sábado, 17 de setembro de 2016

O esquecido Castelo do Cardeal


“O dragón amarelo resollou, iracundo.
En castigo estas veigas, castelos e devesas
serán de agora en diante e para sempre fundo
de magos e señores. Non arrisques promesas
porque hai que evitalas no alto deste cume
moita alma no corpo, na lingua moito lume”
Miguel Anxo Mouriño, Versos primos

Xa facía tempo que tiña ganas de coñecer un recuncho do concello coruñés de Corcubión que me tiña un chisco intrigado. Dende pequeno sempre escoitara falar dun castelo perdido na costa de Corcubión, unha fortaleza coñecida como o Castelo do Cardeal que ficaría ben preto da miña Fisterra natal, mais que pola súa desapercibida localización ou por simple descoñecemento nunca denantes tivera a oportunidade de visitar e coñecer. Unha calorosa mañá do pasado mes de xullo, con case trinta primaveras, internaríame á fin nos montes e ribeiras dun Corcubión descoñecido para min ca fin de achar aquel castelo tantas veces maxinado, -aquel recordo naufragado na infancia, ancorado na inocencia, varado na nenez-; ca fin de darlle vida e facelo real. 


O Castelo do Cardeal é unha “descoñecida” fortaleza da segunda metade do século XVIII que se comezaría a construír baixo a dirección de La Ferrieri e que rematarían Francisco Llovet e Carlos Lemaur. Localízase na Punta Pión, entre o Areal de Quenxe e o Cabo Cee, onde se sitúa o pequeno Faro de Corcubión, ante a grandeza do seu mar, da súa ría, ante a presenza dos seus cons, das súas illas, das Lobeiras esquecidas entre brétema, silencio e marusías. Esta fortaleza, descoñecida para moitos, é unha propiedade privada, de aí que resulte complexo coñecela en plenitude; ollala de preto, naufragar nos seus segredos e recunchos ou internarnos nos seus recintos interiores. 


A historia do Castelo do Cardeal nace da estratéxica localización do Porto de Corcubión, que dende antano foi unha parada obrigada para aquelas embarcacións que se dirixían cara o Norte de Europa ou cara o Mediterráneo. O porto de Corcubión era un recuncho de abrigo nas noites máis feras e bretemosas da sempre bravía e asasina costa de Fisterra; o averno salgado dos confíns da terra. Mais poida que por mor da dureza e da crueldade da costa asasina de Fisterra, este abeiro de augas sosegadas que é a Ría de Corcubión sería ó longo da súa historia unha propicia antesala para a incursión de todo tipo de piratas que rematarían saqueando as vilas do interior. 


Durante o século XVII, logo de moitas incursións e moitos saqueos, comezarían a erixirse tres fortificacións nesta Ría de Corcubión ca fin de vixiala e protexela de máis asaltos; o Castelo do Príncipe na parroquia ceense da Ameixenda, o Castelo de San Carlos en Fisterra e este Castelo do Cardeal en Corcubión. O Castelo do Príncipe e este do Cardeal fican enfronte un do outro, separados somentes polo mar. Conta a lenda que antano existía unha longa e xigantesca cadea que unía ámbalas dúas fortificacións, e que cando era tensada impedía o paso de calquera tipo de embarcación. 


Contan tamén que esta fortaleza de Corcubión atesouraba unha ducia de canóns e tiña unha capacidade para albergar un cento de homes. Hoxe esta histórica e descoñecida fortaleza semella pasar desapercibida, silenciada e até esquecida. As súas portas fican pechadas ó público, ó igual que a do Príncipe; a súa fortaleza irmá. Coma se aquelas lendarias e rexas cadeas que antano protexían a ría dos intrusos, agora arrodeasen de cipreses e foresta, de distancia e silencio os seus muros, apresando as súas portas e cancelas, afastándoas do mundo. 


Foi unha sorte coñecer esta fortaleza tantas veces maxinada, arrodeada de árbores, de xestas, de maleza, presa do silencio máis inadvertido; viva somentes na delicada lembranza dos máis vellos... ou quén sabe se até no maxín dalgún soñador e inocente meniño. 

2 comentarios:

Patricia dixo...

Grazas Iván pola descoberta, un castelo chão de misterio e lenda que visitaremos.

Iván Fraga dixo...

Moitísimas grazas, Patricia!

Unha forte aperta