venres, 9 de setembro de 2016

Rumbo ás Cíes


"Eu son ti Tiesmín somos nosotros 
Sherezade Martín Códax Tiesmín 
Cíes San Simón Tiesmín 
Eu son ti Tiesmín somos nosotros” 
Francisco Castro, Nosoutros

Este pasado mes de xullo, coincidindo co meu 30 aniversario, decidín afastarme da voraz e agónica monotonía e coller rumbo cara un lugar mítico galego que, malia o seu prestixio, a súa beleza e a súa sona, nunca na miña vida tivera o pracer de visitar e coñecer. Estabamos preparados para pasar unha solleira e calorosa xornada no paraíso das Cíes, a xoia do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Acompañado polos meus bos e xenerosos amigos, Laura e Diego, e logo de tomar uns apresurados cafés na contorna do Arenal, partiríamos do Porto de Vigo rumbo ó arquipélago das Cíes a bordo dun moderno catamarán da Naviera Mar de Ons. Chegariamos unha hora despois, tratando de albiscar a pétrea morfoloxía das illas baixo dunha mesta saba de néboa; baixo da súa propia suor. 


O primeiro que atopariamos á nosa esquerda, nada máis arribar ó peirao de Cíes, sería o senlleiro e belido Areal de Rodas, considerado polo prestixioso xornal “The Guardian” na súa edición do 16 de febreiro do 2007; como “a mellor praia do mundo”. Iniciariamos a nosa ruta dende o Areal de Rodas. A néboa aínda ficaba presente nos cumios da illa, algo que contrastaba co sol e co abafante calor que semellaba estar a rexistrarse a carón do areal. Botamos a andar na Illa de Monteagudo, onde se localiza o peirao, un complexo hostaleiro e o punto de información turística, amais dun extremo do xa citado Areal de Rodas. Inicialmente decidimos coller rumbo cara os dous faros máis significativos deste arquipélago; o Faro da Porta e o Faro de Cíes.


Os faros de Cíes e da Porta localízanse na Illa do Medio, ou Illa do Faro, que fica unida á de Monteagudo por unha escollera e polo brazo de fina area da Praia de Rodas, que atesoura uns 1.200 metros de lonxitude. Decidimos ascender até o alto desta Illa do Medio, desta illa fareira onde se erixen os fachos de luz que alertan aínda ós mariñeiros da presenza deste arquipélago atlántico, para coñecer o Faro de Cíes. Debo confesar que non nos resultou doado, cando menos a min; iamos un chisco cargados de máis e a ascensión, serpeante, fíxosenos bastante dura. Por outra banda, os diferentes microclimas presentes na illa e os importantes cambios de temperatura, sumado ó cansazo e ó elevado número de visitantes que atoparíamos de camiño, faría que nada máis chegar ó senlleiro Faro de Cíes, nos tirásemos no chan profundamente derreados.


Dende este faro das Cíes pretendiamos albiscar a Illa de San Martiño, tamén coñecida como a do Sur, mais a tépeda néboa estivo presente ó longo dos máis de 170 metros de continua ascensión ó Monte do Faro, impedíndonos gozar de boa parte da paisaxe que se divisa dende este elevado outeiro do arquipélago. Nembargantes, a néboa semellaría ir disipándose progresivamente. Namentres descansabamos a carón do edificio deste faro das Cíes, o máis vello do arquipélago i erixido entrámbolos anos 1851 e 1853, ollamos a súa pequena pero feiticeira torre, granítica e de planta circular, así como o enorme radar que atesoura e un bo número de placas solares para abastecerse de enerxía nesta illa, neste arquipélago orfo xa de torreiros.


I é que dende que este Faro de Cíes abriu as súas portas aló polo 1853, estaría habitado por distintos torreiros e as súas respectivas familias até o 1952, ano no que sería automatizado. A posición deste faro neste elevado cumio foi duramente criticada, posto que nos días de néboa espesa, a luz do seu facho non se divisaba dende o mar e non servía de referencia para as embarcacións. Ca fin de mellorar a seguridade do tráfico marítimo, erixiríanse posteriormente novos e pequenos faros no arquipélago. Liscamos deste Faro de Cíes, destoutro senlleiro e antigo facho galego erixido nun dos recunchos máis elevados deste noso meirande paraíso atlántico e galego, logo de detérmonos na paz que semellaba concentrarse nun pequeno grupo de cincentos poliños de gaivotas, as verdadeiras raíñas destas illas, e logo da impoñente panorámica dos cantís que puidemos entrever baixo da néboa. 


A formación xeolóxica deste arquipélago das Cíes, ó igual que o resto das illas atlánticas, data de finais do Terciario, tempo no que se producirían importantes asolagamentos dalgunhas contornas costeiras galegas, propiciando que o mar penetrase formando as nosas rías. Polo tanto, estas Illas Cíes, ó igual que o resto das nosas illas atlánticas, son os elevados cumios das vellas serras costeiras galegas, asolagadas noutrora polo mar. Descendemos o Monte do Faro e collemos camiño cara outro facho das Cíes que desexabamos coñecer; o Faro da Porta. Mais na fin do descenso, e para a nosa sorpresa, a néboa comezaría a despexarse e albiscaríamos unha fermosa panorámica da Illa de San Martiño que non foramos quén de ver durante o ascenso. 


Ante nós tiñamos a silueta da soberbia e impoñente Illa de San Martiño, a do Sur, a illa deste arquipélago de Cíes que nos quedaba por albiscar. Sentamos fascinados ante aquela fermosísima estampa, ante aquela illa tan preto como afastada de nós, a máis salvaxe das Cíes; tal que unha besta abafadiza emerxendo do mar. Mais non podiamos demorarnos por moito tempo naquela paraxe, xa que aínda nos quedaban importantes recunchos por visitar nestas illas do Faro e de Monteagudo. Seguimos a ruta do Faro da Porta e axiña chegariamos até estoutro pequeno pero senlleiro facho do arquipélago. A ruta era considerablemente máis curta, chá e levadeira, que a transcorremos para achegarnos até o Faro de Cíes. 


Á fin estabamos ás portas do Faro da Porta, ante o outro facho máis histórico do arquipélago. Data do ano 1918 e foi erixido polo arquitecto vigués Ramiro Pascual ca fin de sinalizar o corredoiro marítimo da Porta. O facho eríxese a uns aproximados 10 metros de altitude sobre do nivel do mar e a súa branca luz acada as 10 millas náuticas. Ó igual que o Faro de Cíes, este da Porta tamén se abastece duns paneis de enerxía solar. Sorprendeunos gratamente a morfoloxía que presenta este pequeno e pétreo facho branquiazul, así como a súa feiticeira planta circular. Logo de arrodealo e de gozar da fermosa panorámica que se albisca tralas dúas costas, colleríamos rumbo á Illa de Monteagudo, a do Norte, para procurar agora o recuncho máis vertixinoso e a panorámica máis impresionante deste arquipélago; o miradoiro natural do Alto do Príncipe.


Mais para achegármonos até estoutro cumio milenario do Alto do Príncipe, teriamos que retomar boa parte do camiño que concorremos denantes para achegarnos até este par de fachos históricos e insulares. A ruta de volta fíxosenos moito máis doada e confortable; a meirande parte do percorrido era descendente. Atravesamos de novo a escollera de pedras que, xunto coa Praia de Rodas conforma unha plácida presa de augas salgadas, e une as illas de Monteagudo e o Faro, para internarnos de cheo na primeira e ascender, sen pausa pero sen presa, até o senlleiro miradoiro natural que andabamos a procurar.


A ascensión fíxosenos máis doada do que pensabamos. Iso si, levabamos xa máis dunha ducia de quilómetros camiñados e vímonos na obriga de realizar curtas paradas para tomar folgos e poder continuar a pesares da fatiga e das altas temperaturas que nos acompañarían dende o Areal de Rodas. Non tardariamos en chegar até un lugar único, o Alto do Príncipe, a meirande panorámica deste arquipélago. Dende este impresionante cumio do Terciario, dende este outeiro granítico insular divísanse as tres illas que conforman este paraíso atlántico. Pódovos asegurar sen medo ningún a trabucarme que este é un dos lugares máis impresionantes que coñecín na miña vida. 


Mais para a miña desgraza non puiden determe neste cumio por moito tempo. Debiamos regresar camiño do peirao, pois o noso barco estaba a unha hora escasa de partir cara Vigo. Baixamos correndo todo o camiño denantes andado realmente impresionados por este último recuncho procurado. Liscamos sorrindo e correndo, mais as nosas mentes aínda ficaban alí, naquel miradoiro alucinante que se erixe sobre do voo das gaivotas, naqueles afiados dentes graníticos alumados polas auroras, polos ocasos dos príncipes e dos deuses.

4 comentarios:

Emilio Valadé del Río dixo...

Pareces no tener prisa al comentar. Cuánto detalle, cuánto detenimiento. Casi huele a mar.
Fotos geniales. Me alero.

El Baile de Norte dixo...

Qué fermoso lugar. Ás veces con xente de máis,... pero xa se sabe que iso é o prezo da súa sona. Por certo! unhas fotos fermosas.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas, Emilio! Un pracer terche nesta fraga e compartir tamén contigo esta miña paixón chamada Galicia

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitísimas grazas, amigo! Non fixen nada máis que disparar, éche cousa da maxia e da beleza do noso país.

Concordo contigo no da afluencia masiva de visitantes, é o prezo que temos que pagar pola sua sona e pola sua beleza. Oxalá, iso si, que este feito non poña nunca en perigo a seguridade e conservación dos seus ecosistemas.

O dito, moitas grazas polas túas verbas e aproveito para decirche que é un honor coñecer a outro blogueiro galego.

Esta fraga é túa, pásate sempre que queiras!