mércores, 5 de febreiro de 2014

O Río Furelos e a Fervenza das Brañas


“Sober ao Páramo, nunha Oímbra do Sil
e Fisterrar no Barco para sempre
baixo a Bóveda Sandiás
até ir perdendo de vista a Mezquita
na Irixoa dun Brión que nos Melide.
Eu Muxía
mentres ti Ramirás A Guarda.
E dime que Oia
dime Ponte Nova neste momento novo
que viviMos nas Trabadas do Touro bravú.
Teo,
é todo para ti,
para que me Toques”
Estíbaliz Espinosa, mecánica celeste

Este pasado verán, a pesares de non ser a estación máis propicia para elo, achegámonos até unha fervenza de gran fermosura que fica á beira dun muíño abanado aló polas Terras de Melide. A fervenza que procurabamos, duns corenta metros de altura, fica nunha contorna de gran valor natural do concello coruñés de Toques. Xa nos advertiran de que por estas datas estivais apenas baixaba auga pola fervenza, mais nós decidimos achegármonos ó lugar na procura dun ar fresco que non estabamos a ter en Compostela. Saímos da Capital do país unha tarde de agosto cuns 36 graos de temperatura. Collemos camiño de Melide para dende alí dirixírmonos ó Concello de Toques. Este concello fica no estremo leste da Provincia da Coruña, e a rentes mesmo da Provincia de Lugo. Ao seu redor esténdense os concellos coruñeses de Melide e Sobrado dos Monxes, e os lugueses de Friol e Palas de Rei. Ademais, por estas terras pasa o Camiño Primitivo denantes de converxer co Camiño Francés en Melide. Aínda lembro camiñar por esta Serra do Careón na miña primeira aventura polos vieiros do Camiño Primitivo, aínda lembro a saída do Albergue de As Seixas en Palas de Rei, a chegada a Melide onde puidemos ollar un aluvión de peregrinos fóra do normal, e a sensación de saber o pouco que nos quedaba xa pra entrar na Praza do Obradoiro. 


Ó pouco de deixar atrás o núcleo urbano de Toques, collemos rumbo a parroquia de Santa Mariña de Brañas para alí coller un desvío que nos conduciría até As Fervenzas, onde ficaría a impresionante ruxidoira que estabamos a piques de coñecer. O obxectivo que procurabamos desta volta era un importante salto de auga coñecido como A Fervenza das Brañas. Deixamos atrás o asfalto para metérmonos de cheo nunha fraga auténtica galega onde se mesturan carballos, freixos, salgueiros, ameneiros, piñeiros e sabugueiros, que beben das translúcidas augas que deixa tras de si esta fervenza. Logo de camiñar de vagar un bo treito por unha pista de terra e grava baixo a fresca sombra das árbores, comezamos a escoitar o estrondo das augas. Estabamos moi preto de contemplar a nosa procurada ruxidoira, percibiámola a carón de nós. Dende o lonxe comezamos a albiscar a silueta dunha construción de pedra que nos fixo pensar no muíño que debería ficar a rentes mesmo da fervenza. Canto máis nos achegabamos a aquela construción, máis preto sentiámola fervenza. Ó pouco puidemos constatar que aquel era o muíño abandonado que pensabamos e aquela, a paradisíaca ruxida que procurabamos. 


A Fervenza das Brañas é un salto de auga polo que baixan as augas do Río Furelos, afluente do Río Ulla. As augas deste río proveñen da unión, nesta parroquia de Brañas, do Rego de Porto Salgueiro e do Rego da Salgueira, que descenden da Serra do Careón. I eiquí conforman un marabilloso ecosistema. A fervenza, coma era de esperar, non é que levase demasiada auga, xa que estabamos en pleno mes de agosto, nembargantes, bastou para facérmonos unha idea do caudal que pode chegar a ceibar dende os seus corenta metros de altura. Ademais, puidemos aproveitar o baixo caudal do estío para achegármonos até o fondo da fervenza e sentir, dende abaixo, a vertixe que provoca este intricado e desnivelado terreo. Isto sería impensable nas estacións de outono e inverno, cando este río acada un caudal moito máis impresionante. Logo de ollar a fervenza, decidimos arrodear o muíño e coñecer un pouco polo miúdo a súa historia. Este muíño de importantes dimensións fica a carón mesmo da fervenza, algo que sorprende se pensamos no caudal que pode chegar a acadar esta ruxida en época de choivas. 


Este antigo edificio de moenda coñécese nesta parroquia como o Muíño da Fervenza. Este muíño deixou de ser empregado hai pouco máis de 30 anos, aló pola década dos 70. Ata aquel entón, neste vello muíño arrexuntábanse veciños, non só de Brañas senón tamén das parroquias d’arredor, para moeren xuntos o cereal. Esta angueira era un actividade cotiá na Galiza de onte, na dos nosos pais e avós. A fariña era un dos elementos máis básicos na cociña tradicional galega, para elaborar pan, doces, empanadas ou bolos de pote, e indispensable tamén na dieta dos animais. Contan que o Muíño da Fervenza tivo moita sona por estas terras, xa que aínda dispoñendo de outros moitos muíños máis preto, os veciños preferían vir dende ben lonxe até eiquí. Hai quen di que a mellor fariña, a máis fina e homoxénea, moíase neste muíño. E non é de estrañar, tendo en conta a forza que poden chegar a ter estas augas en outono ou inverno. Contan que nestas épocas, as augas desta impresionante fervenza chegaron a pasar por riba do teito do muíño. Deixamos tras de nós esta fervenza coa promesa de volver en época de choivas para contrastar o caudal do Río Furelos e percorrer novamente esta fraga autóctona de primeira. Até aquel entón, so nos resta desexar que esta Fervenza das Brañas siga a saciar a sede das árbores e a ruxir con máis forza que nunca.

1 comentario:

Samu dixo...

Recoméndovos o inverno para visitala, con máis auga é toda unha preciosidade.