domingo, 13 de setembro de 2015

O Serpent e o Cemiterio dos Ingleses


“Monte-Branco, Monte-Branco,
Cando te vexo de longe,
Verto a soas triste pranto.
Pois as nosas alegrías,
Ós dous nos fóno fallando;
A tí, das tuas aréas,
Os ventos te despoxáno; 
A min, tamen me fallecen, 
Aqueles gustos pasados:
Tí negréas, y eu teño a cabeza 
Chéa de cabelos brancos!”
Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos

Corría o ano 1890 cando o torpedeiro “HMS Serpent”, un buque da coroa británica duns 75 metros de eslora e máis de 170 tripulantes, naufragou nas bravías augas da Costa da Morte, de fronte ó indómito Cabo Vilán. O Serpent foi un cruceiro de terceira clase da Royal Navy, construído en Devonport no mes de novembro do ano 1885 e botado o 10 de marzo do 1887. Desprazaba 1770 toneladas e posuía media ducia de canóns de seis polgadas e cinco tubos lanzatorpedos de 14 polgadas. Foron moitos os barcos afundidos nestas augas dos confíns da terra, mais este naufraxio foi, sen lugar a dúbidas, un dos que máis conmocionou ós veciños da contorna. Este fatídico suceso comezaría o 8 de novembro cando o buque partiu do porto de Plymouth cun forte temporal rumbo á Serra Leoa. Somentes dous días despois, a noite do 10 de novembro de 1890, o Serpent comezaría a achegarse moito a terra á altura do Cabo Vilán. Isto, sumado ó forte temporal e á escasa visibilidade, faría que chocase coa Punta do Boi no recuncho que hoxe se coñece como "o baixo do Serpent"


Contan que o capitán ordenara lanzar cabos pero estes rompían contra as rochas. Tamén tentaron empregar os botes salvavidas pero os continuos golpes de mar imposibilitárono. Ó pouco somentes se escoitou un forte berro de “Sálvese quen poida!”; a antesala da desgraza. A furia do mar, en cuestión de minutos e de xeito violento, esnaquizaría os corpos dos tripulantes contra as pedras a compás dun requiem de berros e de laios, de angustias e de dor. Somentes tres tripulantes, dos 175 que partiron de Plymouth, conseguirían saír con vida desta catástrofe: Bourton, Gould e Lacsne. Estes tres mariñeiros, serían levados polas correntes mariñas até o Areal de Trece. Durante os seguintes días, o mar iría devolvendo á Praia de Trece os corpos sen vida dos 172 mariñeiros restantes. Logo de que isto sucedese, o cura de Xaviña organizou ós veciños de Camariñas para dar sepultura ós corpos neste recuncho que se localiza entre o Monte Branco e o Cabo Vilán, e que hoxe se coñece como o Cemiterio dos Ingleses. A Corte Marcial, celebrada o 16 de decembro de 1890, concluiría que o afundimento do Serpent debeuse a un erro de navegación.


No centro deste camposanto, no seu cuadrangular habitáculo interior, descansan os restos do experimentado capitán do Serpent, Harry L. Ross, e dos oficiais. O resto dos mariñeiros, cadetes da mariña británica, foron soterrados no exterior.  Tempo despois da catástrofe, o “Lord Commissioner of The British Almiralty” agasallou un barómetro á Vila de Camariñas, en sinal de agradecemento, ó cura de Xaviña unha escopeta e ó alcalde un reloxo de ouro. Contan que nos primeiros anos despois da catástrofe, un barco da armada inglesa adoitaba achegarse até o lugar para disparar salvas e lanzar ó mar unha coroa de flores en honor ós seus compañeiros falecidos. Logo desta traxedia, construiríase o novo Faro Vilán para mellorar a navegación marítima por estoutro perigosísimo recuncho da Costa da Morte. Trocaríase o antigo faro de vapor, en servizo dende o ano 1854, por outro eléctrico cuxa lus acada as 31 millas náuticas. As autoridades británicas, logo daquel nefasto suceso, equiparían tamén a tódolos seus mariñeiros con chalecos salvavidas. 


Afasteime deste camposanto, deste fermosísimo e nostálxico lugar, albiscando á miña dereita o Monte Branco, a maior duna rampante do noso país, e lembrando aqueles tristeiros versos pondalianos que dicían: “Monte-Branco, Monte-Branco, cando te vexo de longe, verto a soas triste pranto”.

2 comentarios:

Patricia dixo...

Espectaculares imanes acompañadas un relato tristeiro do que, por desgrana, allí aconteceu.
Sen dúbida, o cemiterio, ten algo máxico, algo misterioso.
Chegar a el, bordeando a costa dende o cabo é fermosísimo.
UNHA APERTA

I. Iván Fraga Moure dixo...

É outro recuncho máxico, amiga Patricia! Outra catastrófica entrega que testemuña o apelido desta Costa asasina e traizoeira; pero fermosa. Grazas polo teu comentario. Unha aperta!