domingo, 13 de setembro de 2015

Os Muíños dos confíns da terra


Hoxe quero recuperar, e compartir con vos, un vello artigo que publiquei no boletín mensual da xa desaparecida Plataforma Fisterra, Única Fin do Camiño, na que participei activamente entrámbolos anos 2009 e 2012 para reivindicar a imaxe de Fisterra como a derradeira meta do Camiño ante os continuos ataques que estaba a recibir a vila na que nacín por parte da prensa local e das provocacións e intereses políticos dun alcalde dun pobo veciño. Amais de tratar de reivindicar a imaxe de Fisterra no Camiño, a Plataforma desenvolveu unha importante laboura cultural e de investigación que rematou desaparecendo da rede e quedando soterrada somentes na mente dos máis activos integrantes daquel movemento veciñal. Tiña un especial interese en recuperar un dos artigos daquel humilde Boletín “KM. 0”, concretamente o que realicei logo de percorrer boa parte da xeografía fisterrá na procura dos máis esquecidos muíños da miña vila natal.

Un dos 12 muíños que atesoura o conxunto de Mallas
Decidín seguir os antigos vieiros, agora perdidos antr’as xestas e silveiras, que me levarían até os máis descoñecidos muíños de Fisterra, logo de sentir a necesidade de sacar á luz a gran cantidade de muíños que se perden na nosa xeografía e desenterrar parte da historia e das lendas que atesouran. Estaba convencido, tamén, de que a restauración e posta en valor destas vellas construcións tan importantes na Galicia dos nosos pais e avós, poden ser parte do atractivo turístico da vila e un inmellorable xeito de conservalos íntegros. Denantes de partillar con vos o xa citado artigo, debo agradecer a inestimable axuda de Xoán S. Pazos e a guía de Manuel Domínguez, veciño de Sardiñeiro. Quero deixar patente o esforzo e a axuda deste veciño e amigo, coñecido como Manolo de Mateo, á hora de guiarnos polos recunchos máis indómitos do Concello de Fisterra na procura de todos e cada un dos muíños que forman parte do noso máis esquecido patrimonio.



Os Muíños dos confíns da terra
(Artigo publicado no Boletín Km.0 da Plataforma Fisterra, Único Fin do Camiño. Nadal do 2010)


Muíño do Biscaio, no lugar de Castrexe
Este pasado mes, - novembro do ano 2010 -, percorreremos a nosa xeografía comprobando o estado dos nosos muíños e ollando de preto as súas características e distincións. Algúns fican asolagados polas matogueiras, namentres outros, desgraciadamente, foron derrubados e ata asaltados. No peor dos casos, están desaparecidos e só semellan ficar presentes na memoria dos máis vellos. Mais tamén resulta sorprendente a situación dalgúns que, a pesares de ficar precedidos de dificultosos accesos ou mergullados no seo do monte, agochan baixo os seus muros un notable estado de conservación. Nas súas pedras atopamos iniciais e no seu interior, as rodas de pedra que, movidas polas correntes de auga, xiraban e moían a fariña dun pan, tan simbólico coma necesario.

As ruínas do Muíño da Durana, no lugar de Castrexe
É posible que falten algúns, por descoñecemento ou esquecemento, pero tentaremos amosar a maior cantidade dos que aínda seguen en pé á beira dos nosos regatos. Íso si, debemos ter en conta que estas pequenas construcións na súa maioría eran comunais, é dicir; pertencían a un conxunto de veciños que acordaban repartir o seu uso segundo unha distribución diaria e horaria. Nembargantes, outros moitos, son propiedades privadas. O estado xeral da inmensa maioría é de total abandono. Comezaremos centrándonos no importante conxunto que achamos na parroquia de San Ramón de Mallas.

Muíño con teito a unha auga no lugar de Mallas


MUÍÑOS DE MALLAS
Aínda que pareza mentira, Mallas conta con nada máis e nada menos que 12 muíños, situados ao longo dun regato que baixa do Monte Seoane. E dicimos que parece mentira porque, a primeira vista, o único que atopamos é unha inmensa matogueira. Nembargantes, dous dos muíños poden apreciarse a duras penas, mais constitúen un adianto do que se podería facer se este conxunto etnográfico estivese restaurado e promocionado. En Fisterra hai máis dunha trintena de muíños, organizados en diversos conxuntos que, polo xeral, comparten un curso de auga. A meirande parte deles atópanse somerxidos entre as matogueiras, ou nun estado de ruína total.

Muíño con teitume a dúas augas localizado no extremo sur do Areal de Rostro, no lugar de Buxán


MUÍÑOS DE ROSTRO
Xa case enriba das dunas da Praia de Rostro, atopamos tres muíños, dos máis fermosos e mellor conservados. No extremo sur, hai dous muíños, en torno ó primeiro acceso ó areal. Un deles, pegado á estrada, conserva a duras penas a súa estrutura, pero o teito fica derrubado. Moi preto atopamos outro conxunto, no medio dun fermoso prado. Este atópase en mellor estado, cun tellado a dúas augas de cemento, e cun revestimento de morteiro que o conservou. No extremo norte de Rostro, e case en Padrís, atopamos o Muíño do Bustelo.

Muíño do Bustelo, no extremo norte do Areal de Rostro, á altura do lugar de Padrís


MUÍÑOS DE CASTREXE
Especialmente sorprendente é o conxunto etnográfico co que conta o lugar de Castrexe. Trátase dunha serie de seis muíños, que comparten un mesmo curso fluvial, e que constitúen un complexo de gran fermosura. No punto máis elevado está o Muíño do Biscaio, o cal se conserva mellor do que semella a primeira vista. Construido a base de pezas de mampostería en bruto, e recuberto de hedras, crea un efecto de maxestuosa ruína dun pasado antergo. Conserva parte da súa canle.

Muíño do Estevo. Lugar de Castrexe
Máis abaixo está o Muíño da Corredoira, cuio estado de conservación non pode apreciarse polo precario acceso e porque está completamente recuberto de matogueiras. A continuación, e nunha lene chaira, aparece un dos máis fermosos deste percorrido: o Muíño do Estevo que, a pesares de non conservalo teito, é un dos máis coidados. Conserva case intacto o canle. Máis abaixo está o Muíño da Durana, cuio teito fica convertido nunha arboreda, mais que conserva en pé os seus muros. A douscentos metros, debería aparecer o Muíño do Ruso, completamente ilocalizable. Por último, e case en Rostro, o Muíño d’Abaixo, cuio fermoso entorno rematou por asediar ó edificio baixo unha espesa manta de hedras.

Muíño d'Abaixo. Lugar de Castrexe


MUÍÑOS DE SARDIÑEIRO
Ó longo do Río San Xoán, que percorre a parroquia de Sardiñeiro ata desembocar na baía, sucédense unha cadea de muíños, tan variados e diferentes entre si, que non semellan formar parte do mesmo complexo. O que quizais nos chamou máis a atención foi unhaa vella reliquia que atopamos á beira da Rúa Lagares, trátase dunha misteriosa construción que sobrevive a duras penas neste lamentable estado. Así e todo, as ruínas non deixan de ter certa fermosura melancólica, especialmente cando descubrimos que no lintel da porta podemos ver gravadas as iniciais IMS cunha cruz enriba.

Muíño do Rosiño, en Sardiñeiro
Ascendendo aínda máis polo caudal do San Xoán, chegamos a outro muíño, tamén preto da Rúa Lagares, e que apenas se deixa ver entre a frondosa vexetación. Na chaira que precede á vila de Sardiñeiro podemos ver o Muíño do Rosiño, o único restaurado ata o de agora por unha iniciativa particular. Máis arriba aínda, e xa no alto do monte, atopamos dúas xoias etnográficas.

Un dos muíños do Regato de San Xoán, en Sardiñeiro d'Arriba
O muíño que vemos arriba está recuberto de cemento, mais isto favoreceu a súa conservación. O entorno é dunha gran fermosura. No máis elevado dos muíños, se ben dende fóra non vemos gran cousa, no interior atopamos a maquinaria en perfecto estado de conservación, e lista para funcionar de novo en calquera intre.

Muíño da Moina, nos arredores do lugar do Rial


MUÍÑO DA MOINA
Apenas suxerido entre os fentos e as silveiras, o Muíño da Moina non deixa de ser por iso un dos máis carismáticos e interesantes do noso Concello. Situado nos arredores do Rial, nun cruce de camiños, ten sido escenario de supostas aparicións e doutros sucesos estraños que foron forxando unha lenda negra en torno a este misterioso muíño.

Muíño comunal de San Salvador de Duio


MUÍÑOS DO VAL DE DUIO
Tendo en conta que este val de Duggium, - esta lendaria cidade asulagada -, é un enorme humidal; non é de estrañar que exista tamén gran número de muíños. Comezamos polo de San Martiño, situado a carón da Igrexa e do lavadoiro. Nas Escaselas cremos ter atopado o desaparecido Muíño da Corna; e en Hermedesuxo o da Pontella. Ámbolos cubertos de densa vexetación. Xa en San Salvador, atopamos dúas fermosas mostras: o Muíño do Durán, e o muíño comunal.

Muíño do Durán, en San Salvador de Duio
O primeiro amósasenos coma un edificio de cantería, de grandes dimensións e gran contundencia. O comunal atópase en bastante bo estado, pero, coma soe ser habitual, co teito derrubado. A inmensa maioría dos muíños atópase nun estado de total abandono, cos teitos derrubados, e nalgúns casos cos muros tamén danados. A vexetación é sempre un impedimento insalvable para o goce destes elementos fundamentais da nosa etnografía, así coma os precarios accesos.

Muíño no lugar de San Martiño
Estaría ben que se conservaran e promocionaran os muíños dos confíns da terra. Son moitos, moi variados e todos dunha gran fermosura. Sería un xeito de diversificar a oferta turística de Fisterra e ofrecer produtos de calidade, que ademais teñen un gran valor humano. Fíxose noutras partes da bisbarra… Por que non vai funcionar en Fisterra? Esperemos que todos estes complexos vexan pronto a luz, e que non pasen a ser auga pasada que xa nin sequera move muíños.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Este si que fue un gran reportaje...pena que no veas también a alguno otro "envidioso" que llama Finisterre a Corcubión (en la lucha x reivindicar Fisterra algunos no hacemos diferencias)

Tín Herva dixo...

Benquerido Mouro:
Unha auténtica alfaia ese artigo de 2010, sobre os Muiños de Fisterra!
Xa non só recuperando a visión da súa ruina física -deprimente -,senón por compartir tanta memoria de cada un deles ( xentes, parroquias, feitos)
Parabéns, amigo, "muiñeiro de brétemas"...
Segue así, non te desmoralices nin cambies nunca...Eres moi bó !
(e imprescindible nestes eidos !)
Unha grande aperta!
Antón da Sobreira

miguel dixo...

recomendoche a ruta da auga de ames, ten varios muiños en cascada

Iván Fraga dixo...

Grazas a todos polos comentarios. Prezado Antón, mestre e compañeiro, bo e xeneroso; que pracer terche como amigo! Seguiremos adiante!

Miguel, en primeiro lugar agradecerche o teu comentario e a recomendación que me fas. A verdade é que non coñezo esta ruta, pero agora que sou veciño do Milladoiro terei moi doado coñecela. Moitísimas grazas!