xoves, 12 de marzo de 2009

A Fervenza do Toxa


"O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.
Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos"

Gonzalo López Abente

Os primeiros abrentes primaverais reflicten a súa luz nas augas do Toxa, en terras do Deza. Esta fermosa paraxe do concello pontevedrés de Silleda forma parte do espazo natural protexido do sistema fluvial Ulla-Deza, onde o Río Toxa, un afluente do Deza, morre nunha espectacular fervenza duns trinta metros de caída. Nestas húmidas ladeiras conviven fauna e flora moi variada; dunha banda raposos, teixóns, curuxas das xunqueiras, falcóns, xabaríns ou gatos bravos; e, pola outra, silveiras, fentos, carballos, salgueiros, acivros e os máis fermosos loureiros.

 
As súas augas, naturalmente, son albergue das mellores troitas, de morcegos, lontras, rás e lagartos de auga. Pero se algún exemplar se distingue dentro deste pequeno paradiso esa é a xesta. A lenda conta que se deberá facer un nó nos seus ramallos para que a vida permita ao viaxante voltar a este privilexiado lugar. Preto desta paraxe, descansa o mosteiro beneditino de San Lourenzo de Carboeiro, que data do século X, e que se sitúa nun fermoso e admirable espazo natural destas nutridas terras da Comarca do Deza. ¡Que os viaxeiros de López Abente atopen nestas terras o seu perdido camiño!

6 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Fermosa entrada, coma sempre. Dende logo, a mellor fervenza que vin en Galicia. Un lugar máxico do que a lenda di que hai que facer un nó nunha xesta para poder volver algunha ves na vida. Espero que, no meu caso polo menos, se cumpra.
Un saúdo dende Compostela,
Saude, sorte e República!!

Unknown dixo...

É unha fervenza perfecta enclavada nun fermoso e protexido espazo natural. Oxalá que todas estivesen coma esta. Grazas polo comentario, amigo. Unha aperta

Anónimo dixo...

ola
A Fervenza é un deses lugares onde a natureza nos amosa a súa beleza.Eses sitios onde vamos e parece como se o tempo non pasara por eles.
Sen dúbida son sitios máxicos...

Fermosas fotos sempre!E moi bo o teu traballo.Ah!
Felicidades pola entrevista ,moi crítico....,si señor.

un abrazo

Unknown dixo...

Grazas, Asun, é un pracer que te escoitarche de vez en cando pola Fraga. Unha aperta

Anónimo dixo...

Parabéns polas túas imaxes, mouro da fraga e boa escolla poética. Aquí che deixo un poema meu que tamén evoca ese lugar. Apertas, do Miro.
A ROSA

Se digo a rosa, digo río toxa e fervenza,
se digo a rosa, digo lugar de carboeiro,
se digo a rosa, digo tamén o seu mosteiro,
se digo a rosa, digo telúrico eco e crenza,

se digo a rosa, digo terras para a mantenza,
se digo a rosa, digo pradairo, sabugueiro,
se digo a rosa, digo rebento de salgueiro,
se digo a rosa, digo paixón que nunca venza,

se digo a rosa, digo casal acolledor,
se digo a rosa, digo mel e filloas na pedra,
se digo a rosa, digo recendo a vaca pinta,

se digo a rosa, digo, finalmente, unha flor,
se digo a rosa, digo que o meu corazón medra,
se digo a rosa, digo todo en forma sucinta.

Unknown dixo...

Grazas Mestre, é un pracer escoitar as túas palabras e os teus versos. Para min é un auténtico luxo ver os teus comentarios. Unha forte aperta, e moita poesía aló onde te atopes.