luns, 12 de decembro de 2011

O Sil en terra de monxes


“Virtú e nobreza, talentos e groria, 
xa teñen gardados pra dar a sua hestoria 
as fadas que dormen n'as grutas d'o Sil” 
Valentín Lamas Carvajal

O balbordo das fervenzas é un trazo cotiá da paisaxe, posibilitando o
desenrrolo de outras especies coma fieitas, liquens ou musgo
Case catro anos pasaron xa dende aquela primeira viaxe, semente orixinaria desta Fraga, que nos abrira as portas, por vez primeira, ó fermoso corazón desta sacra terra de viños, frades e ríos. Tiña ganas de voltar a refuxiarme nas xélidas mañás das ladeiras traballadas polo grandioso e profundo Sil, quería volver a recender o ledo fume de madeira de carballo, debecía por saborear de novo o sacro viño que medra nas esgrevias ladeiras que o Sil foi rabuñando, moi de vagar, ó longo das idades do home ata os nosos días. Os frades dos misteriosos mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil foron os primeiros que, aló polo século XII, comezaron a aproveitarse das húmidas e soleadas ribeiras do Sil para estender o cultivo das parras da saborosa e púrpura uva mencía. Para conseguilo, as ladeiras fóronse esculpindo ó longo dos séculos con innumerables bancadas, que semellan penduradas nun precario equilibrio. Os monxes eran posuidores dun inmenso imperio, construído sobre este sublime viño de afroitado recendo. Os seus mosteiros eran auténticos señoríos, que dominaban o cultivo e a elaboración dun dos mencías máis saborosos do mundo.

Fraga autóctona
A principal característica desta terra é que, en calquera época do ano, a auga xurde da pedra viva: a Ribeira Sacra súa de xeito constante, impulsando a explosión de vida precisa para conservar por sempre a inmensa beleza desta comarca e da súa riqueza arbórea. O número de especies vexetais que podemos atopar neste paradiso é incalculable. Cabe destacar a cantidade e antigüidade dalgúns exemplares de especies autóctonas coma o carballo, o castiñeiro ou a faia. Ademais, é doado atopar bidueiros, piñeiros e abetos, así coma breixo, fieitas de diversos tamaños e formas, e outras especies que regalan os máis estraños froitos. A humidade constante provoca que case cada centímetro de rocha fique baixo un mesto tecido de liques e musgo. Tamén é frecuente atoparse con numerosas fervenzas que enfeitizan e nutren, coma pequenas veas, o corazón do Sil. Esta riqueza vexetal constitúe un berce natural para un complexo e delicado ecosistema onde tamén habitan innumerables especies animais. O percorrido do Sil está constantemente guillotinado polas diversas centrais hidráulicas que aproveitan a auga do río para obter enerxía eléctrica. Xa non se constrúen presas no Sil, mais a súa decadente presenza emporca e entorpece a beleza deste paradiso.

A vella aldea de Cibrisqueiros, unha das moitas que
fican penduradas nos vales da Ribeira Sacra
As pequenas aldeas penduradas das escarpadas ladeiras do val organizan a súa vida entorno ás vellas labouras vitivinícolas, herdadas dos antergos abades e do seu saber. Estes lugares cheiran a fume nos amenceres e tamén nos solpores, cando o frío gabea polas ribeiras e penetra nas casas e nos osos. Ao redor das vivendas, obsérvase a disposición das viñas, plantadas en longas ringleiras paralelas nas faldras da escarpada montaña. É o caso das aldeas de Cibrisqueiros, Sobredo, Frontón, Loureiro, Viduedo, Parada Seca, ou Amandi das vermellas ribeiras. Que non deixe de brotar humidade nesta terra sacra de viños, ríos e frades.

3 comentarios:

navegacruz dixo...

Un saúdo Sil arriba,refrendando o misterio deste río, longa serpe que reflicte a miña sombra nestes días.

Joao Xeres dixo...

Existe unha vella lenda que circula ao redor dos canóns do Sil: "O deus Júpiter viuse prendado da fermosura da terra galega. Para posuíla atravesouna cun río, o Miño. Con todo, a súa esposa, a deusa Juno, non quería compartir o seu amor cunha estraña, polo que pensou que si na face daquela fermosa terra abría unha gran ferida, Júpiter terminaría por repudiala. Júpiter non tardou moito tempo en descubrir o que Juno fixera. Como castigo condenouna a arrastrarse eternamente entre as dúas grandes ladeiras que ela mesma abrira, transformándoa tamén en río: o Sil. A desesperación da deusa Juno foi tal que finalmente foi perdoada polo seu marido. Os dous reuníronse nun lugar chamado Os Peares, onde o Sil únese ao Miño".

I. Iván Fraga Moure dixo...

Moitas grazas, Joao. Esta fermosa lenda, a bo seguro, vaime servir para completar unha futura entrada á vila dos Peares, sen dúbida, unha paraxe importantísima pola máxica confluencia do Miño e do Sil, e na que me hei deter máis en profundidade. Moitas grazas, tamén, por visitar esta Fraga e contarnos esta lenda.

Tamén quero enviar un saúdo dende a Fraga á compañeira de viaxes pola terra, Navegacruz. Moita sorte aló onde te atopes! Saúde e Terra!