martes, 22 de xullo de 2008

Vai de morto quen non foi de vivo


"Camiño, camiño branco
Non sey para dónde vás,
Mais cada vez que te ve o
Qui era podert'andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para ó Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues á San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
En donde? ¡qué mais me dá!"

Rosalía de Castro

De fronte ó mar, agóchase o místico lugar de Santo Andrés de Teixido. Esta fermosa aldea de corenta e nove habitantes resístese a morrer no esquecemento, e comparte co visitante a súa fe i espranzas. As herbiñas de namorar, os sanandresiños, a fonte dos tres canos ou os cruceiros, fan de San Andrés, un punto importante de peregrinación. As pequenas e brancas casas de pedra imprimen un sentimento de sosego e as súas estreitas rúas fican percorridas por romeiros que, dende lonxe ou preto, camiñan ata San Andrés. Resulta estraño e sorprendente ver a contraposición da terra e do mar tan de preto, facendo de San Andrés unha pequena aldea mergullada nun val e pendurada duns dos cantís máis altos de Europa continental. A súa situación facía de Santo Andrés un lugar de complexo acceso para os romeiros, e por este motivo foi coñecido como “Santo Andrés de Lonxe” ou “Santo Andrés do Cabo do Mundo”. O lugar é húmido, polo tanto conserva unha inmensa e admirable riqueza ecolóxica. É importante, tamén, visitalo Miradoiro de Vixía de Herbeira, a uns aproximados 600 metros de altitude, e dende o cal podemos observar unha espléndida panorámica dos cantís nos que se localiza o Santo Andrés. De camiño, ben seguro atoparemos cabalos e bestas salvaxes, así como gando pastando ceibo; e poderedes observar tamén, na mesma Capelada, un dos parques eólicos máis importantes de Galicia. O camiño é a obriga para visitar o singular e feiticeiro Santo Andrés de Teixido, para ollar o mar dende un recuncho distinto e para esquecer as presas alén do Cabo do Mundo.

5 comentarios:

Brais Santomil dixo...

Santo Andrés de Teixido, um dos lugares deste nosso país onde se conservam tradiçons pre-cristãs.

Xoán S. Pazos dixo...

Ao igual que Fisterra, San Andrés é un deses sitios que ten un algo, que ten unha maxia inexplicable que vai máis alá dos tempos. Unha maxia que semella celta, milenaria, mística... parte da esencia da Galicia.
Volveremos alí doutra volta, pero cando sexa a celebración.

Saudiños dende Compostela para o Mouro.


P.D. Gracias polo post!!!

Anónimo dixo...

Preciosa foto......!
Calquer foto onde esté a imensidade do mar é un tesouro.
Gústame moito o teu blog, de verdade.

Anónimo dixo...

Volvín olvidar poñer a "A" son eu .Xa sabes.Mil disculpas!

Anónimo dixo...

Gracias "A", por visitalo meu blog. Sei que es das fixas. Un saúdo