sábado, 1 de febreiro de 2014

Retorno ás esquecidas aldeas do Courel


“ONDE só queda alguén pra aguantar dos nomes 
poño eu a ampla fronda 
a redroma dun castiñeiro 
e sentada á súa sombra xunta a longa estirpe do último labrego”.  
Uxío Novoneyra

Logo de coñecer os segredos que garda tras de si o Pregamento Xeolóxico de Campodola-Leixazós, decidimos retornar ós pequenos i esquecidos lugares que se perden nesta sempre fascinante Serra do Courel. Decidimos volver a percorrer os estreitos e labirínticos vieiros que conducen a aldeas de lousa apresadas polo tempo e a soidade. Aldeas que coma rexas e inmortais reigames de castiñeiro, resisten os anos, as chuvias, as neves e as treboadas. De camiño fomos lembrando aquelas primeiras viaxes a este marabilloso i esquecido verxel, este universo de outonos e primaveras. Naquelas nosas primeiras viaxes tivemos a sorte de coñecer a algún que outro veciño, como Manolo do Monteiro ou a súa irmá María, que nos relataron en primeira persoa o duro que pode chegar a ser o día a día nestas afastadas e solitarias aldeas. O pouco tempo do que dispuñamos e as duras condicións meteorolóxicas  limitaban a nosa espranza de volver pisar todas e cada unha daquelas aldeas que coñeceramos na nosa primeira viaxe. Un forte temporal de frío e neve, que xa nos obrigara a abandonar a Serra dos Ancares, estaba tamén a sacudir estas terras do Courel. 

Lugar de Visuña do Courel

A xornada presentábase tan dura coma curta. Avanzamos serpeando as abruptas serras, contemplando a beleza que atesoura cada recuncho deste verxel de lousa e natureza, de albelos cumios, de verdescentes devesas e brincadoras fervenzas. O primeiro lugar que atoparíamos a carón do noso camiño sería a fermosa aldea da Seara, afundida no val e adurmiñada a carón do seu río. A Seara é unha aldea fascinante, fermosa e case que paradisíaca. Nembargantes, xa tiveramos ocasión de coñecela máis polo miúdo nesta fraga. Desta volta deveciamos por volver até o fronteirizo e máxico lugar de Visuña, para procurar as últimas e preguizosas pegadas de feras que críamos extintas nas nosas terras. Mais sobre todo pra perdémonos por antr’as derradeiras vivendas que resisten a carón dos “tesos cumes” desta salvaxe i ancestral serra. A volta a Visuña foi un momento que non esquecerei. Volveu a impresionarme tanto ou máis que da primeira vez. Semella incrible que esta aldea fique aínda con vida entre estes picos asolagados pola neve, a carón do río e á intemperie dos fríos ventos da serra. 

Lugar de Esperante do Courel

Eiquí todo é silencio, hai tempo que a diáspora e os invernos foron enmudecendo as voces da lembranza dos máis vellos. Somentes o esperanzador canto dos paxaros e o rumor das augas do río son capaces de trocar este silencio, de mudar esta mudez. O lugar de Visuña, pertencente á parroquia de Santa Eufemia e ó Concello de Folgoso do Courel, fica arrodeado por impoñentes cumios a escasos mil metros de altitude. Este lugar, ademais, fica a rentes da provincia de León, i estes seus montes conforman a fronteira natural que tanto nos une ou nos distancia deste territorio castelán. 
Lugar de Esperante do Courel
No que respecta á parte galega, limita coas parroquias de Esperante, Riocereixa, Hórreos, Seoane e A Seara. Na parroquia de Visuña localízase o monte de Cereixido, de case 1.300 metros de altitude que atrae a numerosos montañeiros a percorrelo. Namentres camiñabamos pola aldea, fomos ollando a cantidade de fogares baleiros que atesoura o lugar. Somentes puidemos saudar a un ancián que alindaba ás ovellas pra corte. Boa parte das construcións do lugar, tanto fogares coma muíños ou alpendres, fican cos teitos derrubados, coa madeira estragada pola corza. A historia de Visuña parece provir da antiga Visonia, lugar onde se localizaría un vello mosteiro fundado por San Froitoso do Bierzo aló polo século VII. O certo é que Visuña mantivo dende sempre unha estreita relación coas terras do Bierzo, xa que a través deste lugar, os bercianos entraban nas terras galegas. Contan tamén que entrámbolos anos 1238 e 1240, os mosteiros de Samos e Carracedo, mantiveron unha contenda por unhas posesións en Visonia. Nos nosos días, Visuña garda aínda moitos tesouros descoñecidos que somentes fican presentes na memoria colectiva dos máis vellos. Nesta afastada aldea existen unhas minas antigas das que se ten sacado chumbo e blenda. Contan que foron abandonadas recentemente, hai cousa duns cincuenta anos, e que nos últimos tempos se teñen levado a cabo prospeccións nas que se puido detectar a presenza de uranio. Deixamos tras de nós esta impresionante aldea fronteiriza para coñecer outra parroquia que chamou a nosa a atención, mais que non coñeceramos en profundidade na nosa primeira viaxe. Trátase da parroquia de San Pedro de Esperante, outro lugar esquecido que fica entre Visuña e Seoane do Courel. A parroquia pertence tamén ó Concello de Folgoso do Courel e sitúase moi preto do Castelo de Carbedo, unha fascinante fortaleza en ruínas que xa tiveramos a sorte de coñecer na nosa primeira viaxe a estas feiticeiras terras. A parroquia de Esperante goza de numerosos atractivos como as Covas do Eirexe ou a Cova do Oso. Contan que tamén chegou a albergar un total de sete muíños. Nada máis entrar no pobo achamos unha fonte e un lavadoiro, así como unha pequena capela en honor a San Roque e a Santa Bárbara. 

Panorámica do val que se estende baixo os pés do Lugar de Parada do Courel

A aldea fica tamén baleira e silenciosa. A humidade pálpase en cada parede, en cada rueiro, no ar e nos mantos de musgos que cobren as lousas dos teitos. A aldea semella moito máis pequena que Visuña, pero ámbalas dúas gardan o mesmo silencio e fican igual de abandonadas. Quen sabe que será destas aldeas dentro somentes dunhas cantas décadas, que será destas xentes, quen ha traballar estes eidos... Logo de coñecer estoutra fermosa aldea courelá, decidimos poñer fin a esta andaina a carón de centenarios soutos onde aínda fica vivo o celme do poeta do Courel. Collemos rumbo a Parada, o berce de Uxío Novoneyra, para tratar de coñecer un anaquiño da vida deste mestre das verbas que deu voz a esta sufrida terra e a estas aldeas silenciosas. Denantes de chegar ó lugar de Parada, pertencente á parroquia de Seoane do Courel, ficamos abraiados unha vez máis polas verdescentes devesas que acougan antr’estes húmidos e profundos vales. Nada máis chegar ó desvío onde comezaríamos a ascender cara Parada, puidemos ollar un monumento erixido en pedra que lembra a figura deste importantísimo poeta galego. Namentres ascendiamos, puidemos ollar tamén unha fabulosa panorámica do val que acababamos de percorrer. A Aldea fica a uns 760 metros de altitude, arrodeada por soutos que a bo seguro viron medrar ó noso ilustre poeta. 

Parada do Courel

Retornamos a Parada, retornamos ó universo de Novoneyra para respirar o seu mesmo ar, para ollar as súas miradas en cada eira, en cada alpendre, en cada fogar. Retornamos pra pisar a súa neve, para escoitar as súas verbas e o seus silencios, para beber das máis inspiradoras fontes. 

Lugar de Parada do Courel
En Parada puidemos comprobar tamén, como en Visuña i Esperante, fogares baleiros e un silencio moi semellante, mais o certo é que para a nosa sorpresa atoparíamos a algún que outro veciño e, para a nosa desgraza, tamén algunha que outra fera doméstica. Ós poucos veciños que resisten nestas afastadas aldeas aínda lles resulta complexo entender a nosa presenza nestas súas terras. Como é lóxico, estes pequenos universos, tan solitarios i esquecidos, non adoitan ser moi trancorridos por xente allea ó lugar. Detivémonos nas dúas eiras que achamos na aldea, contemplamos a arquitectura dos fogares, as solainas, as lousas, as rexas portas de madeira. Ollamos os cumios e os soutos centenarios, a brétema que arremuíña sobre dos penedos. Namentres percorriámola aldea e maxinabámola vida do noso ilustre poeta, un can de caza devolveunos á realidade e por pouco nos mata do susto. Naquel preciso momento decidimos dar por finalizada a visita a Parada, pois non queriamos perturbar a paz e o descanso dos seus veciños. Deixamos tras de nós o berce de Novoneyra, os seus eidos aínda traballados, pensando en qué será destas xentes, destes soutos e devesas, destas aldeas esquecidas “onde so queda alguén pra aguantar dos nomes”

Ningún comentario: