mércores, 7 de decembro de 2011

A Fervenza de San Xusto de Toxosoutos



“Taes eran os dous frades de San Xusto que desde facía un mes pousaban en Sobrado. Por suposto, que alí non s' estaban cos brazos cruzados asperando que chovesen panicillos do ceo. O Abade espúxolIes o estado do país; como todos estaban bremando por acabar cos seus asovalladores; que había xente dicidida e disposta á todo, porque taes como estaban as cousas non se podía vivir” 
Antonio López Ferreiro

Resulta moi satisfactorio para min ensinarvos pequenos recunchos onde o pracer nace de ollar aquilo que nos rodea, onde ceibar a nosa imaxinación e tomar parte dun medio tan presente coma esquecido. Un bo exemplo, como non, é o lugar de San Xusto de Toxosoutos, no concello coruñés de Lousame. 

Afundido nun húmido e fértil val, o lugar de San Xusto recibe a visita, coma cada domingo, de numerosos fieis que non perden a súa cita espiritual e buscan refuxio do frío no arume do incenso da igrexa. Os homes esperan fóra agardando as últimas badaladas, conversando e fregando as mans baixo o bafo dos seus alentos. Entre tanto, só o ruxido dunha fervenza rompe o silencio neste val de natureza, pasado e defuntos. O caudal do Río San Xusto acoitela este verxel e nútreo eternamente. Ao seu carón descansan tamén un vello mosteiro, unha igrexa, un pombal e algún que outro muíño que dan fe de que este lugar tivo moita vida. 

A fundación deste Mosteiro de San Xusto data do ano 1131, da man dos cabaleiros Pedro Muñiz de Carnota e Froila Alonso, que deixaron a vida militar polos hábitos monacais. O mosteiro formaba parte dos catorce mosteiros cistercienses de Galiza. Nembargantes, no século XIX comeza a súa decadencia e brutal abandono cando a Desamortización de Mendizábal fixo que moitos dos bens da Igrexa pasasen a mans privadas. Porén, moitas propiedades de Toxosoutos pasaron a ser vendidas a particulares. A desaparición dos hábitos deu lugar á decadencia. 

O tempo foi apoderándose do lugar e as hedras foron asolagando as ruínas de Toxosoutos. Mais hai cousas neste lugar que non cambiaron porque son eternamente necesarias, porque forman parte de nós mesmos e onde poucos de nós buscamos refuxio espiritual. É o caso da impetuosa fervenza que enche de son e sobriedade este val, o eterno protagonista que cuspe o osíxeno que nos alenta e nos enche de vida. Ao seu carón medra unha inmensidade de fieitas, musgos e árbores, escoitase o canto dos paxaros e obsérvanse as siluetas dos muíños. Que o San Xusto de Toxosoutos continúe a recibir a visita de moitos fieis na procura de refuxio. 

1 comentario:

m* dixo...

Lugar ben fermoso, abofé! Parada obrigada de camiño a Noia, que coa nova autovía moitos non o chegarán a descubrir nunca.