domingo, 16 de febreiro de 2014

Caldeiras do Castro, escenario da miña nenez


“Xa non hai sol, foise a lúa,
xa non cantan os poetas...
¡Hai que facer a decrúa
nas estradas dos planetas!
O río da noite fonda
os seus cabelos destrenza,
con duro balbor que estronda
nos abisos da fervenza.
Os perdidos viaxeiros
buscan daquel río os vaos.
Andan chorando os luceiros
extraviados no caos”.
Gonzalo López Abente, Decrúa

Hai cousa dun ano, namentres pasaba unha tempada na miña terra nai, sentín o profundo desexo de volver a pisar certos lugares da contorna da Costa da Morte nos que pasei boa parte da miña nenez. O certo é que todos, a bo seguro, algunha que outra vez sentimos o desexo de volver a visitar aqueles recunchos que teñen conformado o escenario dos nosos xogos, os pequenos universos da nosa infancia. Quixen aproveitar unha solleira tarde de outono para achegarme até un recuncho do concello coruñés de Muxía onde de neno adoitaba pasar coa miña familia e amigos algunha que outra calorosa xornada de verán. A pesares de que viviamos a carón mesmo das fermosas praias que arrodean a máxica e indómita península de Fisterra, de vez en cando tamén nos deixabamos levar polas doces e translúcidas augas dos ríos da nosa comarca. Collín camiño de volta á nenez, camiño daqueles inocentes anos, para que o son das  augas do Castro, coma vellas cancións que nos enchen de nostalxia, logren transportarme até os meus máis doces e inocentes días.  


Viaxamos desta volta cara un fermoso encrave onde o Río Castro é o eterno protagonista. Collemos rumbo ó interior do Concello de Muxía, i en concreto cara a parroquia de Coucieiro. Alí agardaba por nós o estrondo das Caldeiras do Castro, un fermoso encrave fluvial onde se pode ollar unha impresionante fervenza que deixa tras de si todo tipo de pozas e pequenas ruxidoiras onde resulta marabilloso refrescarse nas máis calorosas xornadas de verán. Ogallá puideramos chegar a tódolos lugares da nosa Galiza do mesmo xeito e coa mesma facilidade que chegamos até eiquí. Non había perda, coma ía dicindo, estas terras coñézoas dende ben meniño. De camiño, xa moi preto da fervenza do Castro, comezaron a pasar pola miña mente constantes e fugaces momentos vividos que semellaban mesturarse coa paisaxe, coas rochas, coas árbores. Estaba a retornar até aquel doce e minúsculo universo onde teño pasado parte dos máis ledos momentos da miña infancia. Nada máis chegar xa puidemos ver unha diminuta capela que ficaba a carón da área de descanso onde adoitabamos xantar cando eu era meniño. A capela foi erixida aló polo ano 1660 en honor a Santo Eutel. Pouco semellou mudar a paisaxe deste lugar. 


Logo de deixar atrás a pequena capeliña, comezamos a descender por unha corredoira cara o “duro balbor que estronda”, como diría o poeta muxián López Abente, “nos abisos da fervenza”. Comezamos a descender a intricada ribeira do Castro sobre dunha pasarela de madeira que non existía cando eu era cativo. Anos atrás había que descender con moito coidado e atención, xa que había tramos do camiño perigosos i esvaradíos. Chegamos ás Caldeiras do Castro coma “perdidos viaxeiros” para procurar “daquel río os vaos” que salpiquen de lembranzas a miña desmemoria. Estabamos ante a fermosa paraxe onte tiven a oportunidade de gozar destas augas e xogar cos meus amigos. Aínda lembro as veces que nos temos arrexuntado todos naquelas pequenas piscinas naturais, ou caldeiras, que eiquí tanto abundan e que mesmo dan nome ó lugar. As augas do Río Castro foron conformando durante milleiros de anos diferentes formacións ocas nas rochas das ribeiras, creando maxistralmente unha serie de pozas ou piscinas de auga doce, bautizadas como “caldeiras”, nas que se pode un bañar sen medo a ser arrastrado polas fortísimas correntes do Castro. 


O Río Castro nace no alto do Monte Escaleira, preto do lugar de Berdoias onde coñeceramos o dolmen de A Casota de Freáns, e viaxa nutrindo as extensas e fértiles pradarías que adormecen no verdescente Val da Soneira para logo exercer de linde natural que une e separa os concellos de Dumbría e Muxía. Este río desemboca na pequena Ría de Lires, a carón da Praia de Nemiña, exercendo de fronteira natural até na súa morte no mar, neste caso delimitando os concellos de Cee e Muxía. Denantes desta fin, eiquí en Coucieiro, as augas do Castro descenden por un salto duns oito metros de altitude, erosionando extraordinariamente as rochas ó seu antollo, conformando as súas caldeiras. Aínda me lembro de cando mollaba os pés nestas frías augas, cando me somerxía baixo as pequenas ruxidoiras, cando nos arremuiñabamos todos nas caldeiras. Logo de empaparme de recordos de tempos pasados, de fugaces instantes da vida que semellan arrastrados polas correntes, perdidos no tempo e na memoria, liscamos das Caldeiras do Castro escoitando o estrondo das augas, satisfeitos por matar a nostalxia e coa sensación de haberme achegado ás máis ledas lembranzas da miña nenez. 

Ningún comentario: