venres, 16 de decembro de 2011

O Mar de Fóra das augas bravas


“En Mar de Fóra
a penas se percibe a luz do día
E o frío arde
nos tombos da mudez máis arraigada
e todo fica estraño
e silencioso
como unha sombra
enxoita de paisaxes

En Mar de Fóra
adoito se mesturan
as artes do tributo máis efémero:
herdanza de salitre
—a nosa—
de homes e mulleres salitrosos

Porque levamos no silencio
o rostro e a palidez salgada do traballo
Ese traballo inxel
de remendar nas redes do encaixe máis absurdo

En Mar de Fóra
as redes son o berce
onde aniñamos, nós,
alén da luz escura
que nos sinala o día”
Modesto Fraga, Mar de ausencias

O mar da Costa da Morte ten sona de ser o máis cruel e asasino do país. A lembranza de milleiros de vítimas está sempre presente, coma unha pantasma, en tódolos cantís e furnas do noso litoral, e tamén nos ollos dos vellos lobos mariñeiros. Aquí, na Fin do Mundo e á intemperie, os fisterráns nacemos acostumados a escoitar o feroz ruxido do vento e o constante balbordo do mar, sobre as agrestes ladeiras do ancestral Monte do Cabo.

A cara norte da Praia de Mar de Fóra, en Fisterra
A cara occidental de Fisterra, a máis salvaxe, sufre o eterno e constante traballo do mar sobre os seus cantís, un mar que moldeou ó longo dos séculos os cons, creando as máis singulares e curiosas formas, e creando algúns dos areais máis impoñentes de todo o país. Entre eles, a xoia da coroa é Mar de Fóra. Aberta a tódolos azoutes atlánticos, o seu nome sinala a súa perigosa situación e o seu carácter de praia asasina. Este areal, de case mil metros de lonxitude, une o Promontorio do Cabo co continente, pois é a vertente occidental do antergo tómbolo sobre o que se asenta parte da vila de Fisterra. Ó outro lado, atopamos a antagónica Praia da Langosteira. Entrámbalas dúas, disque antano, existía un estreito de mar que separaba o Cabo Fisterra do resto do mundo. A superficie areosa e a unidade desa zona é o que queda daquel pasado no que Fisterra era unha illa. O sistema dunar de Mar de Fóra, é tamén, a paraxe natural mellor conservada e máis protexida do noso concello. Dende a catástrofe do Prestige, fixéronse grandes esforzos para protexer este ecosistema, tan singular coma delicado. No medio desta paisaxe que semella doutro mundo, atopamos algunhas especies vexetais e de liques únicas e en perigo de extinción. A carón dos regatos e pequenas lagoas que se forman, podemos ver especies de plantas e algas acuáticas, así como especies de anfibios como a píntega rabilonga, o pintafontes común ou a rá patilonga. Nos muros das vellas leiras e nos penedos, constantemente quecidos polo sol, non é difícil ver algunhas especies de réptiles como o lagarto das silvas, lagarta galega ou víbora de Seoane.

O sistema dunar de Mar de Fóra 
Os piñeirais do Monte da Nave fúndense pouco a pouco coa carrasca e o toxo, arbustos costeiros que na primavera amosan o seu colorido. É tamén doado atopar multitude de árbores autóctonas como o carballo ou o castiñeiro. A carón dos regatos, a flora é especialmente diversa: ameneiros ou sabugueiros, ademais de todo tipo de plantas acuáticas, algas ou fentos. Pola vertente sur da praia, desemboca un pequeno regato que verque as súas augas, directamente sobre a area. Ó seu redor, hai tamén un rico ecosistema acuático que se funde cos, tamén, ricos piñeirais do Monte do Cabo, e onde xa se empezan a ver algunhas das pequenas leiras da aldea de A Ínsua. Mar de Fóra fica circundada por inmensos cantís, ricos en herba de namorar. Nos acantilados de Uña de Ferro e Alba do Sul, aniñan multitude de aves mariñas, entre as que cabe destacar a pardela, o corvo mariño e os miñatos. Nembargantes, as diversas especies de gaivotas seguen a aniñar no seu vello fortín do Ghavoteiro, un vertixinoso petón encravado no extremo norte de Mar de Fóra. As constantes correntes fan que as augas de Mar de Fóra se renoven constantemente, o que convirte ós seus fondos mariños en fonte constante de riqueza e de beleza natural. Entre as especies de peixe máis comúns nestas feras costas, cabe destacar os sargos, douradas, maragotas ou robalizas; auténtico manxar cobizado polos solitarios pescadores de cana. Nos cons e nas furnas, aniña tamén, o mellor percebe, outro dos manxares máis suculentos que a ferocidade do mar e a ousadía de poucos, teñen a ben pornos no prato.

Vista xeral da Praia
Dende fai uns anos, o entorno do Mar de Fora foi protexido por diversos organismos. Hoxe conta cun pase de protección dunar e un acceso limitado ás dunas, o que acabou coa antiga e perigosa costume de empregar vehículos rodados por este antigo lugar. Sen embargo, outro perigo ameaza agora este espazo único: algúns peregrinos e visitantes, con pouco sentido do civismo, acampan ás súas anchas nas dunas, areais e bosques hidrófilos de Mar de Fóra. As auténticas xaurías de cans e as fogueiras que se celebran nas praias, non so están a desvirtuar a milenaria tradición de contemplar unha das postas de sol máis espectaculares do planeta; ademais, están a facer perigar o fráxil ecosistema de Mar de Fóra e a boa imaxe de Fisterra como meta do Camiño Xacobeo. Por sorte, a esplendorosa paisaxe de Mar de Fóra non perdeu nin chisco de encanto. O Berrón segue a bruar dende o extremo do Cabo da Nave, amosando por sempre a súa esgrevia silueta. No outro lado, cara banda de sur, a feroz ollada do Centolo penetra no horizonte, máis alá da Punta dos Oídos. Sobre a dourada area, as ondas cuspen a branca e salgada escuma do mar, e traen consigo infinidade de lembranzas dos libertarios e aventureiros cabaleiros do mar.
Nestes días de forte temporal, achegámonos unha vez máis a este paradiso da Fisterra máis salvaxe para entrar en comuñón co marabilloso espectáculo, onde o mar asasino, loita contra a impenetrable resistencia das rochas. Que endexamais os ventos deixen de azoutar a impoñente costa fisterrana.

1 comentario:

Xoán S. Pazos dixo...

Cantas entradas!! Os seguidores da Fraga non damos "a basto" para comentarche. jajajaja.
É broma: estamos encantados con tanta actividade na Fraga. Esta última entrada sobre Mar de Fóra é unha das mellores que lin ata o de agora. Unha entrada digna dun dos lugares máis fermosos e impresionantes da costa fisterrana. Unha aperta, e noraboa unha vez máis