detrás d'os petoutos vay póndos' o sol;
retornan pr'os eidos co'a noite as ovellas
tiscando n'as veiras o céspede mol.
Un vello, arrimado n'un pau de sanguiño,
o monte atravesa de car' ó piñar.
vay canso; unha pedra topóu n'o camiño
e n'éla sentóuse pra fôlgos tomar.
¡As ánemas tocan!... Tal noite com' esta
queimóusem' a casa, morréum' a muller;
ardéum' a xugada n'a corte y-a besta,
n'a terra a semente botóus' a perder.
Vendin pr'os trabucos vacelos e hortas
e vou po-lo mundo d'enton á pedir;
mais cando non topo pechadal-as portas
os cáns sáyenm' élas e fánme fuxir.
A noite cerraba, y-o rayo d'a lua
n'as lívidas cumes comenza á brilar;
curisco que tolle n 'os álbores brua
y-escóitase ó lexos o lobo ouvear.
O probe d'o vello, c'os anos cangado,
erguéuse d'a pedra y-o pau recadou;
viróu par'os ceos o puño pechado
e car' ós touzáles rosmando marchóu..."
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra.
A carón do río Caldo, na paraxe virxe da Ponte Nova, albiscamos as entrañas da esgrevia e salvaxe Serra do Xurés. Ante nós, ábrese a conca ós pés das intricadas ladeiras destas terras fronteirizas pertencentes á Baixa Limia. Os petoutos, bolos, penedos e “castelos”, son os principais elementos da paisaxe máis agreste. Aquí, o granito forma parte da vida cotiá dende antano, traballado por canteiros e artesáns. A fraga amósase ante nós, ateigada de infinitas cores. Polas ladeiras baixan os regatos e torrentes, fertilizando ó seu paso ata o máis mínimo recuncho deste intricado val.
O Curso da Fervenza da Corga da Fecha entre os petoutos |
Arribamos ata o Concello de Lobios, principal núcleo de poboación, que comparte o Xurés cos termos municipais de Muíños e Entrimo. Na capital municipal atopamos un vivo e ateigado mercado ambulante que nos ensina o carácter transfronteirizo no que baseou esta terra a súa prosperidade. Dende alí ascendemos ata a bravía i empedrada serra para ollar de preto estes montañosos lindes do chan galego. O Parque Natural da Serra do Xurés foi declarado no ano 1993. Abarca unhas 21.000 hectáreas, que foron declaradas Reserva da Biosfera pola UNESCO. Aséntase no corazón dun xigantesco macizo montañoso conformado polas Serras de Larouco, Santa Eufemia, e Xurés, ademais dos Montes de Quinxo e as Serras de Queixa e Leboreiro. A paisaxe está tinguida de xigantescas formacións graníticas que se estenden polos profundos vales. Estes foron traballados tanto polos ríos, coma polos antigos e esquecidos glaciares. O vello río Limia e os seus afluentes, o Caldo e o Salas, constitúen boa parte da riqueza natural desta serra. Estes cursos nútrense da abondosa auga que baixa impetuosa dende o máis alto dos picos.
A estratéxica situación xeográfica da serra fai que goce dun clima de transición entre as zonas mediterránea e atlántica, combinado cunhas temperaturas extremas de montaña. Isto fai que as especies autóctonas como faias, piñeiros, teixos, carballos, castiñeiros, loureiros, freixos e abeleiras compartan espazo con diversas árbores mediterráneas como as sobreiras, os érbedos e as aciñeiras. As mestas fragas contan tamén con outras especies de menor envergadura coma os acivros, as vimbieiras, os sanguiños e os buxos. A carón dos numerosos regatos, medran multitude de árbores hidrófilas coma bidueiros, ameneiros, sabugueiros e salgueiros. No alto das cumes, entre os penedos, o chan fica ateigado de carrascas, breixos, toxos, xestas e outros tipos de matogueiras bravías. Somentes elas son quén de sobrevivir neste clima extremo e solitario, ademais dos numerosos e ceibos cabalos salvaxes que pacen no abrupto terreo da serra.
No corazón destas fragas, habita unha importantísima diversidade de fauna salvaxe que contribúe, en boa medida, a facer desta serra un dos ecosistemas máis importantes de Galicia. Baixo a sombra dos carballos e das faias, podemos atopar multitude de pequenos mamíferos, entre os que podemos destacar o coello e a lebre, os turóns e as donicelas, os esquíos e os ourizos. Pola noite, o porco teixo e o xabarín saen das súas covas na procura de alimento, namentres o espelido raposo, o garrido gato montés e a silenciosa xineta, adéntranse na escuridade buscando presas que sacien a súa fame. Mentres tanto, mouchos e bubelas vixían os dominios da fraga centenaria. Ó amencer, os corzos pacen sosegados entr’os soutos, e sacian a súa sede nos regatos da serra. Nestes tamén habita unha valiosa fauna, conformada por anfibios coma diversas especies de sapos, píntegas e tritóns; por mamíferos, como a londra; por réptiles, coma a cobra de auga; e polas numerosas troitas que abondan nos ríos da indómita Serra do Xurés. Outros moitos réptiles como a víbora de Seoane, a lagarta e o lagarto verdinegro, agóchanse entre os penedos quentados ó sol. Estes pequenos animais sempre fican ameazados polas privilexiadas olladas das grandes aves rapaces que dominan dende o alto a inmensidade da serra. A aguia real aínda sobrevoa o Pico da Nevosa, a máis de mil cincocentos metros de altitude.
Nas entrañas destas fragas milenarias, agóchanse tamén os derradeiros vestixios das antergas vidas que poboaron este lugar. A serra fica atravesada pola Vía Nova que unía Braga con Astorga, xa en tempos dos romanos. Antes de penetrar no Xurés, a vella calzada pasaba a carón da Igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, a máis antiga do país; e polo complexo romano de Aquis Querquennis. Na Ponte Nova, ós pés da paraxe fronteiriza de Portela de Homem, consérvanse tramos pavimentados da vella calzada imperial, ademais de numerosos miliarios. Seguimos estes antigos vieiros por antr’as fragas, e acadamos os ruinosos muros do pouco que queda da Mansio Aquis Originis, antigo punto de parada dos vellos camiñantes. Este complexo romano adicado ó descanso fálanos da anterga tradición termal destas terras. O propio nome do río Caldo fai referencia ás augas quentes das que moito teñen disfrutado os patricios romanos. Na aldea de Baños, existe hoxe en día un importante balneario. Seguimos o noso percorrido pola Vía Nova ata acadar o intricado a abrupto curso da Fervenza da Corga da Fecha, un impresionante torrente de auga que nace a máis de oitocentos metros de altitude, e que descende en innumerables cascadas, ó longo dun quilómetro.
O Dolmen da Casiña da Moura |
A fervenza cisca as súas augas polas rochosas ladeiras, conformando a mesma vida para todos e cada un dos moradores desta serra. O seu ruxido resoa por cada recuncho destas fragas. Ascendemos polos intricados vieiros na procura das auténticas aldeas nas que sobrevive o home no corazón desta serra inhóspita. Os tellados fumegantes dirixen os nosos pasos ata lugares tan perdidos e fermosos como A Cela, aldea entre penedos, solitaria e singular; ou Salgueiros, aldea de mineiros que conserva unha arquitectura burguesa, inédita nestas paraxes esquecidas. Mais xa ningunha cheminea fumega neste lugar de Salgueiros; os derradeiros habitantes liscaron ou finaron hai tempo, e hoxe a aldea fica abandonada e silenciosa. Os poucos veciños que aínda resisten nestas duras serras adícanse ó cultivo e á gandería. As centenarias viñas aférranse aínda ós xigantescos petoutos.
A Casola do Foxo, a carón da presa das Conchas |
Deixamos a soidade das aldeas orfas e achegámonos ata o encoro das Conchas, na procura doutros restos dos antigos pobos que habitaron a vella Serra do Xurés en tempos máis remotos. En Maus de Salas, no Concello de Muíños, atopamos o complexo prehistórico máis importante da Provincia de Ourense. Á altura da mesma presa das Conchas, recíbenos o impoñente e antergo dolmen da Casiña da Moura. Trátase dunha cámara funeraria erixida con grandes pezas do abondoso granito da serra, e que foi trasladada da súa ubicación orixinal por mor da construción do susodito encoro. Atravesando a presa, achamos a Casola do Foxo, outro dolmen que, como a Casiña da Moura, foi erguido entrámbolos anos tres mil e dous mil cincocentos antes de Cristo. Ámbolos dous dolmens conservan parte das súas mámoas. Dende a Casola do Foxo, contemplamos ó lonxe as altas cumes da vella e dura serra. Ó anoitecer, o vello lobo convértese en dono e señor da montaña, e o seu ouvido resoa en cada recuncho das escuras fragas, ós pés do Xurés, rochosa fronteira do sur. Que a vida siga a inundar as fragas e os penedos desta bravía montaña fronteiriza!
1 comentario:
Parece que temos semana de fragas na Fraga dos Mouros. O Xurés é outro dos parques naturais, nova víctima dos incendiarios, e lugar de gran fermosura sempre ameazada (coma todo canto temos en Galicia).
Gran entrada para unha gran comarca coma é o Xurés. Noraboa!
Publicar un comentario