“Agardei o tracexo das túas coxas
no voo dubidoso
dalgunha ave noitébrega en Ancares”
Vítor Vaqueiro, Na cámara da Névoa
Denantes de comezar a ascensión que, na nosa última viaxe á montaña luguesa, nos levaría até os brancos cumios de Vilarello de Donís e San Miguel de Cervantes, tivemos a sorte de coñecer unha pequena aldea acariñada polo Río Navia que atesoura unha histórica ponte de orixe medieval que non deixa a ninguén indiferente. Denantes de chegar ás brancas cumes dos Ancares, decidimos detérmonos nesta aldea para volver a atravesar o Navia, coma fixeramos hai anos en Navia de Suarna, e coñecer máis de preto os secretos e as lendas que garda este lugar. Estabamos en Pontes de Gatín, nas faldras da Serra do Calamouco, e na parroquia de San Remixio de Liber, pertencente ó concello lugués de Becerreá. Esta parroquia de pouco máis de 50 veciños distribuídos polos lugares de Golada, Barreiro, Liber e Pontes de Gatín, fica arrodeada polas parroquias de Ouselle, Cancelada, Vilachá, A Augueira e Santo Andrés das Nogais. Nada máis chegar puidemos ollar unha rexa e alongada ponte románica que atravesa o Navia a carón de leiras traballadas e sobre de verdescentes e húmidas ribeiras. Esta ponte é un dos legados artísticos e históricos máis importantes que atesoura este lugar.
Esta aldea foi un lugar moi estratéxico para os romanos, xa que por aquí pasaba a antiga Vía Romana XIX, da época do imperio de César Augusto. Esta vía unía os territorios de Bracara Augusta ou Braga, Tude ou Tui, Turoqua ou Pontevedra, Aquis Celenis ou Caldas de Reis e Lucus Augusti para chegar ata Asturica Augusta ou Astorga. Ademais, os romanos, coma tamén fixeran no Courel ou nas Médulas, explotaron estas terras para sacar o máis prezado e valioso ouro galego. Boa proba disto son as minas de Frades, Vilachá e Buirán. Nos nosos días, dende aquí parte unha ruta de sendeirismo que nos achega ata a Serra do Calamouco.
Miliario nas Pontes de Gatín |
No alto da ponte atopamos un antiquísimo miliario cuns gravados moi difíciles de descifrar. O que si semella apreciarse son uns tres ou catro círculos pequenos. O tempo foi borrando os vellos sinais daquelas vías romanas de alta capacidade que vertebraban o noso antigo territorio. Non é a primeira vez que nos atopamos con estes antigos miliarios. Na nosa primeira viaxe á tamén fronteiriza Serra do Xurés, puidemos atopar a meirande parte dos que aínda se conservan no noso país, algúns deles a carón da Ponte Bibei, e unha pequena parte do trazado da antiga calzada romana. A lenda máis coñecida neste pequeno lugar de Pontes de Gatín conta que esta ponte foi erixida polo propio diaño, que coñecedor da incapacidade dos veciños para cruzar dunha ribeira á outra do río, ofreceulles un trato. El construiríallela ponte a cambio de que os veciños lle ofrecesen o primeiro ser vivo que nacese no lugar. O pobo aceptou, sen decatarse de que unha das veciñas do lugar estaba embarazada. O demo si se decatara. Nembargantes, no que non reparara o diaño é que nun pallar da aldea, o destino quixo que nacese unha camada de gatiños. Denantes de erixir a ponte, o demo foi onda o pobo para pedírllela súa parte. Os veciños entregáronlle ó demo o primeiro gatiño ou “gatín” que viu a luz. Ó demo non lle quedou outra que cumprir a súa parte e construír a ponte nunha soa noite. Algúns aínda lembran a noite en que este a construíu, e os berros dun demo encolerizado.
Denantes de abandonar o lugar ollamos cada perspectiva da ponte, os seus arcos e piares, tratamos de descifrar aqueles gravados do miliario e contemplamos a fermosura do lugar. Despedímonos desta ponte e desta aldea, para proseguir o noso camiño por estas terras da Comarca dos Ancares. Que non morra a historia nin a lenda das Pontes de Gatín!
Ningún comentario:
Publicar un comentario