!"
Francisco Mª de la Iglesia, D'o mar e d'a terra

Este pasado verán decidín viaxar só até a Provincia de Ourense trala pista dun castro galego afastado i esquecido, que fica nun encrave único onde maxinar a vida e o legado dos nosos máis primitivos antepasados. Viaxei só porque precisaba escoitarme a min mesmo e sentirme ceibo, desconectar da monotonía dos nosos días e afundirme nun devalo de séculos que voaron, que se esfumaron deixando consigo garridas raigames soterradas. Foi unha viaxe solitaria pero pracenteira. Desta volta andaba na procura dunha antiga cidade castrexa que fica moi preto da fronteira con Portugal, máis concretamente no concello ourensán de Cualedro.


Logo de atravesar os eidos da chá Comarca da Limia, de percorrela de torre a torre uns meses atrás, decidín volver a estes ermos e amplos, solitarios e silencios páramos ourensáns. Achegueime paseniño até Verín ollando a monótona paisaxe, a liña dun horizonte afastado e imperturbábel. Logo dun almorzo, collería rumbo ó Concello de Cualedro, até os límites fronteirizos que nos unen e separan dos nosos irmáns do veciño Portugal. Dende Cualedro collería rumbo cara a parroquia de San Salvador da Xironda, e logo de atravesar o lugar da Lucenza, albiscaría no chán horizonte a silueta dun elevado outeiro onde máis pronto que tarde acharía o esquecido e afastado Castro de Saceda.


Achegueime até aquel outeiro onde moraron os nosos primitivos ancestros albiscando a cada paso os pétreos muros que aínda conserva, os fogares doutrora, transitando os intricados rueiros onde fica espido o rochoso e firme afloramento. Detívenme de fronte á entrada principal do recinto amurallado exterior e comecei a deambular antr’as ruínas desta antiga cidadela. Dende este castro, dende este sacro cumio, albíscase unha impresionante panorámica das terras cháns que se estenden pola contorna. Semella unha xigantesca atalaia natural case que imprescindible para a seguridade e o benestar daqueles poboadores primitivos. Este castro estivo habitado entre o século IV ou V denantes de Cristo até o século I despois de Cristo.


Crese tamén que puido estar habitado novamente durante unha pequena parte do século V despois de Cristo, coincidindo coa chegada dos Suevos. Este castro foi escavado i estudado entre o ano 1982 e o 1988. O Castro de Saceda está formado por tres recintos amurallados con portas reforzadas por torres laterais. A disposición das mesmas era desigual, ou estaban desprazadas unhas con respecto das outras nos tres niveis, para facilitar a súa propia defensa e dificultar a entrada de posibles ataques. Non se conservan apenas restos da parte máis antiga desta cidadela, a croa, xa que as estruturas domésticas iniciais foran feitas a base de madeira. Namentres camiñaba polo castro fun achando diversas construcións de planta cuadrangular, circular, rectangular e unha mestura das dúas últimas.


A meirande parte delas, nembargantes, son de planta circular. Semella que este castro viviu unha escasa romanización, boa mostra disto é a escasa presenza de construcións domésticas de planta cadrada e de materiais romanos achados durante as escavacións. Crese que as poucas construcións de planta cadrada que existen neste castro, a mínima influenza romana, se poida atribuír somentes ós contactos comerciais da época, e non tanto a unha romanización real no castro. Contan que este asentamento, esta antiga e afastada cidadela, puido pertencer á tribo dos Bíbalos. O xacemento, como dicía, está conformado por grandes murallas defensivas que arrodean o conxunto e que desempeñaban a laboura de defender e ó mesmo tempo conter os diferentes niveis de terreo, exercendo de pétreos e xigantescos chanzos que aportarían maior resistencia ó conxunto.


O castro tamén conta, na súa parte máis oriental, cun foxo defensivo. A croa fica arrodeada por unha muralla elíptica erixida con grandes pezas graníticas pouco traballadas. Durante os traballos arqueolóxicos desenvolvidos neste castro na década dos 80 foron achadas moedas romanas de prata, coitelos de ferro, unha placa dun cinto decorada con motivos celtas, así como diversos restos de material cerámico. Arrodeei todo o castro e os diferentes niveis que o compoñen tratando de recrear o xeito de vivir dos seus poboadores, as súas crenzas e a súa localización no alto deste cumio e antr’esta afastada e silenciosa chaira.


Namentres ollaba unha das construcións circulares, e denantes mesmo de liscar, sorprendeume ver unha bolboreta negra de grandes ás que se dirixía cara min e se pousaba no meu pantalón á altura do meu xeonllo esquerdo. Nunca denantes me pasara tal cousa, ou cando menos que eu me lembre. O certo é que aquela bolboreta, de negra cor, non semellaba traerme moi bos presaxios. Hai quen cre que estes insectos son portadores de noticias, mais non sempre ledas. Debo admitir que sentín como se aquel sinxelo feito, naquel momento de soidade e afastamento, a natureza, o universo ou o propio destino, me estivesen a preparar para unha mala nova. O certo é que o meu avó estaba moi enfermo e contando as súas últimas horas. Somentes un par de semanas despois, a negrura das ás daquela bolboreta tinguiría de loito os meus días, e o seu voar lixeiro traería consigo o son das máis frías e doentes badaladas. Somentes lembro abandonar Saceda un pouco máis preocupado e só do que chegara, un pouco máis triste.

Ningún comentario: