domingo, 7 de setembro de 2014

A eira e canastros de Barroso


“Xunta palla, xunta palla,
para facer un palleiro,
i-e no canastro bó millo
pra non traballar no inverno”.
Mª do Carme Kruckenberg, Obra poética case completa

Logo de visitar o Calvario e os canastros da parroquia melonesa de Quins, quixemos procurar outra aldea, outra importante mostra de arquitectura popular galega, non moi lonxe de Quins; concretamente na parroquia de Barroso, no veciño Concello de Avión.  Neste lugar localízase unha das meirandes concentracións de canastros do noso país, un importante patrimonio que non dubidamos en visitar. Viaxamos pois cara a Parroquia de Santa Baia de Barroso, cara o concello ourensán de Avión, sen saírmonos aínda da sempre fascinante Comarca do Ribeiro. Achegámonos a esta fermosa parroquia unha solleira e calorosa mañá de maio. Ó chegar a Barroso non conseguimos avistar os hórreos ou canastros que procurabamos, polo que non dubidamos en abordar a un veciño do lugar para preguntarlle por eles. 


O veciño decidiu, moi amablemente, acompañarnos até o lugar, que ficaba moi preto de nós pero sen sinalizar. Á fin estabamos ante a eira e canastros de Barroso, ant’outro senlleiro conxunto de hórreos erixidos en pedra e madeira, ó igual ca os de Quins, pero iso si; con maior número de canastros e moito mellor conservados. Achegámonos ós primeiros canastros que atopamos namentres arrodeabamos esta pétrea i enorme eira comunal, para detérmonos a ollar as súas características. A pedra era empregada para conformar o armazón do canastro, aportándolle solidez e resistencia. A madeira, nembargantes, empregábase somentes para cubrir todos e cada das caras; a frontal, a traseira e as laterais. A cuberta destes canastros é a base de lousas graníticas, aínda que pola contorna acostúmase tamén a cubrilas de tella ou mesmo de lousa. 


Nesta pequena aldea de Barroso consérvase un total de 29 canastros. Esta é, de feito, a terceira maior concentración de hórreos do noso país tralos 30 exemplares de Combarro e os 34 do concello ourensán de A Merca; a segunda de Europa, somentes superada polos 62 canastros de Lindoso, en Portugal. Perdémonos camiñando entre os canastros, ollando as súas grandes similitudes e as súas mínimas diferenzas, palpando a madeira, os tornarratos, contando pares de pés e celestes liques nos pétreos tellados. Todos e cada un destes canastros, como diciamos anteriormente, fican nun excelente estado de conservación e nunha contorna de gran beleza natural e paisaxística. Todo semella en paz neste recuncho de Barroso; eiquí respírase harmonía. 


Contan que a existencia destes canastros poida que se remonte ó século XIV, ou iso é o que semellan testemuñar uns diezmos aboados polos veciños de Abelenda, San Cristovo e San Xusto, ó Señor de Ribadavia aló polo 1478. Os veciños de Abelenda aboarían 16 fanegas de pan de millo e centeo, os de San Cristovo, dúas fanegas de pan e os de San Xusto, 40 fanegas tamén de pan. Este feito fai pensar que daquela os veciños xa tiñan a necesidade de conservar o cereal dadas as cantidades que se citan. No ano 1630 terían lugar novos pagamentos de diezmos ó Señor de Ribadavia, o que semella reflectir que a explotación de cereais na contorna continuaba. 


Contan tamén que nunha enciclopedia escrita polo político Pascual Madoz Ibáñez aló polo ano 1843, citábase que nas parroquias de Abelenda e Amiudal, pertencentes ámbalas dúas ó Concello de Avión, cultivábase o millo e o centeo. O certo é que neste concello aínda se conservan centos de canastros, algúns din que até 700, mais por desgraza, a meirande parte dos mesmos fican nun estado de ruína e abandono. O tempo foi mudando as nosas costumes, e o uso destes canastros foise perdendo. A diáspora, o tempo, a fuxida dos máis novos ás cidades e unha poboación cada vez máis avellentada, foi facendo que estas antigas construcións sexan, no mellor dos casos, meros obxectos decorativos ou parte do atractivo de pequenos lugares esquecidos coma este. 


Regresamos até a gran eira que nos deu a benvida a este valioso recuncho de Barroso. Nela tratamos de cavilar nas moitas xeracións que logo de arar e segar o millo e o centeo, de traballar nos campos arreo, mallarían gozosos nesta eira o seu cereal. E gardarían despois o froito do seu traballo, a semente do seu pan, a súa fartura; en cadanseu canastro, “pra non traballar no inverno”. Maxinamos aquelas xeracións de veciños agardando, nesta eira, a súa quenda pra mallar. Agardando nos muíños da aldea a súa moenda. Logo de tanto maxinar, abrimos os ollos e decatámonos que, por desgraza, pouco queda xa desa Galiza que estabamos a maxinar; a rememorar. O tempo e o progreso, como diciamos anteriormente, fixo que construcións tan senlleiras como hórreos e muíños caeran en desuso e perdesen o seu sentido nos nosos días. 


Malia todo, sorprende para ben coñecer lugares coma este de Barroso, que os veciños ou autoridades competentes, tiveron o acerto de recuperar. Deixamos tras de nós esta importantísima mostra de arquitectura popular, o terceiro meirande conxunto de canastros do noso país, para proseguir coa nosa particular viaxe polas cálidas terras ourensás. Que estes canastros do Barroso sirvan tan sequera pra lembrar, ás xeracións que están por vir, as tradicións e o xeito de vivir dos nosos devanceiros; a dura e leda infancia dos nosos avós.  

Ningún comentario: