xoves, 5 de marzo de 2009

Benvidos ó Castelo de Pambre


“Creador dun tempo novo o Rio Pambre, no seu ir de prata
é un sen-lugar onde os deuses nunca teñen morto”.
Cesáreo Sánchez

Aló polo S. XIV érguese o Castelo de Pambre, de man de Don Gonzalo Ozores de Ulloa e á beira do río Pambre, no concello lugués de Palas de Rei. Este castelo foi o único supervivente das Revoltas Irmandiñas, e na actualidade é unha autentica xoia de arquitectura medieval militar do noso país.
A historia irmandiña selou a tregua co castelo de Pambre en terras de Melide, tralo entendemento entre Sancho Sánchez de Ulloa e os sublevados. O castelo foi tamén hospedaxe para solitarios peregrinos que cuarteaban leiras de camiño a Compostela. En 1484 pasa a mans dos Condes de Monterrei, e na actualidade é propiedade de Manuel Taboada Fernández.
A nosa viaxe polas terras da Ulloa foi curta, mais visitar este nobre fogar de granito foi todo un privilexio, pois resulta impactante ficar de fronte ao castelo máis respectado das históricas Revoltas Irmandiñas.¡Que as portas do Castelo de Pambre fiquen por sempre abertas para a súa xente!

Déixovos cunha descripción desta fermosa paraxe:

"Levántase nun polmontorio que se avanza de Sudeste a Noroeste sobr' o río Pambre. A ladeira, que mira ao Nordés, está cuberta d' arbolado, e d' erbeiras, e parece un terreno tan boo, como si poidera dar o azafrán; pero a d' outro lado presenta un paisaxe do mais hórrido e agreste que poida maxinarse. Si gustades dél formarvos algunha ideya, fegurádevos un descomunal curizo cuberto, en vez de pugas, de agudos e disformes peñascos. No fondo vese o río correndo mal a gusto por antre un leito de penas e croyos e salpicando escuma por todas partes" Antonio López Ferreiro


2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

O que tiña que facer a Xunta ou o goberno central é espropiar este tipo de propiedades para que poidan ser abertas plenamente ao público. Así, algún día poderiamos ver o pazo de Oca por dentro (non só os xardíns), e moitos dos nosos bens culturais deixarian de ser paradores e/ou restaurantes para os madrileños de turno.
En fin, agora co PP no goberno da Xunta... mision imposible.

Fermosa entrada e fermosa fotografía, coma sempre. Por certo, estou desexando ver publicada canto antes a entrevista que lle concediches a quepasanacosta.com.
Veña, un saudiño e, coma sempre:
Saúde, sorte... e República!

ubaldinho dixo...

Aí falaches Xoán, expropiación e castelo para o pobo.
Unha verdadeira pena este castelo do Pambre, é incrible, os arredores son de cine, e dentro, un can morrendo de fame....

estade atentos que a entrevista sae xa!!!!!