martes, 23 de setembro de 2014

Lagoa da Frouxeira, refuxio de aves viaxeiras


“Están, meu corazón, meu neno lindo,
os carballos batendo-se co ar e co machado
e o monte alto contra a máquina que o aboura,
a lagoa azul renovando a sua auga
teimosamente cegada,
a águia rexa sulcando a luz contra o disparo,
e o bosque e a serra e o mar,
e o rio e a luz e o sol e a noite branca”
Lois Diéguez, Sete poemas e un maio

Logo de coñecer algunhas das paraxes máis fermosas do concello coruñés de Valdoviño, tal que a Ermida da Virxe do Porto ou o moderno faro de Punta Frouxeira, ámbolos dous sitos na parroquia de San Vicenzo de Meirás, decidimos coller camiño cara un dos meirandes atractivos que aínda agardabamos coñecer neste fascinante concello da Comarca da Ferrolterra. Denantes de liscar de Valdoviño debiamos percorrer aquel extenso areal que albiscaramos ó nordeste do faro, e por suposto, coñecer a lagoa que agocha e protexe dende a noite dos séculos; unha das máis senlleiras do noso país. Collemos rumbo cara a praia e lagoa da Frouxeira, un espazo ecolóxico virxe, un conxunto de gran valor medioambiental, onde cada ano se refuxian milleiros de aves viaxeiras. Camiñamos un bo anaco por aquel branco Areal da Frouxeira denantes de coñecer a súa lagoa. A praia, de mar aberto i embravecido, de finísima area, posúe máis de tres quilómetros de lonxitude dende Valdoviño até a parroquia de San Vicenzo de Meirás. 


As dunas deste areal xogan un papel fundamental para a protección e conservación da Lagoa da Frouxeira, xa que serven de represa natural e favorecen a contención das augas. De feito, tanto o areal como a lagoa, foron declarados Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA), Humidal de Importancia Internacional (RAMSAR) e Lugar de Importancia Comunitaria (LIC Costa Ártabra). Así mesmo, foron tamén incluídos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia. Logo de coñecer unha pequena parte deste branco e fino areal, decidimos procurar a súa lagoa. Achegámonos ata ela sobre das dunas pero a través dun ecolóxico paseo de madeira. Á fin estabamos ante a senlleira Lagoa da Frouxeira, ante a verdadeira xoia natural que nos trouxo até este fermoso Concello de Valdoviño. Como diciamos anteriormente, a Lagoa da Frouxeira é un encrave húmido de gran importancia no noso país, especialmente por ser un lugar de gran valor ornitolóxico. 


Nesta lagoa, neste recanto de augas transparentes, adoitan descansar, ano tras ano, numerosas aves migratorias. Eiquí deben atopar a paz, a protección e o alimento necesario pra seguiren a súa instintiva viaxe até os máis afastados e descoñecidos confíns. Esta lagoa posúe unha forma ovalada, case que rectangular, e unhas dimensións aproximadas de 1.700 metros de longo por uns 500 metros de ancho. A profundidade non adoita superar o metro e medio de altura. A lagoa recibe as augas doces do Rego de Vilar e os aportes da chuvia, e desemboca nas salgadas augas do mar a través dunha canle, duns aproximados 20 metros de anchura, que se abre coa acción das mareas. Nos últimos invernos, xa semella unha costume que se inunden os terreos próximos á lagoa, froito do aumento periódico da cota hídrica e das adversas condicións meteorolóxicas. Contan que antano eran os propios veciños do lugar os que abrían a canle, previndo o posible asolagamento das súas terras. 


Nesta lagoa teñen o seu leito, o seu hábitat, o seu fogar, numerosas especies animais. Baixo das augas deste húmido verxel nacen e medran as anguías, namentres que as marxes da lagoa son o fogar de numerosos anfibios como a ra estroza (Hyla arborea), a ra vermella (Rana temporaria), a ra verde (Pelophylax perezi), a píntiga común (Salamandra salamandra), o sapo (Bufo bufo), e o sapo corredor (Bufo calamita), así como mustélidos como a lontra (Lutra lutra) e micrótidos como a rata de auga (Arvicola sapidus) ou a trilladeira dos prados (Microtus agrestis). No que respecta ó mundo dos réptiles, son as cobras de colar (Natrix natrix) e os escánceres os que adoitan localizarse a rentes mesmo da lagoa, procurando zonas húmidas. A perigosísima víbora de Seoane (Vipera seoanei) pódese achar tanto en ambientes húmidos como nos secos areais. É frecuente que polos arredores da lagoa se albisquen raposos e mesmo xabarís. Mais se por algo se distingue este importantísimo espazo natural, é por ser o fogar, a estación; o refuxio para a vida e o descanso de milleiros de aves. 


Moitas das aves que eiquí conviven son sedentarias e pasan aquí todo o ano, para elas a Frouxeira é o seu fogar. Outras, nembargantes, son aves de paso ou migradoras, e a pesares de viren tódolos anos, somentes paran pra descansar. Estas aves de paso viaxan dende a costa occidental de África até o norte de Europa, onde semellan aniñar. Na contorna da Lagoa da Frouxeira pódense albiscar galiñolas negras ou demos negros (fulica atra), rascóns de auga (Rallus aquaticus), patos frisados (Anas strepera), pitas da auga (Gallinula chloropus), gaivotas choronas (Larus ridibundus), azulóns (Anas platyrhynchos), pilros comúns (Calidris alpina), pilros tridáctilos (Calidris alba), parrulos chupóns (Aythya ferina), píllaras reais (Charadrius hiaticula), mazaricos rabinegros (Limosa limosa), cercetas, corvos mariños, garzas imperiais e até falcóns. Deixamos tras de nós este areal i esta lagoa, este verxel onde pousan, onde peteiran, onde berran, onde descansan; onde reinan as aves viaxeiras. 

Ningún comentario: