mércores, 24 de setembro de 2014

O esquecido Dolmen de Cabaleiros


“Rumor de rezos para afogar o estrondo dos mortos,
o laído dos cadáveres que piden contas.
E qué fondo o seu ruxido, clamor de calcio,
incendio de dor, tenso eco de tumbas.
Sodes facho, lumeira das toupas da derrota:
o sinal do silencio nas lápidas sen nome.
Agardando, a manta sobre a alma, a chamada
da torga, metálico mulime, negra terra”.
Carlos Negro, Cantos da perda

Este finado verán, namentres repasaba a prensa, achei unha nova que chamou fortemente a miña atención. Na citada nova, publicada na edición impresa do xornal El Correo Gallego o pasado día 21 de xullo do presente ano 2014, expúñase o  estado de abandono que presenta nos nosos días o dolmen de Tordoia, tamén coñecido como a Casa da Moura, Casa dos Mouros, Couza do Cacheiro ou Dolmen de Cabaleiros. Na nova destacábase que a pesares de ser unha das pezas máis prezadas do patrimonio galego e Monumento Histórico-Artístico dende o ano 1975, semella esquecido polas administracións. Ó parecer, dende fai uns anos este dolmen, que data do III milenio denantes de Cristo, non recibe apenas visitas, e os carteis informativos fican tirados e practicamente ilexibles. Somentes uns días despois de ler esta nova, decidín achegarme ata o concello coruñés de Tordoia acompañado polo meu amigo Óscar para coñecer estoutro dolmen galego e o seu estado de conservación. Viaxamos pois cara a Comarca de Ordes para tratar de achar este monumento megalítico que se sitúa na parroquia tordoiesa de San Xián de Cabaleiros, e o certo é que non nos resultou nada difícil atopalo. Saímos de Compostela unha tarde solleira e calorosa e collemos rumbo ó Concello de Ordes. Ó chegar ó núcleo deste concello do interior coruñés, tomamos a estrada que nos levaría ata Carballo e uns 12 quilómetros despois, á altura do lugar de Tablilla, collemos rumbo á esquerda cara A Pontepedra. 


Denantes mesmo de chegar ó lugar da Pontepedra, acharíamos o dolmen a carón mesmo da estrada, nun recinto ou peche de cachotería. Achegámonos ata el ateigados de curiosidade. O primeiro que puidemos albiscar foi unha pétrea placa que semellaba case que ilexible, ateigada de liques e desgastada polo tempo. Na placa puidemos ler, con certa complexidade, a seguinte mensaxe: “Dolmen de Cabaleiros. Monumento megalítico de carácter sagrado e funerario”. Propuxémonos a entrar naquel peche para ollar de preto as características desta xoia megalítica tordoiesa. O primeiro que nos chamou a atención foi o enorme tamaño dos sete esteos que o conforman, amais da laxe de cubrición, que posúe unhas dimensións de 4 por 3,40 metros. O dolmen posúe unha cámara poligonal aberta con corredor orientado cara o leste. A cámara acada os 3,10 metros no eixe maior e unha altura aproximada de 1,70 metros. O túmulo, nembargantes, posúe un diámetro aproximado de 30 metros e unha altura de dous metros. Este Dolmen de Cabaleiros, polo seu excelente estado de conservación, é un dos mellores exemplos da arquitectura funeraria do Neolítico no noroeste peninsular. Arredor deste dolmen observamos que aínda se conserva gran parte do montículo de terra da mámoa que orixinalmente o cubría. 


Como diciamos anteriormente, este dolmen, que conta cunhas seis mil primaveras, tamén é coñecido popularmente como A Casa da Moura. Conta a lenda que esta Moura, a vella meiga que se cre que habita neste dolmen, chegou a mover a enorme laxe de cubrición e colocala sobre da súa cachola namentres tecía un vestido coas súas mans. Malia a ser, como diciamos, un dos mellores exemplos da arquitectura funeraria do Neolítico no noroeste peninsular, nos nosos días este Dolmen de Cabaleiros, propiedade da Deputación da Coruña, presenta un estado de abandono que resulta evidente. Por unha banda, a estrutura está danada, achándose unha fenda ou fractura na laxe de cubrición que pode pór en serio risco a conservación desta xoia megalítica. Pola outra, e tal como previamente leramos naquela nova publicada en xullo no xornal El Correo Gallego, comprobamos que un dos paneis informativos seguía tirado nun extremo do recinto. Este panel, xunto coa pétrea placa case que ilexible que nos dera a benvida, non semellan cumprir co seu cometido; o de informar ou divulgar as características e a historia deste dolmen de gran valor e importancia. Tamén botamos en falta un indicador que, dende a mesma estrada, nos alertase da súa presenza. Malia todo o anteriormente exposto, cómpre sinalar que non é, nin por asomo, dos dolmens peor conservados do noso país. 


Denantes de liscar de San Xián de Cabaleiros, un veciño da parroquia achegouse onda nós pra falarnos do dolmen. Debeuse sorprender de vernos alí, o certo é que ultimamente, e como diciamos ó comezo, este dolmen apenas recibe visitas. Aquel home era Antón Fraga Castro, un sabio veciño que vive enfronte mesmo do megálito e co cal mantivemos unha longa e interesante conversa, logo da cal decidiu ensinarnos outro recuncho da parroquia, non menos sorprendente, que ficaba moi preto da Pontepedra; concretamente no veciño lugar de Seixán. Deixaremos pra máis adiante estoutro recuncho ó que nos levou Antón, outra xoia pétrea que descubrimos grazas a el. Polo momento somentes nos resta desexar que este Dolmen dos Cabaleiros volva a ser noticia, mais desta volta porque se garanta a súa protección e se poña en valor como se merece. Non esquezamos que estas mámoas e dolmens, estas xoias milenarias, formaron parte da vida cotiá dos nosos devanceiros máis primitivos, e agora forman parte da nosa historia, da nosa cultura, da nosa identidade; son parte de nós. 

Ningún comentario: