venres, 6 de xaneiro de 2012

Os muíños de Santo Adrán da Toba


"O rumor da chuva surprendida, no ar abre-se, en flor.
Este verde entreabre a cortiza da realidade. Nunca é
branca a fermosa máscara tráxica que reflecte, mais azul,
un anaco de ceo, esta parede azul que onte á noite
non existia. O ceo existe sen saber no branco da mañá"

Cesáreo Sánchez, A escrita do silencio

A forza da auga move as moas
dos Muíños do Son
Atrás deixamos o rumor das augas salgadas do Areal de Estorde e avanzamos cara o corazón do val de Guimareu. Ós pés desta fermosa fraga, encravada no seo do concello coruñés de Cée, atopamos cultivadas as leiras que surten as aldeas da contorna. Os cabalos do lugar semellan tranquilos ó noso paso. Axiña vémonos invadidos pola sombra das árbores desta fraga da Toba. O noso camiño atravesa de cheo o lugar de Guimareu, sito no embigo dun bosque xeneroso e rico en diversidade natural, onde podemos atopar un amplo número de especies animais e vexetais. A masa forestal está conformada por carballos, castiñeiros centenarios, piñeiros ou loureiros, aínda que lamentablemente, tamén se albisque algún que outro eucalipto. Esta fraga goza de moita sona micolóxica, potenciada, principalmente, pola diversidade das súas árbores e a riqueza e estado dos seus solos. Guimareu conserva o encanto das vellas aldeas case extintas i esquecidas. Recentemente, unha vía rápida perturbou a paz deste lugar, acoitelando as ladeiras destes montes cheos de vida. 
Nas entrañas deste bosque nacen multitude de regatos, entre os cales o máis destacado é o vello Río das Laxes, hoxe coñecido por Río Toba. Este espléndido regato, é recibido por un chamativo conxunto de muíños ó seu paso pola antiga aldea de Santo Adrán de Toba. Os Muíños da Toba constitúen un grupo de sete muíños, cinco deles restaurados a finais do noventa, e que son o centro dunha ampla área recreativa e de lecer de gran valor etnográfico. As pequenas edificacións de granito do país e teito a dúas augas, datan de diferentes épocas entre o século XIX e principios do XX. Están dispostos en ámbalas dúas beiras do río, aproveitándose do desnivel do terreo e de multitude de canles que moldean o río ó seu paso polas moas. A gran cantidade de fervenzas garanten a enerxía necesaria para poñer en funcionamento estas vellas rochas circulares. No interior dos muíños podemos aínda contemplalas e imaxinar as vellas labouras de moído do gran de millo. 
A Igrexa de Santo Adrán de Toba
As canles retórcense entre multitude de especies vexetais que conforman un rico ecosistema. Entre as plantas máis doadas de atopar están a fieita, os musgos, as herbas acuáticas e diferentes algas. Tamén atopamos unha ampla colonia dunha chamativa planta exótica de espigadas flores vermellas que acompaña o curso do río. A cantidade e tamaño destes muíños demostran a importancia e o peso económico que chegou a ter a Parroquia de Toba. As grandes vivendas eclesiásticas e o xigantesco hórreo de vinteseis pés fálannos de grandes almacenaxes de gran e de prosperidade. O templo parroquial de Santo Adrán remóntase ás orixes da aldea (século XII), pero amosa un elegante campanario barroco. Dende o seu adro, circundado por tumbas e cruceiros, contemplamos a grandeza dos bosques que arroupan á parroquia. Neste mesmo lugar celébrase, os días 17 e 18 de xuño, a Romería de Santo Adrán de Toba, na que a tradición máis popular é a poxa de galos; os últimos restos da vella prosperidade. Esta parroquia é un dos lugares máis antigos do concello de Cée, cuia capital municipal está situada no fondo da Ría de Corcubión, e constitúe unha das vilas de maior auxe nos últimos anos. Dende o alto do Monte do Son, que domina a enseada, contemplamos o contraste do progreso que fixo de Cée unha vila chea de servizos. Pero a súa riqueza ven de lonxe: a beleza das antigas vivendas señoriais do seu casco histórico, coma o Pazo de Cotón, e a súa vella tradición baleeira, teñen convertido a Cée nun referente económico na bisbarra. Entre os seus fillos máis célebres destacan Domingo Antonio de Andrade (1636-1712), arquitecto que deseñou a Berenguela compostelá e a igrexa da propia Virxe da Xunqueira, destruída posteriormente durante a invasión francesa. O Castelo de Príncipe, na Ameixenda, é do pouco que queda daquela época.

Vista da Ría de Corcubión dende o Monte do Son
No século XIX destaca a figura de Fernando Blanco de Lema, indiano adiñeirado que doou a súa fortuna, forxada nas Américas, ó benestar e ó futuro da súa vila. Así, fixo construír dous institutos: o Colexio de Nenas (actualmente sede da fundación que recibe o seu nome), e o Instituto Fernando Blanco, fermosa obra de arquitectura historicista do século XIX. 
Entre os persoeiros máis importantes na actualidade, cóntanse algúns precisamente de Toba, coma os irmáns Miro e Rafa Villar, poetas de gran sona en todo o país. Que estas vellas xoias da arquitectura popular galega sigan a xirar as súas magníficas moas neste recanto de paz e de beleza.

2 comentarios:

Nito dixo...

Espectacular paisaxe meu amigo!!
Que tal pola ciudade da cultura e capital de Galicia??.Non te encontro no facebook, fixeches outro?

Un saudo Nito

I. Iván Fraga Moure dixo...

Boas amigo!, ainda me estou acostumando ás frías mañáns compostelás e as súas duras xeadas. Xa non ando por facebook, atópome mellor aquí... Boa sorte con ese blogue, estás agregado!