“Vin revelarse as antas na afinidade da morte
todo se pode ler nesta páxina atlántica
na sustancia unitaria do narcisismo celta
Na camelia gaélica do xardín de Bínn Eadair”
Luz Pozo Garza, As arpas de Iwerddon
Xa facía tempo que non pisabamos o chan de antigas mámoas, os funestos recantos ancestrais que aínda hoxe temos o enorme privilexio de conservar espallados polo noso territorio. Xa facía tempo que non visitabamos algunha das moitas mostras milenarias que nos achegan ós monumentos máis senlleiros dunha Galiza pura e primitiva. Xa fai que non falabamos do noso pasado máis remoto, aquel onde a morte ficaba sempre presente. Nas nosas últimas viaxes pola sempre bravía Costa da Morte, tivemos a sorte de atopar abondosas mámoas e dolmens que se perden polos húmidos montes dos confíns da terra, entre eles os dolmens do Val da Soneira, a Arca da Piosa, a Casota de Freáns e a Fornela dos Mouros. Logo de coñecer máis polo miúdo estes milenarios monumentos funerarios da Costa da Morte, decidimos abandonar a ferocidade destas costas para internármonos nunhas prácidas rías atlánticas onde temos previsto coñecer, non somentes dolmens e mámoas, senón unha gran cantidade de petróglifos, castros e outros moitos achados milenarios. Collemos rumbo ó sur, para detérmonos na Ría de Muros e Noia, onde comezaremos unha longa travesía que nos conducirá até os achados megalíticos máis impresionantes que agochan tras de si as faldras da Serra do Barbanza. Demos comezo a esta longa e particular viaxe cara o xénese da historia do noso pobo, cara os máis descoñecidos tempos do noso país, tratando de atopar un dolmen de gran sona que aínda resiste na Comarca de Noia.
Andabamos na procura da Cova da Moura, tamén coñecida como Anta do Argalo, unha mámoa que se localiza na ladeira norte do Monte Tállara, a uns 483 metros de altitude, no concello coruñés de Noia. Polo que sabiamos, a mámoa ficaría no lugar de Páramo, na parroquia de Santa María de Argalo, e moi preto do cemiterio do lugar. Para chegar tivemos que cruzar a Ría de Noia e coller rumbo cara Boiro. Ó pouco de deixar atrás esta histórica vila, collemos o primeiro desvío á dereita que atopamos, camiño de Canabal. Nada máis albiscar ó lonxe as cruces e o aparcadoiro do moderno cemiterio, puidemos ollar á nosa esquerda un panel informativo. Tras del, sorprendente e fortuitamente, achamos a senlleira Anta de Argalo. Resulta curioso que este cemiterio dos nosos días fique a escasos metros desta mámoa, deste monumento funerario dos galegos máis primitivos. Logo descubrimos, de feito, que a carón mesmo desta mámoa pasaba o camiño sacramental a través do cal os veciños levaban a soterrar ós seus defuntos á Igrexa de Santa María de Argalo dende Sobreviñas. Estabamos de novo a carón doutro funesto monumento megalítico, ante outra mámoa galega de gran sona e importancia. As mámoas son montículos de terra con forma de mama que agochan no seu interior importantes achados arqueolóxicos que semellan corresponderse con soterramentos funerarios prehistóricos.
Estas mámoas foron empregadas no noso territorio durante o Neolítico, e non tivo que ser nada doado para aqueles devanceiros primitivos moveren estas xigantescas laxes coas súas mans e coas súas propias forzas, debeu requirir dun esforzo colectivo, coordinado e, por suposto, previamente concertado. O motivo de ergueren estas mámoas non está claro, mais os estudosos pensan que pode responder a un sinxelo afán de perpetuación. Hai quen mesmo di tamén que estas herdanzas ancestrais dos galegos primitivos, tan presentes na paisaxe da Galiza doutrora, non somentes exerceron de meros monumentos funerarios, senón que tamén tiñan un obxectivo territorial. Ó parecer, estes dolmens puideron exercer tamén como marcos de deslinde durante séculos. A Cova da Moura é unha misteriosa mámoa herdada dos galegos primitivos que conserva unha cámara poligonal, que tende a circular, conformada por sete robustos e graníticos esteos, así como un corredor de dous tramos orientado cara o leste, formado este último por outros dous esteos. Tamén se conservan unhas primitivas cuñas que se sitúan entre os esteos para garantir a contención e, dalgún xeito, impedir que parte da masa de terra e pedras que conforma o túmulo penetre na cámara. O conxunto mantense nun bo estado de conservación, a pesares de que nos nosos días xa non conserva a anta que cubría a parte superior da cámara funeraria. Ó parecer, esta laxe de cubrición desapareceu a finais do século XIX.
A mámoa posúe unhas dimensións de 20 metros de diámetro por 1,30 de altura. Nos nosos días aínda conserva parte da masa tumularia, agás na súa cara leste, que foi descuberta no ano 1980, na única escavación arqueolóxica levada a cabo nesta mámoa. Esta Cova da Moura, este Dolmen de Argalo, conseguiu atraer a atención de grandes escritores, historiadores e intelectuais galegos que se achegaron até eiquí para tratar de sacar á luz os segredos, o significado e a historia deste achado milenario nunha Galiza escura, calada, probe e cristianizada. A primeira investigación levada a cabo nesta mámoa tivo lugar no ano 1838, da man do estudoso Xosé Verea y Aguiar. Pouco tempo despois, no 1865, sería obxecto de análise de Benito Vicetto, e no 1875, tamén de Ramón Barros Sibelo. Anos despois, no 1901, a Anta de Argalo sería estudada e investigada polo gran Manuel Murguía. Curiosamente, nese mesmo ano 1901 nacería en Ponteareas Fermín Bouza Brey. Este escritor, etnógrafo e historiador, xunto a Florentino López Cuevillas, continuaría anos despois, no 1937, a laboura de estudo que iniciara Murguía nesta mámoa 36 anos antes. Semella incrible que Bouza Brey nacese no mesmo ano no que Murguía investigou a Anta de Argalo. E que despois, coma movido polo destino, sentise a necesidade, o anhelo, de achegarse até eiquí para dar continuidade ás investigacións denantes realizadas e aínda cheas de preguntas.
Malia todo, a presenza dos devanditos intelectuais no lugar non impediu que se producisen numerosos danos e roubos na mámoa. Contan que, amais da xa citada laxe de cubrición, que fora espoliada a finais do século XIX, esta mámoa tivo que sufrir unha nova desgraza a finais do século XX. Ao parecer, parte do acceso á cámara funeraria foi derrubado por unha escavadora. Froito desta fatal desgraza, iniciouse no 1980 unha prospección arqueolóxica urxente na que, como diciamos anteriormente, foi escavada a cara leste da mámoa. Nesta última investigación achouse un anel de pedras que circunda a mámoa, así como unha gran cantidade de utensilios que formaban parte da vida cotiá dos galegos do Neolítico. No que respecta ós materiais cerámicos, acháronse numerosos anacos de vaixelas con todo tipo de decoracións, así como restos de cerámica campaniforme. O material pétreo atopado comprende dende unha gran cantidade de puntas de frecha, ciceis, prismas de cuarzo e machadas ata bolos de pedra con fendas e formas diversas que poderían representar ós ídolos daqueles galegos primitivos. Logo de coñecer máis de preto as características desta mámoa, e un anaco da súa historia máis recente, liscamos camiño de novos vieiros milenarios cavilando na cantidade de importantes pensadores, escritores, etnógrafos e historiadores que se sentiron atraídos por esta misteriosa Cova da Moura. O que non resulta estraño é que por estas terras nacese o seguinte dito: “desde a Cova da Moura ata a ponte de Argalo, hai os saberes de sete reinados”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario