“Primeira man amiga
qu'o emigrante estreita,
foguete debecente
nas festas da galerna.
O mar reza as suas foulas
como rosarios brancos
caron da tua cruz de luz inmovel
na noite axionllado.
Pano da derradeira despedida.
Lazariño dos barcos.
Arbor decote orfo
de ponlas e paxaros.
Que como Cristo vas encol da ágoas
estendendo os teus brazos,
mirando pol-a vida dos que dormen,
na cruz da escuridá, dependurado”.
Luís Amado Carballo, Proel
No fermosísimo concello coruñés de Valdoviño, e a escasos metros da Ermida da Virxe do Porto, acharíamos esta pasada primavera o Faro da Frouxeira, un dos máis modernos do noso país. Este faro localízase, ó igual que a Ermida da Virxe do Porto, na parroquia de San Vicenzo de Meirás, e máis concretamente, na Punta Frouxeira; no extremo oeste do areal e lagoa da Frouxeira e moi preto do fermoso e senlleiro areal de Pantín. Quixemos achegarnos até esta punta, na que desgraciadamente faleceron tres veciños durante os duros temporais desta pasada invernía, para coñecer de primeira man a beleza que agochan os vertixinosos cantís, e o bravío mar, deste traizoeiro recuncho das Rías Altas. Logo de contemplar a fermosa Ermida da Virxe do Porto, o meu amigo Samuel e máis eu collemos rumbo ó faro, que acharamos de camiño denantes de chegar á ermida. Nada máis chegar a Punta Frouxeira e denantes mesmo de detérmonos a ollar a singular estrutura do seu faro, decidimos achegármonos até os seus impresionantes cantís. Dende alí albiscamos dúas fermosísimas panorámicas da contorna. Cara o nordeste, o longo e branco Areal da Frouxeira, e cara o suroeste; os perigosos e vertixinosos cantís de O Porto, onde se localiza a branca ermida que acabaramos de coñecer.
Logo de contemplar a contorna dende o alto dos cantís, decidimos centrar toda a nosa atención no seu faro, que semella un espello desta bravía i asasina Costa Ártabra, co fin de coñecer máis polo miúdo as súas características e a súa curta historia. O Faro de Punta Frouxeira, singular e vangardista, foi erixido no 1992 pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, mais non comezaría a funcionar até ben entrado o ano 1994. No 2008 sufriría as súas primeiras reformas, nas que se eliminaría unha fachada de vidro e se tapiarían os diferentes andares, deixando somentes pequenas xanelas nas escaleiras. A torre acada os 30 metros de altura, e a súa lus; máis de 20 millas náuticas. Este faro branquiazul, que se sitúa a máis de 90 metros sobre do nivel do mar, é totalmente automático i está controlado remotamente dende o mesmo día que entrou en funcionamento. E non resulta estraño, pois como diciamos ó comezo, este é un dos faros máis novos do noso país, somentes superado polo de Punta Nariga, no concello coruñés de Malpica, proxectado polo prestixioso arquitecto galego César Portela i erixido entrámbolos anos 1993 e 1995.
Nesta Punta Frouxeira, ó igual que noutros puntos da nosa xeografía como a contorna do Seixo Branco, aínda se poden ollar as ruínas de antigas instalacións militares, -tal que postos de observación, baterías, garitas de vixilancia, túneles e outras moitas dependencias como cociñas, aseos e habitacións-, que proliferaron na década dos 40 e que tiñan o fin protexer esta costa de posibles ataques logo da 2ª Guerra Mundial. Deixamos tras de nós este recuncho único para achegármonos agora até o areal e a lagoa da Frouxeira, non sen antes desexar que este faro, moderno e sen fareiro, continúe a alumear esta costa “pol-a vida dos que dormen” e para ben de tódolos mariñeiros.
2 comentarios:
É coma un Mikolápiz :)
Hehehehe, estes arquitectos...
Un saúdo Bricd!
Publicar un comentario