Sinto a aorta
poboada de unha esencia de fragatas.
Cincocentos gaiteiros
cantan de cara ó mar antigos himnos.
Vello país domeador de vento!
Teño os ósos
brunidos da calor da túa entraña.
Ese río que fecunda os teus óvulos,
ese río que habita nas furnas interiores
verqueume nas arterias como ascuas
e levo o sangue todo namorado.
O deixa-lo teu tobo
ventos de morte me feriran, madre!
E veleiquí que unha campá espida
mantén a túa voz na miña gorxa
e cando esfollo a curva dunha sílaba
deita o canto de berce do teu nome"
Antón Avilés de Taramancos
A silueta dunha esvelta garza sobrevoando as mansas augas da desembocadura do Río Tambre, danos a benvida a Noia; unha vila con moito encanto e historia que fica entre os impresionantes cumios das serras de Outes e do Barbanza. A carón da Ría de Muros e Noia e inmersa de cheo na desembocaduras do Río Tambre, esta vila pode presumir de manter con vida un valiosísimo patrimonio e un envexable casco histórico. Tamén merece moita atención a súa ría, que ademais de posuír unha riqueza marisqueira, na que predomina, principalmente, o berberecho; é tamén un escenario de deportes náuticos con moito arraigo nesta zona, como por exemplo, as traíñas. Non esquezamos que Noia, aló polo século XIV, foi o Porto de Compostela, o que supuxo un aumento considerable do comercio marítimo que tiña como destino, unha Compostela que recibía camiñantes de tódolos recunchos do planeta. Foron tempos gloriosos que fixeron de Noia unha vila moi importante que visitaban milleiros de peregrinos, de aí que tiveran un hospital coñecido como o Hospital de Adentro, para dar cobixo de numerosos camiñantes e alentar o pequeno treito que lles quedaba ata a húmida e desgastada, Santiago de Compostela.
Vista traseira da Igrexa de San Martiño |
As rúas da vella Noia son hoxe un auténtico museo da historia que sorprende en cada recanto. Os arcos dominan a meirande parte do casco histórico, e serven de refuxio para visitantes e veciños. Escudos nobiliarios, cruceiros, xanelas, tabernas e igrexas, completan, xunto coas súas pétreas e desgastadas rúas, este labirinto de nobres, fidalgos, galegos e poetas.
A Igrexa de San Martiño érguese impoñente na Praza do Tapal para mostrarnos os moitos segredos que agocha na fachada. O templo, construído no século XV, ten unha torre sen rematar e unha fachada que loce un fermoso rosetón, un aletargado reloxo e un pórtico decorado con motivos mariñeiros. As numerosas faces de diaños esculpidos nas pedras que sosteñen as columnas do pórtico, apórtanlle un certo misterio.
Non é xusto falar desta igrexa sen citar a Igrexa de San Francisco, que data do século XVI e loce un estilo renacentista. Nos seus muros aínda se poden contemplar os traballados escudos de nobres e fidalgos.
Igrexa de San Francisco |
Noia conta con fermosos areais como a Praia do Testal ou a de Boa Grande, pontes, xardíns e ríos, natureza e, sobre todo, cultura. Tivo o privilexio de ver medrar a poetas como Antón Avilés de Taramancos ou María Mariño, ámbolos dous homenaxeados co Día das Letras Galegas. Que ninguén perturbe a paz das agonizantes augas do Río Tambre.
2 comentarios:
Moi boa entrada sobre esta vila milenaria. Estou farto de pasar por ela cada vez que vou a Santiago en bus, pero non coñecía esa parte interior, histórica e pétrea das súas rúas e dos seus monumentos.
Aínda así, e sen desmerecer para nada o teu traballo de redacción e de fotografía, teño que dicir que, desta volta, pode que o que máis me gustara fose o poema. Grande... moi gran Avilés. Noraboa
Teño unhas fotos da praza do Tapal coa igrexa de fondo, feitas neste verán con unha luz dourada marabillosa, das 8 do serán. Noia é unha vila con moitos segredos para descubrir. Parada necesaria estival.
Saúdos e felices festas, Mouro!
Publicar un comentario