martes, 3 de xaneiro de 2012

O vento que acariña a Duna de Corrubedo


“Unha canción é un mapa e tamén unha vía,
un pasaporte, un modo de substento,
unha escada que leva
ó máis alá. Se vas pola túa vía
espantarás o mal.
Tódolos teus encontros serán con irmandiños
e a loita será sempre hospitalaria.
Cada un dos episodios do cantar compartido
é unha zona sagrada,
militar. Pero, ai do que se para
e bebe dunha fonte
ou dun regato
que soan noutro ton,
alleos á epopea salmodiada.

Quizais atope a morte,
ou desentoe coa vida.

Os trazos da canción conectan o invisible que está próximo
co invisible arredado: dunas
de corrubedo”
.

María do Cebreiro, Pérfida Erín (sete visións en terra)

A maxia que acompaña as forzas do vento e do mar dende o alén do Océano Atlántico, moldea e conforma ó seu antollo numerosas marabillas dignas de admirar por calquera ser humano que se prece. Un deses tesouros naturais é, sen dúbida, o Parque Natural de Corrubedo, inmerso na ventilada costa do Concello coruñés de Ribeira, -en concreto, entre Corrubedo e Olveira-, e ós pes da sempre impetuosa sombra da Serra do Barbanza.

Vista da Praia dende o Complexo Dunar de Corrubedo
Este complexo natural comprende numerosos atractivos que se ven acentuados pola diversidade do seu entorno. Marismas, lagoas de augas doces e salgadas, praias, chairas, dunas e moitísimas outras xoias que só un mesmo pode chegar a descubrir,- así coma unha morea de camiños que nos ensinan un espazo onde escoitar o murmurio laborioso do vento e recender o salitre do mar-; son só unha pequena mostra dos agasallos que  agochan estas terras do Barbanza. Tamén é un lugar onde ollar unha flora e fauna tan peculiar coma delicada, singular e innumerable. As dunas de Corrubedo constitúen un lugar onde meditar, aprender e disfrutar dun entorno natural único, dentro e fóra das nosas fronteiras. Este espazo natural protexido, situado entre a Rías de Arousa e a de Muros e Noia, acolle a influencia dos ventos predominates do sudoeste que, gran a gran e día tras día-, van conformando unha xigantesca e espectacular duna móbil de máis dun quilómetro de lonxitude por uns douscentos cincuenta metros de ancho. Mais neste espazo onde se mesturan as augas doces da Lagoa de Vixán coas augas salgadas da Lagoa de Carregal, que recibe o salitre do mar; créase un fascinante escenario de biodiversidade única que paga a pena valorar e urxe protexer. A flora caracterízase pola presenza das xunqueiras, cardos mariños e Ammófilas de area, así coma ranúnculos, carrizos e extensos piñeirais que protexen e acougan a paz das súas fértiles marismas. 

Xunqueiras a carón da Duna de Corrubedo
 A fauna que habita neste rico ecosistema caracterízase principalmente, por unha ampla diversidade de anfibios e réptiles, que compoñen a meirande parte dos presentes en todo o chan galego. No que respecta ó mundo das aves, cabe destacar os mazaricos, as garzas, os lavancos, os pernileiros, os cullereiros, os carráns cristados, as gabitas e as gaivotas. Moitas destas, aves viaxeiras, fan parada no seu itinerante voo para deterse neste paradiso de vento e natureza, na procura de descanso e alimento. Por algo este lugar, dende o ano 2003 é Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN). Este verxel é tamén territorio de numerosas especies de mamíferos como a lontra, o raposo, o porco teixo ou o ourizo cacho. Pero non esquezamos tampoco a riqueza viva que aínda  habita baixo o leito mariño. Estas costas do Barbanza gozan dunha incuestionable fama de tradición pesqueira e dunha riqueza marisqueira coñecida no mundo enteiro, e os seus productos; os máis suculentos praceres do mar. Que o milagre das forzas do vento e do mar siga moldeando a Duna de Olveira, tesouro de nácar acariñado a barlovento.

2 comentarios:

Xoán S. Pazos dixo...

Fermosa paraxe esta das dunas de Corrubedo. Paga a pena coñecer este riquísimo ecosistema, un dos poucos parques naturais cos que contamos en Galicia. Noraboa pola entrada!

I. Iván Fraga Moure dixo...

Pois sí, Xoán. Unha fabulosa paraxe que compre respetar e coidar. Un saúdo!