domingo, 2 de marzo de 2014

Os cervos do Monte da Gurita


“Ai, cervos do monte, vin-vos preguntar,
foi-s'o meu amigu', e, se alá tardar,
que farei, velidas!
Ai, cervos do monte, vin-vo-lo dizer,
foi-s'o meu amigu'e querría saber
que farei, velidas!”
Pero Meogo, Cantigas de Amigo

Fai escasamente un mes, e logo de coñecer a noiesa mámoa de Anta de Argalo, decidimos comezar unha longa travesía que, se todo vai segundo o previsto, nos obrigará a percorrer os máis bravíos e solitarios montes da Serra do Barbanza. Alí trataremos de coñecer algúns dos máis importantes achados milenarios do noso país. Polos cumios, faldras e ladeiras desta impresionante serra atlántica, agóchase unha enorme cantidade de castros, dolmens, mámoas e petróglifos, así como outros moitos recunchos ateigados de dúbidas e misterios herdados dos nosos antepasados. Nesta Comarca do Barbanza xa tiveramos a sorte de coñecer o Dolmen de Axeitos e o Castro de Baroña, mais aínda son moitos os achados milenarios que temos o deber visitar e retratar por estas terras. Desta volta viaxei só até o concello coruñés de Porto do Son, i en concreto, até a parroquia de San Pedro de Baroña. Esta parroquia, amais do xa citado e senlleiro castro que coñeceramos anos atrás, agocha artísticos sucos da prehistoria gravados en pedra e legados por mans primitivas onde os “cervos do monte” son os verdadeiros protagonistas.


A zona norte da Península do Barbanza, ó igual que as Rías Baixas e o interior da provincia de Pontevedra, é a de maior concentración de estacións de arte rupestre prehistóricas achadas no noso país. Estaba a poucos metros xa do primeiro petróglifo, da primeira mostra de arte rupestre, do primeiro achado milenario que me propuxen atopar por estas terras. Nada máis chagar a Baroña, detívenme na taberna que fica denantes de chegar ó castro para tomar un café. Alí aproveitei para preguntarlle ó propietario se coñecía os Petróglifos da Gurita, unha gran laxe ateigada de cérvidos que debería ficar na ladeira dun monte próximo. O amable propietario indicoume que tería achegarme até o lugar de Igrexa, onde se sitúa a igrexa parroquial, e dende alí debería seguir uns indicadores que me levarían até o Monte da Gurita. Seguín ó pé da letra as indicacións que me dera aquel taberneiro i en efecto, ó chegar á igrexa, xa puiden albiscar os primeiros indicadores. Logo de deixar o santuario ás miñas costas, comezaría a ascender até o Monte da Gurita. 


Ó pouco de deixar atrás as últimas vivendas do lugar, puiden observar un pedregoso monte tinguido de cinza, borrallas e negrura. Semella que este monte debeu ser recentemente castigado polos incendios. Malia todo, resulta fascinante a panorámica que dende aquí se albisca, coa silueta do Monte Louro, onde coñeceramos a Laxe das Rodas, presente na liña do horizonte. Ó chegar ó alto, non volvín a ver ningún indicador máis, polo que decidín poñerme a camiñar e tratar de atopar a laxe. Logo dun bo anaco, puiden achar a carón da estrada os restos dun cartel carbonizado que debeu ser, denantes do incendio, o derradeiro panel informativo que debiamos atopar para chegar até a laxe. Naquel panel aínda se podían ollar os debuxos onde se representaban todos e cada un dos cérvidos do petróglifo de A Gurita I, a laxe que estaba a piques de atopar. Seguín un estreito vieiro que semellaba intuírse na verde herba que comezaba a renacer sobre das cinzas, sobre da negra e castigada cortiza do monte. Que sorte tiven de atopar aquel panel carbonizado. A escasos metros del puiden ollar unha gran laxe vertical, moi inclinada, onde comecei a albiscar os sutís sucos dos Petróglifos de A Gurita. 


Os gravados de A Gurita I localízanse no tramo superior da ladeira meridional do Monte da Gurita. Esta é unha das estacións de arte rupestre con figuras zoomorfas máis valiosas e interesantes que atesoura o noso país. A gran laxe conta con máis de corenta animaliños, entre os que se atopan exemplares machos, femias e crías. A meirande parte semellan ser cérvidos i équidos. As diferentes representacións aparecen distribuídas pola superficie da rocha de xeito aparentemente aleatorio. Algúns son de difícil interpretación debido ó grao de erosión da superficie. O trazo empregado para o deseño das figuras, a ausencia de superposicións ou mesmo a unidade temática do conxunto, semellan evidenciar un único momento para o desenrolo do petróglifo. É dicir, que chegou ós nosos días tal e como se debeu concibir na Idade do Bronce, sen modificacións posteriores aparentes. 


Sorprende a ausencia case total de combinacións circulares concéntricas e de cazoliñas. O único motivo circular que semella apreciarse é unha especie de sol que fica xusto enriba da cornamenta do cervo macho que aparece na parte esquerda da laxe. Resulta case imposible manterse en pé nesta enorme e inclinada rocha. 

A franxa esquerda da laxe é na que se concentran
a meirande parte dos gravados
Ollei ó detalle cada unha das pequenas criaturas tatuadas na laxe, aquela gran manada de animais, quen sabe se cervos, cabalos, poldros, asnos ou mesmo cabras. Ollei os trazos, as pequenas diferenzas que semellan gardar entre si. Ollei os cornos, os lombos i extremidades. Quen sabe qué sentido terían para aqueles antergos todos estes animais, quen sabe cáles serían os motivos para perpetualos na superficie das rochas. O deseño e o trazo dos dous exemplares de cervos machos que se poden intuír nesta laxe de A Gurita garda certas similitudes co do cervo da impresionante Laxe dos Carballos, de non ser porque os primeiros son moito máis simples, estáticos e sobre todo, de moi inferior tamaño. Lisquei de Baroña coa satisfacción de ter atopado outra marabillosa xoia milenaria que se perde nestas bravías e pedregosas faldras da Serra do Barbanza. Agora aínda queda un longo camiño por diante que nos ha levar até outros moitos achados milenarios que agocha esta serra, e que agardemos dea os seus froitos. Foi unha mágoa, unha auténtica pena, non ter escollido un día máis solleiro e propicio para contemplar con maior profundidade os sucos desta máxica laxe do Monte de A Gurita, para poder descubrir en todo o seu esplendor as máis escondidas criaturas creadas hai millóns de anos polos primeiros poboadores destas terras. Malia todo, foi unha sorte atopar este petróglifo do Barbanza, estoutra obra d’arte prehistórica que olla ó atlántico, e maxinar as teimas e soños daquela xente primitiva que comezaba a rabuñar arte, a perpetuar en frías laxes unha linguaxe carente de verbas.

Ningún comentario: