domingo, 9 de febreiro de 2014

O milagreiro San Campio de Lonxe


“Levo un pecado fondo, orixinal,
desmemoriado río afagadizo
no que se expreme a noite e o arreguizo
da miña vida inútil, do meu mal.
Pequei contra o meu ser, luxei as galas
que ó lonxe me acenaban no futuro,
de xeonllos na igrexa, mouro, impuro,
humillei o meu peito, as miñas alas”.
Antón Tovar, Cadáver adiado

Volvemos a retomar o camiño da fe e a espiritualidade para achegármonos até outro dos templos máis senlleiros e representativos do noso país. Desexabamos coñecer de preto unha das igrexas con máis sona da nosa Galiza, un punto de peregrinación e de romaxes, de ofrendas i espranzas, de ritos e curacións. Collemos rumbo ó sur, cara a fronteiriza Comarca do Baixo Miño. O noso destino ficaba, desta volta, no Concello de Tomiño. Chegamos a este fermoso concello pontevedrés unha solleira e primaveral mañá, coma romeiros pouco afeitos a camiñar. Na parroquia de San Martiño e San Campio de Figueiró atopamos o santuario onde cada ano se celebra a romaría das romarías galegas, e onde cada día se achegan de tódalas partes da Galiza e incluso do Norte de Portugal, numerosos fieis para procurar un milagre que axude a sandar as súas doenzas i enfermidades. Estabamos a carón mesmo da Igrexa de San Campio de Lonxe. Namentres contemplabamos a fermosa fachada e as particulares torres do santuario, preguntámonos por qué será que se lle coñece como San Campio “de lonxe”. Este alcume ou sobrenome semella virlle dado polos milleiros de romeiros que se achegan camiñando até eiquí dende as máis afastadas terras. Non debemos esquecer que estamos no extremo suroeste do país, moi lonxe da meirande parte dos territorios galegos. Este santuario é moi visitado tamén polos milleiros de fieis portugueses que se achegan até San Campio dende ben lonxe pero coas mesmas tristuras, coas mesmas ofrendas, coas mesmas espranzas. Amais de todo o dito, o alcume, sexa “de lonxe” ou calquera outro, cumpre a misión de diferenciar este San Campio doutros moitos santuarios e parroquias en honor a este mesmo santo que se perden polo noso país. 

O Santuario de San Campio de Lonxe ou San Campio do Monte, de estilo Manuelino Portugués, foi erixido aló polo ano 1804 sobre dos restos dunha primitiva capela en honor a San Antonio de Padua. Pouco tempo despois, entrámbolos anos 1871 e 1874, sufriu importantes modificacións. As últimas reformas no edificio terían lugar no 1974 e no 1993. 
Nos nosos días, o edificio conserva catro altares laterais e varias capelas. No interior deste templo achamos o altar onde se pode ollar a imaxe do milagreiro San Campio. A talla  data do século XVII. San Campio foi un soldado romano e cristián, que pola confesión da súa condición relixiosa, sufriu unha dura tortura denantes de morrer no ano 306 despois de Cristo. Os seus restos foron soterrados nas catacumbas do cemiterio de San Calisto de Roma, ó igual que os da súa muller e os dos seus fillos. Nos nosos días consérvase tamén, nas entrañas deste templo e nun relicario protexido por unha vitrina, un anaco de oso de San Campio. Son moitos os fieis e devotos que se ofrecen a este santo, a este San Campio milagreiro, para curárense de todo tipo de doenzas i enfermidades, tal que reumas, cancros, nervios, trastornos, e un longo etcétera. Para elo, e ó igual que viramos no Santo Andresiño do Cabo do Mundo, estes fieis deberán depositar no altar figuras de cera que representen a parte do corpo que queren sandar. Tamén existe unha ofrenda que consiste en pagar con trigo, centeo ou sal, o peso da persoa que se ofrece ó santo. Para elo aínda existe unha balanza romana onde por unha banda se coloca o romeiro ou fiel, e na outra, o trigo, o centeo ou a sal. Como non podía ser doutro xeito, tamén se acepta o pago en metálico do importe resultante. Hai quen di que este santuario foi o “médico ventureiro” de moitos fieis que dende antano até os nosos días, se achegan até eiquí para curar non só as súas enfermidades senón tamén toda clase de meigallos e posesións demoníacas. Boa proba disto é que o actual párroco de San Campio aínda adoita realizar, case que a diario, todo tipo de rituais de exorcismo a todo tipo de xentes chegadas dende máis ou menos lonxe de eiquí. Deixamos tras de nós o San Campio de Lonxe, este afastado e senlleiro santuario galego, cavilando no sufrimento que debeu empurrar a moitos a viren camiñando até eiquí na procura dun milagre de camiño á desespranza, aínda impedidos e desvalidos polas doenzas e pola desgraza. Este santuario é pois, a derradeira espranza de moitos a quen somentes lles queda fe e un longo camiño até o lonxe. 

Ningún comentario: