sábado, 21 de abril de 2012

Carboeiro de Trasdeza, mosteiro entre fragas


"Finxe o murcho brancor da lúa chea,
nun craro do folloso castiñeiro,
tremorosos pantasmas. No cruceiro,
da "Compaña" a luz roxa cintilea.
Da media-noite o toque badalea
un misterioso monxe campaneiro
nas encantadas ruínas do mosteiro
e agoirando defunto, un can ouvea.
Ó camiñar da recua acompasado
tringuelean as chocas. Amontado
na trotadora mula que vai diante,
na revolta do alto da vereda
o arrieiro canta a copra leda." 

Ramón Cabanillas, No desterro

Fachada lateral do mosteiro
Ó longo e ancho da nosa terra, temos atopado numerosos mosteiros monumentais, algúns deles abandonados, e outros moitos aínda con vida. É común atopar estes antergos e pétreos complexos da fe inmersos nalgunhas das fragas máis esplendorosas e virxes do chan galego. Entre os máis senlleiros exemplos que temos atopado, cabe sinalar o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil ou mesmo o de San Xoán de Caaveiro, nas recentemente feridas Fragas do Eume. Desta volta, adentrámonos nos mestos bosques do corazón do país, alí onde os ríos Toxa e o Deza, agasallan coas súas augas ó caudaloso Ulla. Estamos no concello pontevedrés de Silleda, en plenas Terras do Deza. Os antigos coñecían estas terras, salvaxes pero máxicas e cheas de beleza, coma os montes de Trasdeza, que ven significando “alén” ou “máis alá do Deza”. No corazón destas nutridas fragas, nun curruncho ó abrigo do monte de Couto Costoia, os monxes ergueron nos tempos de antano un rexo mosteiro dos máis recoñecidos dende tempos inmemoriais. Albiscamos dende o lonxe, á fin, o vello e solitario San Lourenzo de Carboeiro, o monumental mosteiro das fragas do Deza e do Toxa, fogar dos laboriosos monxes carboeiros. Camiñamos cara ó lendario mosteiro atravesando as escasas corredoiras que conseguen penetrar na profunda e mesta fraga que arroupa ó complexo. Ante nós, achamos as numerosas e centenarias árbores que compoñen unha ampla variedade de especies. Ó noso paso imos atopando castiñeiros e carballos que vixían os dominios deste intricado val. Segundo nos imos mergullando neste verxel, imos vendo tamén os rumorosos piñeiros e as abondosas árbores que mergullan as súas enredadas raigames na procura de auga. Os liques e fentos tinguen de verde ata o último recuncho desta fraga. Non moi lonxe desta paraxe achamos, noutro extremo da fraga, outra das marabillas inesquecibles, a maxestosa fervenza do Toxa


A fraga é a razón de ser do mosteiro de Carboeiro, o seu sangue vital, a súa fonte natural de riqueza. Os solitarios monxes percorrían os soutos na procura de tódolos froitos e bens que a fraga lles ofrecía, dende as imprescindibles castañas e os máis diversos froitos, ata as pouco coñecidas herbas menciñeiras, e mesmo as prezadas especies aromáticas. Tamén a caza, a pesca e a recolección de cogomelos, constituían boa parte da súa alimentación. Nembargantes, era a madeira o maior tesouro da fraga. Os monxes afanábanse en recoller os rachóns e as pólas para elaboraren un carbón vexetal necesario e moi prezado na época. Foron os beneditinos, aló polo século X, os primeiros que viron o inmenso potencial e riqueza destas terras bendicidas pola natureza. 
Ante nós aparece a portentosa silueta do vello mosteiro. San Lourenzo de Carboeiro conserva a arquitectura da súa época de maior esplendor, aló polos séculos XI a XIII. A súa igrexa, de cruz latina con tres naves e cruceiro, é unha das obras arquitectónicas máis relevantes do Románico tardío galego. Amosa detalles que anuncian ó Gótico, como arcos case apuntados, ademais de varios rosetóns e unha impoñente portada con cinco arquivoltas na que se representan os vinte catro anciáns do Apocalipse. 
A pesares de que semella unha abadía pequena, a riqueza da fraga chegou a darlle moito poder. Nos chapiteis e detalles decorativos, os vellos canteiros gravaron os moitos froitos da prosperidade monacal. Tanto foi así, que os monxes chegaron a facerse con extensas plantacións no Ribeiro, supoñemos que co fin de que as adegas do mosteiro nunca ficaran valeiras. As principais ganancias económicas procedían do mercado do carbón, que era transportado ata o Mosteiro de Aciveiro polo antigo Camiño dos Carboeiros, desde onde se distribuía polas Terras de Montes. Foi tal a riqueza que chegaron a atesourar, que o vello mosteiro pronto se converteu en obxecto de cobiza das grandes casas nobiliarias galegas. 


Coa reforma das ordes relixiosas que promoveron os Reis Católicos aló polo ano mil cincocentos, o mosteiro de Carboeiro e todas as súas riquezas pasaron a depender do compostelán mosteiro de San Martiño Pinario. Aí comezou a decadencia, ata converterse nunha granxa onde somentes residían un par de monxes. Quizais foron eles os que introduciron nesta fraga anterga especies coloniais como a secuoia, o castiñeiro de Indias, o liquidámbar, cipreses, camelias e magnolias, entre outras moitas. A finais do século XVIII, chegou a servir mesmo como cárcere de freires, ata que no ano 1836, a desamortización de Mendizábal lle asestou o golpe definitivo. Dende aquel entón, o antano poderoso mosteiro dos carboeiros sumiuse na ruína e no esquecemento, namentres a fraga loitaba por recuperar o terreo que o mosteiro lle roubara. Namentres baixamos de cara ó río, atopamos un vello pombal somerxido antr’as árbores dun pequeno souto, vestixio da traballada prosperidade desta abadía. Chegamos ata as ribeiras do Deza e contemplamos a exuberante conca fluvial do Ulla-Deza. Este espazo pertence á Rede Natura 2000, e está considerado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.


O fértil leito destes ríos conta cunha das comunidades de peixe fluvial máis diversas e mellor conservadas de Galicia. Os monxes deberon pescar aquí abondosas troitas, anguías, lampreas, salmóns ou bogas de río. As ribeiras deste río contan, tamén, con colonias de invertebrados moi escasos na vella Europa, coma o tizón esmeralda ou o candil de Graslin. A rá patilonga, a saramándega ou o lagarto das silvas, son outros dos pequenos habitantes do val. Tamén a lontra brinca de cotío polas ribeiras, nadando a contracorrente coma os salmóns que habitan estas augas, as mesmas nas que sacian a súa sede multitude de especies de animais que sobreviven neste verxel do Deza. Ó noso redor, asobállanos un manto infindo de árbores de tódalas especies coñecidas neste país, e tamén outras moitas especies de matogueiras coma o acivro, o breixo, a hedra, as xestas e moitos outros. 

O vello mosteiro agoniza agardando tempos mellores. As restauracións que viviu nas últimas décadas non foron quén de devolverlle ás fragas o ronco son das badaladas de Carboeiro. O bosque reclama o territorio dos vellos monxes carboeiros, namentres os rexos muros sobreviven no fondo do val; aló polas terras de Trasdeza.

6 comentarios:

Miro dixo...

Fermosa anotación, Iván. Para min tamén foi/é un lugarvfascinante e así quedou recollido neste soneto:
A ROSA

Se digo a rosa, digo río toxa e fervenza,
se digo a rosa, digo lugar de carboeiro,
se digo a rosa, digo tamén o seu mosteiro,
se digo a rosa, digo telúrico eco e crenza,

se digo a rosa, digo terras para a mantenza,
se digo a rosa, digo pradairo, sabugueiro,
se digo a rosa, digo rebento de salgueiro,
se digo a rosa, digo paixón que nunca venza,

se digo a rosa, digo casal acolledor,
se digo a rosa, digo mel e filloas na pedra,
se digo a rosa, digo recendo a vaca pinta,

se digo a rosa, digo, finalmente, unha flor,
se digo a rosa, digo que o meu corazón medra,
se digo a rosa, digo todo en forma sucinta.

navegacruz dixo...

É un poema a unha muller chamada Rosa con apelido de árbore?

Noraboa polos teus poemas, Miro.
Coincidimos na rede e na vida analóxica,esta fin de semana no XXII curso de Lingua e literatura. Un saúdo para Miro.

E unha aperta para ti, Iván, que partillas os mesmos lugares, xa loci comuni nas nosas vidas, neste noso país tan xeneroso.
Noraboa sempre.

I. Iván Fraga Moure dixo...

Sempre é un pracer contar cos vosos comentarios nesta fraga, pois danme forza e ánimo pra seguir adiante.

Compañeira Navegacruz, mándoche unha aperta de volta aló onde te "alcontres", esperando que un día compartamos, -ademáis do País- unha mesma praza, unha conversa, ou un par de cafés.

Mestre, só me resta darche as grazas por este fermoso poema que compartes con todos nós, e pola túa presencia neste blogue. É un honor, xa o sabes.

Apertas ós dous!

navegacruz dixo...

Iván, cando queiras, está feito. Calquera tarde que che veña ben, en Santiago podemos tomar ese café, ben seguro! eu son cafeinómana perdida!
Podes dirixirte a min no blogue en calqueira entrada (teño "censura", so leo eu os comentarios antes de publicar). Apertas!

Emilio Valadé del Río dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Emilio Valadé del Río dixo...

Iván, me gusta lo despacio que vas desmenuzando el entorno para hacérnoslo ver. Sin prisa, detenidamente, nos muestras multitud de detalles que podrían pasar inadvertidos.
Gracias por todo eso y pode dejarnos ver el lugar a través de unos ojos atentos, los tuyos.

Emilio