“En Mar de Fóra
a penas se percibe
a luz do día
E o frío arde
nos tombos da mudez
máis arraigada
e todo fica estraño
e silencioso
como unha sombra
enxoita de paisaxes
En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo
máis efémero:
herdanza de salitre
—a nosa—
de homes e mulleres
salitrosos
Porque levamos no
silencio
o rostro e a
palidez salgada do traballo
Ese traballo inxel
de remendar nas
redes do encaixe máis absurdo
En Mar de Fóra
as redes son o
berce
onde aniñamos, nós,
alén da luz escura
que nos sinala o
día”
Mar de Ausencias
Modesto Fraga
O mar da Costa da Morte ten sona de ser o máis cruel e asasino do país. A
lembranza de milleiros de vítimas está sempre presente, coma unha pantasma, en
tódolos cantís e furnas do noso litoral, e tamén nos ollos dos vellos lobos
mariñeiros. Aquí, na Fin do Mundo e á intemperie, os fisterráns nacemos
acostumados a escoitar o feroz ruxido do vento e o constante balbordo do mar,
sobre as agrestes ladeiras do ancestral Monte do Cabo.
![]() |
| A cara norte da Praia de Mar de Fóra, en Fisterra |
Este areal, de case mil metros de lonxitude, une o Promontorio do Cabo
co continente, pois é a vertente occidental do antergo tómbolo sobre o que se
asenta parte da vila de Fisterra. Ó outro lado, atopamos a antagónica Praia da Langosteira. Entrámbalas dúas, disque antano, existía un estreito de mar que
separaba o Cabo Fisterra do resto do mundo. A superficie areosa e a unidade desa
zona é o que queda daquel pasado no que Fisterra era unha illa.
O sistema dunar de Mar de Fóra, é tamén, a paraxe natural mellor conservada
e máis protexida do noso concello. Dende a catástrofe do Prestige, fixéronse
grandes esforzos para protexer este ecosistema, tan singular coma delicado. No
medio desta paisaxe que semella doutro mundo, atopamos algunhas especies
vexetais e de liques únicas e en perigo de extinción. A carón dos regatos e
pequenas lagoas que se forman, podemos ver especies de plantas e algas
acuáticas, así como especies de anfibios como a píntega rabilonga, o
pintafontes común ou a rá patilonga. Nos muros das vellas leiras e nos penedos,
constantemente quecidos polo sol, non é difícil ver algunhas especies de
réptiles como o lagarto das silvas, lagarta galega ou víbora de Seoane.
![]() |
| O sistema dunar de Mar de Fóra |
![]() |
| Vista xeral da Praia |
Por sorte, a esplendorosa paisaxe de Mar de Fóra non perdeu nin chisco de
encanto. O Berrón segue a bruar dende o extremo do Cabo da Nave, amosando por
sempre a súa esgrevia silueta. No outro lado, cara banda de sur, a feroz ollada
do Centolo penetra no horizonte, máis alá da Punta dos Oídos. Sobre a dourada
area, as ondas cuspen a branca e salgada escuma do mar, e traen consigo
infinidade de lembranzas dos libertarios e aventureiros cabaleiros do mar.
Nestes días de forte temporal, achegámonos unha vez máis a este paradiso da
Fisterra máis salvaxe para entrar en comuñón co marabilloso espectáculo, onde o
mar asasino, loita contra a impenetrable resistencia das rochas. Que endexamais
os ventos deixen de azoutar a impoñente costa fisterrana.





1 comentarios:
Cantas entradas!! Os seguidores da Fraga non damos "a basto" para comentarche. jajajaja.
É broma: estamos encantados con tanta actividade na Fraga. Esta última entrada sobre Mar de Fóra é unha das mellores que lin ata o de agora. Unha entrada digna dun dos lugares máis fermosos e impresionantes da costa fisterrana. Unha aperta, e noraboa unha vez máis
Postar um comentário